Moita cántara na fonte: efeitos colaterais da corrupción

Pedro Sánchez y Mariano Rajoy.
Pedro Sánchez e Mariano Rajoy.

O PP esqueceu aquela norma elemental dos  artistas das artes marciais (isto era unha guerra?): nunca uses unha arma que non domines completamente porque se pode volver contra ti.

Moita cántara na fonte: efeitos colaterais da corrupción

Despois da vitoria en moción de censura do PSOE, e deixando á parte o comentario dos méritos atribuíbeis máis á determinación dun conxunto de ilusionados componentes do grupo parlamentar que á forza estrutural do partido, permitímonos comentar, non obstante, as circunstancias que remataron felizmente nun evento de hixiene democrática. Deixamos fóra tamén calquer análise e/ou especulación sobre o que vai pasar no futuro, tanto o inmediato como o mediato, para nos referir somente ao factor desencadeante da moción de censura.

Os efeitos  que como danos colaterais se desprenderon do coñecemento público dunha sentenza deben dar a pensar no seo do Partido Popular.  Estou por dicer que despois de tanta nova de corrupción, despois dos escándalos, e máis escándalos contestados, desde o goberno e desde o partido,  cun feixe de argumentos  -en ‘cursi’, argumentario- a cada cal máis inope que o anterior pero, iso si, con moito arroallo para envolvelos en palabras agudas, xa era moi difícil pensar en que houbera algún efeito político que minguase un pouco, sequer un pouco, a pedra granítica da imaxe e mais da credibilidade. Realmente non había esperanza  -e dígoo desde a preocupación dunha docente que perdeu a súa vida de dedicación á economía nas aulas-  a amosar criticamente  -avant la page da responsabilidade social e da sustentabilidade- que no capitalismo, mesmo sendo un sistema económico non xusto na base, hai unha ética nos negocios e no traballo imprescindíbel para a convivio humano, e mais para producir e reproducir os bens que precisamos. Que é preciso que o Estado e nel os responsábeis de goberno, non só sexan rigorosos na aplicación das leis e das normas básicas de convivio senón que deben ser os primeiros coa súa práctica en dar exemplo para que se estendan como manchas de aceite as boas maneiras de facer, tanto as políticas, como as económicas, como as restantes sociais que van desde as artísticas até os servizos de cobertura de dereitos humanos.

O papel do Estado, mesmo nunha economía como a norteamericana que se gaba dun Estado delgado, é fundamental como vertebrador da economía privada, e o seu rol ha resultar exemplarizante por se tratar do primeiro en cumprir ou o primeiro en sofrer o rigor do control legal. Non é que nas outras economías non exista corrupción; ninguén pode argumentar iso. Si é certo que hai países mesmo de África con menos que España, pero o que se reclama desde a ética política é que funcionen os mecanismos de limpeza por necesidade do ben común, mesmo da sobrevivencia das institucións. Resultou que o PP fartouse de non ouvir ninguén, de non falar con ninguén, de considerar que, primeiro, a maioría absoluta e, despois, a xogada de ‘brilé’ en curto lle permitiría autoperpetuarse para maior gloria do seu condutor e desfrute dos seus membros no poder. Resultou que alguén -de entre eles-  tivo a brillante idea de converter primeiro a corrupción en arma de loita partidaria e despois -xa de postos e a gosto nos xulgados- converter a loita política en procesos xudiciais, con resultado de cadea para acusados en espera de xuízo por supostos delitos de moi difícil/dubidosa cualificación. E da bébeda veu a intoxicación: a moción de censura presentouse e triunfou grazas a unha sentenza xudicial, de modo e maneira que podemos afirmar que o feito de levar a loita política como se dunha guerra de exterminio se tratase rematou (a modo de ‘boomerang’) na oposición co posuidor da mellor relación do mundo cos fiscais á demanda do poder executivo.

O PP esqueceu aquela norma elemental dos  artistas das artes marciais (isto era unha guerra?): nunca uses unha arma que non domines completamente porque se pode volver contra ti. Só espero e desexo que no relevo o PSOE tamén teña aprendido algo disto no proceso. @mundiario

Moita cántara na fonte: efeitos colaterais da corrupción
Comentarios