Desde Galiza: o nacionalismo emancipador ante a unidade popular

Bandera de Galicia. / Xurxo Lobato
Bandeira de Galiza. / Xurxo Lobato

Cómpre maximizar as posibilidades de situar a Galiza coma un actor tamén fundamental no máis inmediato. Agora. Xa que logo, cómpre arriscar soamente sendo leais ao pobo galego!

Desde Galiza: o nacionalismo emancipador ante a unidade popular

Cómpre maximizar as posibilidades de situar a Galiza coma un actor tamén fundamental no máis inmediato. Agora. Xa que logo, cómpre arriscar soamente sendo leais ao pobo galego!

1. Fóra o mundo xira. Problemáticas teóricas similares, e efecto bolboreta:

A Turquía de Tayyip Erdogan é unha realidade específica complexa e diferenciada, por infinidade de motivos, á do Reino de España ou calquera outra que participe do espazo económico e político-institucional sometido hoxe ao diktado do capital alemán. Pódense facer, iso si, analoxías resumidamente (e, por isto, inexactas) a respecto da súa deriva autoritaria nos últimos anos e dos fenómenos organizados de resposta confluente, democrática e democratizadora que produce. Alí, nas pasadas eleccións do 7 de Xullo, apareceu con relativa forza (80 deputados nun dos sistemas electorais máis ríxidos do mundo) a contestación directa ao islamismo conservador dominante desde un partido de esquerda alternativa “radical” configurado arredor de organizacións previamente extra-parlamentarias, impulsadas e apoiadas pola minoría kurda: o HDP (Partido Democrático dos Pobos); sen arrombar as reivindicacións pro-kurdas e pro-minorías promove unha axenda política crítica para todo o estado incorporando a metade das candidatas mulleres, os dereitos da colectividade LGTB, o combate contra a pobreza, as desigualdades e o servizo militar obrigatorio, a defensa do medio ambiente ou a aposta participativa horizontal de base local: “só queremos representar aos oprimidos, non inventamos nada novo”, di o seu carismático líder Selhattin Demirtas. Unha aposta modernizadora na patria do semi-deus Atatürk.

Nútrese de notable apoio xuvenil ligado ás mobilizacións do parque Gezi de Istambul durante o chamado 15-M turco. Consecuencias da mundialización na fronteira entre Oriente e Occidente. Algúns dos seus aliados internacionais atopámolos entre Die Linke, EH Bildu ou Syriza. E o estado turco mailos seus servizos de intelixencia, coa colaboración inestimable da extrema dereita racista anti-kurda, veñen de declararlle unha guerra encuberta en todo o territorio, atentados e asasinatos incluídos, considerándoos “un perigo para a democracia”, “populistas” ou “defensores de terroristas”, e poñendo así colateralmente en perigo o precario equilibrio existente no proceso de paz coa guerrilla do PKK alén do conflito na fronteira siria, que o contamina todo de novo debido ás derivacións da política de trazo groso que interesan ao réxime. Sangrando e berrando aínda a inxustiza e a catástrofe humanitaria de Kobane como paradigma de resistencia á presión nihilista do auto-proclamado Estado Islámico e o bombardeo de posicións revolucionarias por parte da aviación.

E isto no contexto dunha crise de refuxiados que, coma se dun efecto bolboreta se tratase, repercute aquén da vella Europa-fortaleza. Novos fitos dunha mundialización abrupta. Este movemento tan plural de resposta coordínase sobre a base dun proceso de acumulación e de unidade popular pluri-nacional que ambiciona remover e rexenerar por completo o corrupto estado do que fai parte, entendendo a unidade electoral de ata oito organizacións coma unha decisión táctica en tempos de emerxencia no social e no que atinxe á problemática das nacións oprimidas. Aglutinadas, iso si, nun único partido. Obxectivo: instaurar un novo estado, entendido coma unha nova permanencia, nun contexto de complexidades e ameazas cruzadas tan forte como é Turquía arestora. Como tamén Allende entendera, xa daquela, as necesidades e reivindicacións do pobo mapuche e as violencias que arrastraba secularmente. Como entendía Syriza en orixe ata que bateu coa irracionalidade implacable da Troika e trocou impotencia, aínda sen conflitos étnicos e nacionais internos de relevancia.

