O sistema de financiamento do Partido Popular era substancialmente ilegal

Mariano Rajoy y Alfredo Pérez Rubalcaba / Telecinco.
Rajoy e Rubalcaba / Telecinco.
No caso andaluz dos ERES, as revelacións chegaron ao cerne do Goberno autonómico, mentres IU segue a lexitimar coa súa presenza no Goberno andaluz unha situación insostíbel, observa este analista.
O sistema de financiamento do Partido Popular era substancialmente ilegal

Non é só que unha enquisa recente lles dese xuntos ao PP e ao PSOE 225 deputados no canto dos máis de 320 obtidos no 2008. É que as revelacións dos últimos días a respecto dos casos Bárcenas e ERES andaluces son abraiantes.

Porque todo vai apuntando a que o sistema de financiamento do PP estatal era substancialmente ilegal e que esta ilegalidade foi coñecida por Aznar e Rajoy.

No caso andaluz dos ERES, as revelacións chegaron ao cerne do Goberno autonómico, mentres IU segue a lexitimar coa súa presenza no Goberno andaluz unha situación insostíbel.

O fenómeno xa o ten debuxado o sociólogo electoral Jaime Miquel: o bipartidismo, hexemónico no Estado e na Galicia dos últimos trinta anos, vai caer de xeito grave e continuado. Porque son dous partidos que constitúen o problema e non a solución e porque a carga da corrupción non deixa xa respirar a ambas as dúas organizacións. Veremos, iso si, certas manobras de entendemento entre os dous, que mesmo poderían rematar nun pacto á grega- como o do PASOK e Nova Democracia-, agás que os cadros medios socialistas adopten a decisión de rematar con esta agunía e darlle o relevo á pésima dirección de Rubalcaba.

Nesta circunstancia, o oco a deixar polos dous partidos estatais na Galicia ben podería ser coberto polo galeguismo e mesmo por unha entente entre os distintos proxectos galeguistas. Unha entente priorizada nas políticas de crecemento,o mantemento dos servizos públicos e do Estado do Benestar, a transparencia e mellora cualitativa da democracia e máis a ampliación e afortalamento do autogoberno. Mais semella que BNG e Anova asumiron unha competición para lle amosar á cidadanía quen é máis radical e antisistema, pretendendo pór o foco sobre cuestións como a independencia, o xuizo de Madrid aos independentistas ou a quimera dunha Novagalicia pública, proposta que só vai enfeblecer unha posición de País que tentaría evitar a súa absorción por un grande Banco estatal.

Nesta conxuntura, o sentido da realidade amosado por 18 alcaldes galegos do BNG, Anova, CXG e independentes fundadores da Irmandade Municipal Galeguista confronta coas teorizacións de determinados dirixentes que non se queren decatar da necesidade de lle ofrecer á cidadanía novas ferramentas políticas, modernas, transparentes, horizontais e pragmáticas. De que hai que lle ofrecer solucións e non quimeras.

Comentarios