O Parlamento de Galicia decidiu por unanimidade requirir do Estado o cumprimento íntegro do Estatuto

Interior del Parlamento de Galicia. / Wikipedia (Archivo)
Interior del Parlamento de Galicia. / Wikipedia (Archivo)

É incríbel que despois de 36 anos non se cumpra a Constitución e Galicia teña aínda competencias pendentes de transferir consonte co disposto no seu Estatuto.

O Parlamento de Galicia decidiu por unanimidade requirir do Estado o cumprimento íntegro do Estatuto

É incríbel que despois de 36 anos non se cumpra a Constitución e Galicia teña aínda competencias pendentes de transferir consonte co disposto no seu Estatuto. Tamén é incríbel que Feijóo non reclamase cumprir a legalidade constitucional nestes dez anos que leva gobernando. Mais cómpre avaliar positivamente que o Parlamento por unanimidade confronte coa recentralización propugnada polo tripartito da Santa Alianza de extrema dereita. Só o autogoberno garántelle a Galicia o benestar. O dependentismo e a recentralización só achegan pobreza.

O Parlamento de Galicia ven de aprobar por unanimidade unha resolución proposta polo BNG para lle reclamar ao Estado a convocatoria da Comisión mixta de transferencias que aprobe o traspaso a Galicia dos medios e servizos precisos para completar o teito competencial do Estatuto.

Calquera persoa canadiana, suiza ou australiana ficaría pampa se lle contasen que o Parlamento dun país reclame (36 anos despois!) que se cumpra o Estatuto, que fai parte esencial da normativa constitucional do Estado. E máis pampa ficaría se lle contasen que Núñez Feijóo leva gobernando dez anos sen que reclamase as competencias estatutarias pendentes de transferir. Máis aínda cando o pasado vicepresidente Anxo Quintana entregoulle en abril de 2009 prácticamente pechados os traspasos dos museos, arquivos e bibliotecas de titularidade estatal (xa xestionados pola Xunta), inspección de traballo e bolsas e axudas ao estudo, así como a creación dun órgano paritario na Comisión Bilateral Xunta-Estado para controlar dende Galicia a efectiva execución dos investimentos consignados nos Orzamentos estatais. @GaliciaMundiari

Mais na política cómpre sermos pragmáticos. E, cando o PP de Casado pide recentralizar as competencias de sanidade, educación, xustiza e seguridade cidadá, seguindo o ronsel da extrema dereita española, que o PPdeG defenda o limitado autogoberno acadado no Estatuto ten unha importancia fulcral. De certo que Núñez Feijóo tivo en conta a heteroxeneidade da súa base electoral e as enquisas que todos os anos demostran que as propostas pola supresión das autonomías ou pola recentralización amputadora do autogoberno son absolutamente minoritarias na Galicia.

Desculparán os meus lectores cotiáns que repita os argumentos, mais cómpre mallar nesta verdade fáctica: este país achega menos do 6% do PIB e poboación estatais e depende de alicerces económicos que son para España prescindíbeis, polo que a única ferramenta que garante o noso benestar é o autogoberno. Velaí que este acordo parlamentario habería constituir un fito referencial para desenvolver unha e outra vez unha pedagoxía social e cívica que demostre e comunique que para Galicia, para as nosas familias, veciños e amizades, as propostas recentralizadoras do tripartito da Santa Alianza da dereita extrema só achegarán máis dependencia, máis emigración, máis desigualdade, menos benestar, menos liberdade e máis pobreza.

 

Comentarios