2. Aceleración histórica, fragmentación ineludible e resposta popular:

Hai unha evidencia: a composición do novo Congreso dos Deputados será inédita, fragmentada e medirá o resultado do traballo político cooperativo e desde a base destes anos. Maio de 2011, a parte das interpretacións e lecturas posibles, cuestionouno todo. Supuxo a “volta á vida” da política no conxunto do estado español (interpreta así o pakistaní Tariq Ali a sepultura do tatcherismo e da Terceira Vía aberta por “Bloody” Blair no Reino Unido coa vitoria do laborista esquerdista Jeremy Corbyn. A esquerda europea esperta dun letargo que dura décadas), máis alá das dinámicas propias das nacións no seu seo, como a galega. Catro anos que comportaron dez, en canto aceleración histórica vivida: endurecemento do modelo neoliberal-conservador e privatizador, regresión en dereitos e liberdades individuais e colectivas, precarización laboral e desemprego explotador, afloramento da corrupción masiva que, como a couza, afectou de cheo non só á lexitimidade dos principais partidos que sosteñen unha Monarquía obrigada a mover ficha coa abdicación real se non á institucionalidade toda, etc…

É dominio público que a oligarquía financieira (Rato, Blesa, Botín, Pujol…), ademais de ser a máis beneficiada coa Gran Estafa, foi quen alimentou e irrigou este Réxime da Corrupción e aposta por perpetualo mediante novas ferramentas de restauración sistémica. Pero anticípase a posibilidade dunha Tangentópoli á española, unha vez certifíquese a irrelevancia política en Catalunya dos dous partidos centrais que articularon a representación maioritaria desde a Transición. O terceiro partido do sistema político e, normalmente, primeiro alí (Convergència) viuse obrigado a xogar o farol da ruptura subíndose á onda independentista. O 27S dará conta dun percorrido que desembocará previsiblemente nunha sorte de proceso/s constituínte/s. Ou en perigosa parálise. A tensión social e nacional estirando, conxuntamente e como resposta, as costuras dun status quo insostible. A Candidatura d´Unitat Popular medrará cun discurso alternativo e estratéxico de fondo moito máis ambicioso e anovador e coa potencia destituínte que lle confire ser a herdeira lexítimas da tradición libertaria e do PSUC nun escenario político distinto ao noso. Moito máis rico e diverso, desde sempre.

3. A nosa encrucillada:

Os procesos xenuínos de unidade popular xorden, histórica e invariablemente, en tempos de excepción e crise. Na encrucillada. Son sinais de alerta e consecuencia natural de momentos nos que o poder instituído violenta tanto a tantos durante tanto tempo: neste punto son inexorables. Poden trunfar. E fracasar. Pero ante eles só caben dúas actitudes posibles desde a esquerda: facer parte e procurar acomodo dentro, ou ficar á marxe. E este é hoxe un dilema que afecta e afronta tamén, outra volta, un nacionalismo galego que perdera corda e conexión coa súa base social potencial desde comezos de século.

En parte del non houbo unha lectura positiva do ciclo que abriu o 15-M. Considerouse un fenómeno esóxeno e inocuo mentres en Catalunya foi carburante, como pouco no ámbito urbano, do proceso no que se atopa inmersa. Tampouco leu correctamente o que significou a irrupción de AGE en 2012 e a de Podemos no 2014, nin a mensaxe que lanzou o resultado do 24 de Maio nas municipais: as mareas, de momento, non terán refluxo nin acadaron preamar. Foron outro síntoma máis das mudanzas dun imaxinario colectivo que demanda novos actores, novas dinámicas e a cristalización dun ethos novo e plural que xerminou nas loitas da rúa destes anos e se manifestou xa electoralmente. Non facer parte del, sen renunciar ao obxectivo estratéxico da “liberación nacional” e a superación do capitalismo, pode ocasionar un retroceso de consecuencias definitivas dado o imaxinario de transición do tempo que tocou vivir. E dadas as prioridades do común dos cidadáns máis agredidos.

