Buscar

MUNDIARIO

Día da Patria Galega: dos discursos grandilocuentes a unha pedagoxía de proximidade galeguizadora

Consumir produtos galegos, etiquetados en lingua galega, ten dos obxectivos irrenunciables: fomentar a lingua galega no ámbito económico e apoiar as nosas explotacións e industrias agroalimentarias.

Día da Patria Galega: dos discursos grandilocuentes a unha pedagoxía de proximidade galeguizadora
A Irmandade de Adegueiros defende o galego no viño.
A Irmandade de Adegueiros defende o galego no viño.

Xosé González Martínez

Presidente do Foro E. Peinador.

Consumir produtos galegos, etiquetados en lingua galega, ten dos obxectivos irrenunciables: fomentar a lingua galega no ámbito económico e apoiar as nosas explotacións e industrias agroalimentarias.

 

Hai dous anos que todos os partidos políticos asinaran a “Carta de Consumo Responsable e Solidario”  nun acto celebrado en Santo André de Camporredondo promovido pola Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, entidade encadrada no Foro E. Peinador, que fora reforzada cunha campaña publicitaria nas redes sociais  desde a canle  www.galeguizargalicia.tv , e coa distribución de autocolantes co lema “Eu etiquetados en galego,e ti?  na celebración do Día da Patria Galega en Compostela.

Na “Carta” facíase fincapé na excelencia dos nosos produtos, que poden competir de igual a igual cos de  calquera outro país da nosa contorna. O sector agroalimentario galego ten demostrado estar ao máis alto nivel na calidade e seguridade alimentaria. Neste compromiso coa calidade, ten feito unha aposta decidida polo aproveitamenteo sostible dos recursos naturais e pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dárlle aos nosos produtos e  ás nosas elaboracións unha personalidade propia. Como garantía de orixe e singularidade esas  industrias transformadoras teñen dado un paso máis, etiquetando os seus produtos en galego.

Chama a “Carta”” ao deber responsable á hora de decidir por que produtos optamos, coa conciencia de que  facéndoo así “contribuímos ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país”. E outro deber máis, o solidario con aqueles emprendedores que deron o paso  arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizar o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, colaborando co mantemento dos nosos valores identitarios.

O poder que teñen os consumidores é tan grande que poden condicionar a oferta, premiándoa nas súas opcións de compra, ou  amosándolles indiferencia. Sen embargo, cando o consumo non é solidario nin responsable, os consumidores guindan pedras contra o seu propio tellado, condenando ao fracaso a soberanía alimentaria. Dáse o triste paradoxo de que aqueles que abandonaron o rural para se asentaren nas grandes urbes da franxa atlántica procurando novos medios de vida que o agro non lles ofrecía,compórtanse  insolidariamente con aqueles que co seu esforzo e ilusión seguen a manter activas explotacións agrarias e industrias de transformación no agro galego.

Os partidos políticos e sindicatos, como aglutinantes de amplos sectores sociais, teñen a obriga de artellaren estratexias para mudaren os hábitos de consumo dos seus afiliados, facéndolles ver a necesidade do seu concurso, sendo selectivos nas preferencias do consumo familiar. Responsabilidade que tamén recae nas nosas institucións públicas, nomeadamente nos concellos, que volverán ser chamados  proximamente a un encontro para manifestaren o seu apoio real e efectivo  co espírito da  “Carta do Consumo Responsable e Solidario”. Consumir produtos galegos, etiquetados en lingua galega, ten dos obxectivos irrenunciables: fomentar a lingua galega no ámbito económico e apoiar as nosas explotacións e industrias agroalimentarias.

O Día da Patria Galega, no que non han faltar discursos grandilocuentes con chamamentos  á soberanía e outros obxectivos políticos, debería ser aproveitado para poñer en práctica ese galeguismo de proximidade, de compromiso no consumo cotiá. Ese compromiso deberan manifestalo explicitamente, sen retóricas ocas, os oradores dos distintos actos programados en Compostela, para que  os congregados, unha vez finalizados, poñan en práctica a pedagoxia do compromiso galeguista no consumo en bares e tabernas. Ese día deberíanse  esgotar as existencias de produtos etiquetados en galego; facéndoo así, premiariamos a nosa cultura e economía galeguizada, e sancionariamos aos que aínda non inculturizaron as actividades comerciais.

No Día da Patria Galega temos unha oportunidade para sermos coherentes, non a desaproveitemos.