As oportunidades abertas polos resultados do 25-M no territorio galego

Xavier Vence.
Xavier Vence.

Aínda que non é pertinente practicar o mimetismo analítico, resulta adecuado reflexionar sobre os estados de ánimo que reflicten as porcentaxes obtidas polos distintos partidos ou organizacións.

As oportunidades abertas polos resultados do 25-M no territorio galego

Aínda que non é pertinente practicar o mimetismo analítico, resulta adecuado reflexionar sobre os estados de ánimo que reflicten as porcentaxes obtidas polos distintos partidos ou organizacións.

Calquera consulta electoral proporciona unha radiografía da opinión social rexistrada nun momento determinado e permite – a través do estudo das variacións existentes a respeito de convocatorias pasadas-  avaliar as tendencias que están operando no conxunto humano de referencia.

Os comicios celebrados o pasado domingo posúen unhas características que non deben ser desconsideradas:foron os primeiros de ámbito estatal dende as últimas eleccións xerais de Novembro de 2011 e teñen unhas singularidades asociadas á propia natureza da consulta (designar a representación nun Parlamento –o europeo- que non suscita, habitualmente, un interese participativo maioritario) que non permiten facer transposicións mecánicas a futuras citas coas urnas.Aínda que todas as eleccións europeas presentan determinados aspectos  de semellanza coas xerais -e moi poucos coas locais e autonómicas-  non é pertinente practicar o mimetismo analítico.Resulta adecuado, en troques, reflexionar sobre os estados de ánimo que reflicten as distintas porcentaxes de apoio de cada partido ou organización.

A pesar do que indicaban a case totalidade dos prognósticos, o nivel de participación non diminuíu no territorio galego.Aínda que non coñecemos estudios concretos sobre as transferencias de voto rexistradas o 25-M, resulta verosímil pensar que o PP foi o principal damnificado pola abstención mentres que moitos votantes do Partido Socialista do 2009 apoiaron agora a AGE e a Podemos.

A hexemonía do bipartidismo ficou seriamente cuestionada.Por moito que Núñez Feijoo fixera exercicios matemáticos interesadamente parciais para disimular a desfeita, non é posíbel negar a evidencia:a suma dos votos recibidos por PP,UPyD,C’s e Vox (41%) é notoriamente inferior á que obtiveron PSOE,AGE,Podemos,BNG e CxG (49,4%).A coartada argumental de que o resultado do PPdG é mellor que a media estatal non é quen de minusvalorar a gravidade dunha derrota que certifica a existencia dun amplo rexeitamento social ás políticas que aplica o presidente da Xunta.

Os dirixentes do PSdG tamén utilizaron recursos exculpatorios pouco convincentes.Alegar que a porcentaxe de votos recibidos superou a cifra das autonómicas de 2012 ou que a distancia coa terceira forza –AGE- é maior da que estimaban algunhas predicións demoscópicas non serve para neutralizar unha conclusión demoledora:a incapacidade para captar o descontento xerado polo PP e manter, ao mesmo tempo, a fidelidade dos votantes anteriores.

A sorprendente presenza de Podemos no escenario electoral altera significativamente o espazo alternativo que ocupaban até o momento AGE e BNG.Por qué non resultaron atractivas estas formacións para o relevante número de persoas (8,34%) que depositaron a súa confianza nesa nova plataforma?Unha pregunta que debería motivar a reflexión demorada e rigorosa por parte dos grupos afectados.AGE tiña, aparentemente, unhas mellores condicións para captar novos segmentos do descontento cidadán (polo seu éxito nos comicios de 2012, pola heteroxeneidade dos seus integrantes, pola propia figura carismática de Beiras) pero nin sequera foi capaz de conservar os votantes que consagraron o seu nacemento.No caso do BNG, a explicación hai que establecela noutras coordenadas.A orientación real da súa campaña –mais alá das proclamas habituais en calquera confrontación electoral- non foi buscar a empatía coas persoas que están desconectando co PSOE e/ou coa elite política senón afirmar a súa identidade diferencial con AGE para rachar a fuxida de apoios rexistrada en Outubro de 2012.Noutras palabras:o obxectivo do Bloque foi evitar o medre da distancia co principal competidor no universo do nacionalismo de esquerdas.Neste sentido –e grazas, tamén, ao xurdimento de Podemos- a diferenza electoral entre AGE e BNG fíxose agora mais cativa da que era hai 20 meses.

Aínda que sexa un lugar común na linguaxe postelectoral, os resultados do 25-M na Galiza ofrecen indiscutíbeis oportunidades para que teñan lugar cambios relevantes no sistema político.O castigo recibido polo PP e a inestabilidade na que vive o PSOE permite pensar na hipótese dun reforzamento dos sectores que propoñen transformacións mais fondas no tecido económico e nas decisións gobernamentais.

Comentarios