O Parlamento Europeo e os medios públicos rexionais asinan unha alianza

De izquierda a dereita, Jaume Ducht, voceiro e director xeral de Comunicación do Parlamento Europe; Françoise Erb, secretaria xeral adxunta de CIRCOM; Jyri Kataja-Rakho, presidente de CIRCOM; Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo; e Fernando R. Ojea, secretario xeral de CIRCOM e director de Contidos da CRTVG. / Prensa CRTVG
De izquierda a dereita, Jaume Ducht, voceiro e director xeral de Comunicación do Parlamento Europe; Françoise Erb, secretaria xeral adxunta de CIRCOM; Jyri Kataja-Rakho, presidente de CIRCOM; Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo; e Fernando R. Ojea, secretario xeral de CIRCOM e director de Contidos da CRTVG. / Prensa CRTVG

Antonio Tajani e o presidente de CIRCOM, o finlandés Jyri Kataja-Rakho, rubricaron un acordo nun acto en que tamén participou o secretario xeral de CIRCOM e director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea.

O Parlamento Europeo e os medios públicos rexionais asinan unha alianza

A organización de televisións rexionais europeas CIRCOM, da que a CRTVG ostenta a súa Secretaría Xeral, e o Parlamento Europeo asinaron en Estrasburgo un convenio de colaboración en que a institución que representa os cidadáns dos estados membros da UE, recoñece o valor dos medios públicos rexionais e confía neles unha serie de accións para achegar os valores democráticos, a información fiable e o debate político aos cidadáns no contexto das próximas eleccións europeas.

O presidente do Parlamento Europeo, o italiano Antonio Tajani, e o presidente de CIRCOM, o finlandés Jyri Kataja-Rakho, rubricaron un acordo nun acto en que tamén participou o secretario xeral de CIRCOM e director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea.

O convenio recoñece que “os medios rexionais teñen unha enorme importancia para as moitas sociedades rexionais que forman os países de Europa. Proporcionan unha serie de salvagardas esenciais para que estas sociedades funcionen correctamente e forman parte do propio proceso democrático. As organizacións de medios rexionais de servizos públicos profesionais independentes contribúen a garantir unha sociedade democrática e culturalmente diversa”.

O acordo sinala “o importante papel que xoga CIRCOM animando os seus membros a traballar xuntos para presentar e fortalecer o sistema de medios públicos rexionais en Europa” e o seu “crucial labor nos procesos electorais para informar os cidadáns sobre os eventos políticos, os programas e candidatos e contribuíndo á formación da opinión do electorado”.

Ademais, destácase o vital papel de CIRCOM Regional e os seus afiliados combatendo as chamadas fake news e a desinformación na era multiplataforma, especialmente durante os procesos electorais. O Plan de Acción acordado esta tarde en Estrasburgo estará baseado en 5 puntos estratéxicos para garantir que o vindeiro proceso electoral europeo de 2019, chegue da forma máis clara posible a todos os cidadáns dos estados membros mediante a información servida a través dos medios públicos rexionais. @GaliciaMundiari

Comentarios