O terror da pseudodemocracia: Como se Europa fose a Latinoamérica dos anos 90

¿Resulta negativo falar dun “demócrata radical” ou dun “fundamentalista democrático” ou dun “extremista demócrata”?
¿Resulta negativo falar dun “demócrata radical” ou dun “fundamentalista democrático” ou dun “extremista demócrata”?
Resulta esencial o control dos medios de comunicación para a definición interpretativa mediadora entre a realidade e as “cousas” que a conforman. Novamente, Wittgenstein e Foucault.
O terror da pseudodemocracia: Como se Europa fose a Latinoamérica dos anos 90

Ludwig Wittgenstein e Michael Foucault teñen sido quizais os dous filósofos que máis e mellor reflexionaron, ata o día de hoxe, sobre a relación entre a linguaxe e a realidade. O abismo existente entre o que percibimos e o nome que lle damos ao percibido cóbreo a nosa interpretación, a nosa forma de ver as cousas e de darlles un sentido que nos permita tanto denominalas como comprendelas –pois se lles poñemos nome é para darlles tamén un significado.

Ese mecanismo denominador no que participan os medios de comunicación, e onde o futuro do xornalismo e da politoloxía teñen tanto en xogo, é o que principalmente quere mercar e controlar (con man de ferro) o biopoder do terror pseudodemocrático.

A través dese control quérese delimitar que é ou non é democrático, mesmo indo alén do sentido común e dos valores democráticos. Xa temos visto ata aquí algún mecanismo: o que é democrático nun contexto pode non selo noutro, relativizando a democracia e a conveniencia.

Cando se trata dos conceptos, o relativismo leva indefectiblemente á disolución do seu sentido. O biopoder ten tal capacidade que pode mesmo contravir o seu sentido etimolóxico ou o seu significado orixinario; observemos por exemplo a qué quedou reducida a Escola Cínica logo de séculos de ditadura socrática. No discurso político contemporáneo interésame destacar a manipulación da palabra “radical”.

Aínda que etimoloxicamente “radical” signique “raíz”, no sentido de orixe ou fundamento, na linguaxe cotiá (e por tanto na nosa interpretación da realidade) o seu significado de extremoso ou intransixente –pois se defende un fundamento de algo, comeza a adquirir tonalidades negativas vinculadas a unha actitude violenta da que a palabra carece. De feito, case resulta un acto reflexo pensar, cando escoitamos a palabra “radical”, en sinónimos como “extremo” ou “fundamentalista” asociados a actos vandálicos ou terroristas. Agora preguntémonos: ¿resulta negativo falar dun “demócrata radical” ou dun “fundamentalista democrático” ou dun “extremista demócrata”?

Entón, ¿de onde procede esa asociación automática entre a palabra “radical” e as actitudes violentas? Pois en que manter o status quo obriga a que a maioría social rexeite(mos) inconsciente e automaticamente calquera posición “radical” que, por tanto, obrigue a un cambio no contexto actual, a un desprazamento das cousas cara a outro estado incontrolado da situación, ou no que muden os centros do poder vixentes.

Unha vez que as alternativas imprevistas polo biopoder quedan neutralizadas, todas as demais forman parte do “gatopardismo”: cambios tolerables de grao menor que permiten unha adaptación leve e un mantemento esencial dos centros de poder. Para conseguir que isto sexa posible, resulta esencial o control dos medios de comunicación para a definición interpretativa mediadora entre a realidade e as “cousas” que a conforman.  Novamente, Wittgenstein e Foucault.

Nestes artigos sobre o “terror da pseudopolítica” quixemos deixar clara unha idea fundamental: aqueles que se benefician da actual estrutura de poder farán todo o que estea na súa man para que todo permaneza sen cambios ou, se os hai, sexan controlados e de consecuencias previstas. Aínda diría máis, esa estratexia está xa en marcha, como se Europa fose a Latinoamérica dos ’90 a bolsa dos países rescatados cae antes das eleccións e se recupera cando a elección vencedora é aquela “do gusto de Bruxelas” –ou cando se aproban os desexados recortes. ¿Maxia?

Remato esta serie de artigos coa frase lapidaria do presidente da UE, van Rompuy, cando Bruxelas obrigou a dimitir a Berlusconi e impuxo o goberno fracasado de Mario Monti en Italia: “é tempo de accións, non de eleccións”. ¡Ao terror pseudodemocrático canto lle gusta falar de democracia, e que pouco permitir o seu libre exercicio!

O terror da pseudodemocracia: Como se Europa fose a Latinoamérica dos anos 90
Comentarios