Para que a pseudodemocracia funcione, a cidadanía ten que estar pouco ou mal informada

Técnicas como as tertulias a gritos, os debates populistas, os contextos de alta crispación e/ou polarización… son perfectos para incubar unha pésima información política, explica este analista.
Para que a pseudodemocracia funcione, a cidadanía ten que estar pouco ou mal informada

Se non coñecemos outras realidades non podemos comparar.

Segundo as enquisas dispoñibles, a información máis demanda pola opinión pública española é a de carácter local, a de proximidade, a relacionada coa realidade que consideramos máis próxima a nós. Consecuencia disto é que, cada vez máis, as revistas temáticas e os blogs especializados vaian gañando terreo e, segundo os que disto entenden, son a próxima táboa de salvación para o traballo xornalístico no futuro inmediato.

Outra consecuencia máis concreta, e que a nós nos interesa máis, é que cando obtemos ou buscamos información política se refire abrumadoramente ao sistema político do que somos parte –loxicamente nos preocupa moito menos (agás en casos puntuais) cal é o sistema electoral anglosaxón ou o porqué do voto obrigado no Perú.

A falta de información comparada con outros sistemas políticos reforza o discurso daquelas estruturas de poder interesadas en conservar o status quo do tipo de democracia actual. Isto é así, aínda que houbese outros modelos ou outras formas de facer as cousas mellor cás presentes… e igualmente democráticas. Tanto é así que, mesmo cando outro sistema político ten pretendido adoptar reformar iguais ás vixentes no noso sistema, dependendo de cómo se presentasen, puideron dar a impresión de ser moi diferentes… e mesmo radicalmente antidemocráticas.

Lembremos aquel discurso falso e interesado posto en marcha dende o biopoder do que falabamos a semana pasada: o cambio no tipo de democracia supón unha antidemocracia.

Para velo claramente recorramos a un exemplo. No referendo constitucional que celebrou Venezuela no 2007, unha das propostas de reforma do goberno de Hugo Chávez era suprimir o límite de mandatos consecutivos aos que se podería presentar un presidente. A limitación aprobárase no seu día de forma mimética á constitución dos USA que, curiosamente, non tivo esta limitación ata a aprobación da vixésimo segunda emenda no 1951; F.D. Roosvelt foi presidente durante doce anos consecutivos. A prensa española tachou esta proposta de “fascista” ou “autoritaria” cando foi o modelo americano durante case douscentos anos é… ¡é o modelo español dende 1978 ata o día de hoxe! A mesma medida era, porque interesaba, democrática nuns contextos e antidemocrática noutros.

Deste xeito, para que o terror do poder pseudemocrático funcione, a cidadanía ten que estar pouco ou mal informada de política. Técnicas como as tertulias a gritos, os debates populistas, os contextos de alta crispación e/ou polarización… son perfectos para incubar unha pésima información política. Cada polo buscará arrimar a presunta verdade á súa posición, e deixar o coñecemento sobre o sistema político (e máis aínda as súas alternativas) sumidas nunha densa nebulosa de confusión e desinformación.

Se non coñecemos outras realidades non podemos comparar, dificultando o proceso de cambio político máis aínda.

O futuro dunha democracia mellor está nos ombreiros de moitos xornalistas políticos e de moitos politólogos con espírito didáctico e divulgador. A independencia das canles de poder institucional vai resultar fundamental para podermos construír unha mellor información política e, a partir dela, unha democracia mellor e un futuro mellor para todos/as.

Para que o podamos conseguir hai aínda outro reto que afrontar: a transparencia dos datos públicos e a liberdade do xornalismo independente para acceder e traballar con eses datos.

Para que a pseudodemocracia funcione, a cidadanía ten que estar pouco ou mal informada
Comentarios