Os aeroportos de Galicia son un exemplo de cómo AENA xera división entre galegos

AENA é a Administración aeroportuaria máis centralizada e ineficaz da Europa, polo que compre a transferencia á Xunta dos aeroportos, reservándose o Estado o control do tránsito aéreo no marco da UE.
Os aeroportos de Galicia son un exemplo de cómo AENA xera división entre galegos

Os aeroportos galegos son un bó exemplo de cómo esa catástrofe chamada AENA xera ineficiencia e división entre galegos. AENA é a Administración aeroportuaria máis centralizada e ineficaz da Europa. Compre. pois, a  transferencia á Xunta dos aeroportos, reservándose o Estado o control do tránsito aéreo no marco da UE.

Mais a futura Administración aeronáutica galega non poderá incorrer no mesmo erro de AENA. Hai que descentralizar a xestión aeroportuaria. Os servizos (aparcadoiro, “handling”, restauración...) poderíanse xestionar por tres Consorcios público-privados autónomos,  liderados pola Xunta e cadanseus concellos e nos que se integren os axentes sociais principais de cadansúa área urbana.

Dende estes alicerces, a captación de vós habería ser coordinada. E as subvencións haberían ser decididas pola Xunta co sentido de País e equilibrio de servizos, por proposta dos concellos e operadores económicos e evitando contraprogramacións suicidas. Neste contexto  sería posíbel  certa especialización aeroportuaria, sempre que nos decatemos que os tres aeroportos están comunicados deficientemente co resto do territorio galego. Xa que logo se decidimos, por exemplo, que o aeroporto “x” monopolice a interconectividade galega coas Illas Británicas, ha existir, coma en Irlanda, un servizo frecuente de bus-lanzadeira que comunique ese aeroporto coas outras cidades, sexa cal for a  remuda normativa que cumprise.

Os aeroportos serven para conectar Galicia co resto da Europa, nomeadamente para garantirmos unha ampla e conveniente achega de turismo destes países e do resto do mundo. Cumpriría decatármonos que éste, o turismo, é o obxectivo principal e non, pola contra, as conveniencias do pequeno grupo de galegos  que usan decote os aerodromos.

Nos aeroportos, como en tantas outras cousas, o problema chámase centralismo. E o centralismo chama polo localismo e pola ineficiencia. Galicia ten que xestionar a súa política aeroportuaria e ésta basearse nos seus tres-si, tres- aeroportos.

Os aeroportos de Galicia son un exemplo de cómo AENA xera división entre galegos
Comentarios