Regresan as contradicións teóricas de finais dos anos 70 nun escenario aínda menos proclive aquí, se cabe, á vía isolacionista. En corenta anos moitas cousas mudaron aínda que permanecera a dependencia: instauráronse a cativa autonomía por vía dunha ineficaz descentralización político-administrativa, o desenvolvemento do “estado de benestar” ata a súa crise, a entrada na UE ou a influenza crecente do sistema mediático e Internet na difusión da información e na conformación do pensamento. Pero revalidar a colaboración táctica, de fraguar de novo, non poderá producirse a calquera prezo: nin renuncia ao caudal e capital simbólico, nin renuncia ao fundamento ético do galeguismo histórico, nin renuncia da soberanía para defender a resolución dos problemas propios e a singularidade nacional.

4. Podemos e Esquerda Unida non son o HDP. Nin nós kurdos: 

Se algo hai que urxe agora é tronzar, canto antes, a desastrosa hexemonía neoliberal no conxunto do espazo europeo. O resultado desta foi (está sendo) nefasto. E a articulación da resposta alternativa no estado español está repleta de contradicións, complexidades e atrancos significativos. Pero tamén de avances e consensos fundamentais entre as forzas “do cambio”: desaloxo da mafia travestida de partido político, blindaxe dos dereitos sociais e laborais, preocupación polo sector e os servizos públicos, saída equitativa da mal chamada crise económica e os seus efectos, novos mecanismos de control e participación democrática contra a partitocracia, dereito a decidir e proceso/s constituínte/s …

É certo que a tradición do vello PCE e Esquerda Unida dirímese entre dúas visións arredor do dereito dos pobos á libre determinación. Tamén o é que Podemos declarativamente o respecta, a falta dunha maior concreción e praxe efectiva. Este concilia nacional-populismo e soberanismo español con outras posicións ideolóxicas, mais re-interpretando o/s suxeito/s popular/es en termos plurinacionais. Teoricamente faise complexa a conciliación coa concepción nacional-popular do soberanismo galego a non ser que acordemos que vivimos tempos de emerxencia extraordinaria e sería un entendemento meramente táctico sobre elementos compartidos. O primeiro é un partido asentado con longa historia que fai hoxe unha aposta de unidade popular e ruptura. O segundo pariuno (non só) unha cúpula madrileña de notables que se estende, como referente e vector principal (pero non o único) de cambio, por todo o estado. Pola contra, o HDP constrúese de partida con elementos kurdos e organizacións socialistas curtidas na marxinalidade. A alianza coñécese coma o “Podemos turco” ou o “Syriza turco”, mais toda comparación é sempre odiosa. No que si coincide cos procesos de acumulación e mestizaxe aquí ata agora é coa necesidade de defender os valores da igualdade, a liberdade e a xustiza en oposición aos do mercantilismo e o conservadurismo desde unha óptica antagonista de re-fundación onde os pobos poidan decidir libremente o seu futuro. E iso é unha ameaza e unha oportunidade para as forzas “periféricas”. Alí decidiron construír mancomunadamente.

Aquí haberá que decidilo cedo e a decisión, sendo difícil, pode supor un éxito ou un fracaso para xeracións. Sen esquecer que a forza motriz dun pobo non reside nos partidos, nos seus líderes ou unicamente nos resultados electorais, se non no movemento. E a forza e vigor do movemento mídese na capacidade de condicionar a axenda e socializar as súas prioridades políticas. O acomodo xurídico non pode ser un atranco insalvable se efectivamente hai vontade, responsabilidade, lealdade e ambición. Sabendo que antes de hoxe fóronse tecendo as complicidades necesarias para facelo posible maximizando as posibilidades de situar a Galiza coma un actor tamén fundamental no máis inmediato. Agora. Cómpre arriscar soamente sendo leais ao pobo galego!

 

Comentarios