O terrorista perfecto é aquel que sementa o terror sen sospeita: un insurxente

O monopolio do Estado violento susténtase nun medo radical ao potencial insurxente das persoas.
O monopolio do Estado violento susténtase nun medo radical ao potencial insurxente das persoas.
"As pseudodemocracias nas que vivimos aceptan caladamente que só o Estado ten a lexitimidade necesaria para o exercicio da violencia", sostén este colaborador de MUNDIARIO nunha nova análise.
O terrorista perfecto é aquel que sementa o terror sen sospeita: un insurxente

Nada hai de novo no uso da violencia para a consecución dun obxectivo individual ou colectivo. Dende as primeiras luces da humanidade existen probas contundentes de cómo, directa ou indirectamente, por motivos xustos ou inxustos, programada ou espontaneamente, vimos utilizando distintos métodos e técnicas para ameazar ao Outro; a ese cuxa morte ou cuxa rendición nos vai permitir conseguir os nosos obxectivos.

Mesmo hai reflexións profundas sobre o sentido e o significado da violencia: como un acto de expresión ou de loita polo poder. Sen embargo, existen aínda importantes e estraños ocos na reflexión sobre a violencia e a súa aplicación.

Dende que a ditadura do politicamente correcto ten imposto o seu veo inconsciente sobre a liberdade de expresión das persoas, é moi difícil articular un pensamento libre sobre por qué exercer a violencia e, nesta mesma dirección, cales son as formas máis eficientes para o seu exercicio.

As pseudodemocracias nas que vivimos aceptan caladamente que só o Estado ten a lexitimidade necesaria para o exercicio da violencia. Ata tal punto isto é así que, semella, tamén o Estado ten o monopolio da reflexión e a expresión sobre o porqué e o cómo da violencia. O delito da “apoloxía do terrorismo” significa que, na loita polo político, o Estado exerce o sseu ditado tapando bocas.

Un síntoma desta coacción estatal da liberdade de expresión aplicada á violencia vese nas librarías. Un pode atopar sen problema libros dedicados á “violencia para si”, ou sexa, á violencia que nós aplicamos contra a nosa mente (enfermidade mental) ou o noso corpo (suicidio). Sen embargo, resulta imposible atopar nas librarías exemplares que falen da “violencia en si”: sobre a elaboración de armas, as técnicas de tortura, as tácticas de guerrilla… Estes exemplares están confinados nas academias policiais e militares, nos circuítos controlados polo Estado, e toda posesión destes materiais por persoas alleas a estes circuítos considérase, ademais, unha ameaza real digna de ser vixiada e mesmo suprimida.

Ironía máxima é que podamos ver pola televisión as consecuencias das torturas que, por exemplo, os soldados americanos aplicaron aos prisioneiros iraquís de Abu Graib, pero non saibamos qué técnicas de tortura utilizaron e con qué obxectivos.

Deste xeito, os medios nos alertan das consecuencias de converternos en “prisioneiros” do Estado –a través do medo físico, pero non nos informan sobre cómo “defendernos da prisión do Estado” en caso de que sexamos obxecto desas torturas –cunha preparación psicolóxica adecuada toda tortura pode ver os seus efectos atenuados ou suprimidos. Os aparatos ideolóxicos do Estado funcionan con máxima precisión e eficacia.

Con todo, a violencia móvese “like water”, adaptase aos distintos contextos que vai atopando, tamén ao monopolio estatal sobre o exercicio e a expresión da violencia. Se o anuncio e a reivindicación de accións violentas ten sido reprimido cada vez máis eficazmente polos corpos e forzas de seguridade dos Estados –quen gastan inxentes cantidades de cartos na preparación dos seus axentes e na adquisición de recursos actualizados para o exercicio da violencia. Actualmente están comezando a xurdir formas de violencia que golpean sen preaviso. E, moi previsiblemente, de seguir avanzando nesta dirección, serán tamén golpes sen reacción: non reivindicando, non presumindo, non contando quen fixo qué e porqué.

O terrorista perfecto é aquel que sementa o terror sen sospeita (ou sexa, un insurxente). A literatura postmoderna está repleta de conceptos que explican cómo a acción insurxente do individuo illado pode ser máis temida, por imprevisible e incontrolable, cá de calquera exército ou guerrilla ou soldado. Unha ama de casa con coñecementos de química básica podería construír, con produtos comúns da limpeza, unha bomba suficiente para un atentado. Só a ignorancia destes coñecementos (o control da “violencia en si”) impide que calquera ama de casa se converta dunha ameaza e, in fine, actúe de disolvente da lexitimidade violenta do Estado.

O monopolio do Estado violento susténtase, en consecuencia, nun medo radical ao potencial insurxente das persoas e a que este potencial, posto en práctica de forma violenta contra o Estado, acabe por disolver tanto a súa lexitimidade como a súa razón de ser. De feito, a distribución universal e equitativa da información sobre a “violencia en si” nos devolve unha imaxe moi próxima ao que Hobbes definía como a “loita de todos contra todos”. Sen embargo, lonxe de ser un “estado de natureza”, un caos de morte por doquier, está moito máis próximo ao “equilibrio de Nash”, onde a situación normal sería a paz.

Non só iso, senón que o actual monopolio estatal da violencia é o que, co seu desequilibrio e puntos de fuga informativos, está a crear terroristas perfectos xeradores de terror perfecto –cada vez máis eficientes nos seus obxectivos. Unha situación moito máis angustiosa, sen dúbida, cá dunha sociedade onde todos estamos formados nos métodos e técnicas máis eficientes para a nosa (tamén) lexítima defensa.

O terrorista perfecto é aquel que sementa o terror sen sospeita: un insurxente
Comentarios