Arredor do sentimento nacional: é posible un "nacionalismo internacionalista"?

Banderas en un puño. / RR SS
O nacionalismo galego con vocación internacionalista debe propor como estrutura do sistema mundo unha especie de cosmopolitismo, entendido como o agrupamento das realidades comunitarias e nacionais.
Arredor do sentimento nacional: é posible un "nacionalismo internacionalista"?

A definición do termo nación xerou multitude de controversias ao longo da historia recente, que ampararon un debate baseado na coincidencia ou non de nación e estado como un único ente. As fronteiras dos estados modernos abranguen en moitas ocasións diversas identidades nacionais con vontade de se autodeterminaren. O sociólogo David Held define nación como unha "comunidade de historia e de cultura que ocupaba un territorio particular e que decote facía reclamacións de ter tradición distintiva de dereitos e deberes comúns para os seus membros". Contra a idea de que a loita dos nacionalistas polo mantemento da súa identidade dependía da explotación da etnohistoria, compre citar ao filósofo francés Ernest Renan, que predicou unha visión diferente do concepto de nación, pero non por iso menos importante, e que deixa de lado aspectos como cultura, raza, lingua e territorio: "a nación é unha alma, un principio espiritual, que se afinca no pasado e no presente, no herdo indivisible que recibimos e na vontade de conservalo e acrecelo".

Francisco Fernández Del Riego contempla como ideal unha colaboración de nacións no que el chama o aerópago universal de pobos ceibes, que non signifique, de ningún xeito, a renuncia dos pobos ás súas ambicións nacionais. É dicir, fai fincapé en que para organizar e estruturar racionalmente a vida internacional débese loitar primeiro pola democracia interna, constituíndo unha Galiza soberana. Podemos citar tamén a visión universalista que Castelao expresou no seu Sempre en Galiza, que se se asemella moito ao concepto de Galicia, célula de universalidade de Del Riego.

De todo isto deriva que a significación política do nacionalismo xunto coa consolidación do estado constitúen o cerne principal da teoría política moderna. Xa que logo, o artellamento do ben político está directamente vinculado coa cidadanía nacional, e como deriva desta vinculación, e en palabras do xa citado David Held, os valores dunha comunidade política "teñen prevalencia sobre os requisitos globais que se lles impoñen".

Os teóricos "globalistas", a maiores de ser firmes defensores do proceso de globalización,  contradín que a identidade nacional veña dada de forma natural, atribuíndoa unicamente a un artificio político por parte das elites gobernantes. Negan as realidades nacionais claramente deslindadas amparándose na constante disputa que historicamente xeraron os valores comúns das comunidades, así como na continua revisión e reconstrución da identidade cultural.  Os defensores da globalización afirman que é posible identificarse cos obxectivos e ambicións dun movemento social transnacional, sen comprometer outras solidariedades políticas máis locais. Emprazan tamén ás comunidades políticas a traballar con moitas identidades e culturas para seren exitosas, deostando así a cultura nacional. A globalización está a baleirar a autonomía dos estados e, xa que logo, a soberanía dos pobos. O único obxectivo dos globalistas é facilitar a adaptación aos mercados mundiais e aos fluxos económicos transnacionais. Disto deriva a submisión das políticas sociais e económicas aos obxectivos dos mercados, quitándolle aos estados e ás nacións sen estado os instrumentos políticos que compoñen a súa capacidade de acción. A imposición da globalización e dos fluxos económicos transnacionais, constitúen un atentado contra a democracia, a soberanía e a autodeterminación. As comunidades nacionais están collidas nun sistema de gobernanza de multinivel que compromete a súa capacidade de prover aos cidadáns dunha estrutura común de dereitos e deberes. Malia todo isto, os globalistas reafírmanse na súa comunidade mundial e orde global. Para a filósofa británica Onora O'Neill, o mundo contemporáneo "non é un mundo de comunidades pechas con formas de pensamento mutuamente impenetrables, economías autosuficientes e estados idealmente soberanos". Entón que é Sra. O'Neill? Acaso prefire vostede un mundo onde a soberanía non reside nos cidadáns que habitan as distintas nacións e territorios senón nos movementos transnacionais de capital e en quen ten o privilexio de exercer control sobre este espazo de fluxos?

A pesar dos movementos sociais altermundistas e das protestas "antiglobalización" que fixeron manifesta a diversidade cultural e identitaria, as xeracións da segunda metade do S.XX teñen máis senso de identificación global e de apoio ás estruturas supranacionais. Esta máis que preocupante realidade é froito da alienación producida polos fluxos de comunicación transnacionais.

Agora ben, o nacionalismo galego con vocación internacionalista debe propor como estrutura do sistema mundo unha especie de cosmopolitismo. Un cosmopolitismo entendido como o agrupamento das realidades comunitarias e nacionais nunha unión internacionalista de colaboración entre os diversos pobos de Europa e do mundo. Mais isto soamente sería posible nun sistema económico contrario ao capitalismo imperante, e que mediante a solidariedade comunitaria e intercomunitaria loitase contra a degradación social. Esta idea, garantindo o autogoberno das nacións, sería a solución ao problema social e estrutural provocado pola crise do sistema a nivel mundial. Do mesmo xeito, aportaría unha nova visión do nacionalismo, un nacionalismo internacionalista como realidade unificadora e inclusiva.

"Loitando primeiro pola democracia interna como base da democracia internacional" (Francisco Fernández del Riego).

Comentarios