Luces e sombras nas primarias do Partido Socialista de Galicia

Xaquín Fernández Leiceaga.
Xaquín Fernández Leiceaga.

A diverxencia principal entre os discursos de Méndez e Leiceaga estivo localizada no papel atribuído ao PSdG na eventual conformación dunha alternativa gubernamental á hexemonía actual do PPdG na Xunta.

Luces e sombras nas primarias do Partido Socialista de Galicia

As eleccións primarias recentemente celebradas no seo do PSdG certificaron algunhas circunstancias relevantes e suscitaron outras incógnitas non menos importantes. Entre as primeiras atopase a derrota nidia de Méndez Romeu e dos seus valedores, singularmente de Abel Caballero. O catálogo de perdedores está cheo de apelidos ilustres (Blanco, Pachi Vázquez, Caamaño, Orozco, Bugallo…) que apostaron pola opción mais refractaria a calquera renovación de programas  e persoas. A diferenza do que sucedeu noutros momentos, a estrutura directiva do partido presentaba notábeis fracturas ante esta elección. Cunha xestora cuestionada entre diversos sectores da organización –nomeadamente en Vigo- e coa equipa de Pedro Sánchez colocada nunha evidente situación de provisoriedade mentres non se coñeza o xuízo das urnas o vindeiro 26 de Xuño, non resultaba doado atribuír, en exclusiva,  a etiqueta de “candidato oficialista” a un dos dous contrincantes.

O nivel de participación nestas primarias e a distancia rexistrada entre as porcentaxes de votos acadadas polos dous candidatos proporcionou unha indiscutíbel lexitimidade ao resultado e fortaleceu, no curto prazo, a posición de F. Leiceaga no interior e no exterior da organización. E iso aconteceu a pesar dalgunhas sombras preocupantes detectadas no proceso de mobilización da afiliación. En diversos momentos, puidemos constatar que o necesario debate de ideas era substituído pola confrontación de intereses persoais ou pola apelación ás afinidades derivadas das respectivas posicións de poder institucional.

A diverxencia principal entre os discursos de Méndez e Leiceaga estivo localizada no papel atribuído ao PSdG na eventual conformación dunha alternativa gobernamental á hexemonía actual do PPdG na Xunta. Se o panorama político non tivera mudado significativamente nos últimos anos, non existirían motivos para explicar o disenso: o Partido Socialista sempre pactou co BNG nos concellos, nas deputacións e na Xunta, mesmo naqueles casos locais (Vigo, Ferrol, Pontevedra) nos que a organización nacionalista dispuña de maior peso nas corporacións. O propio Méndez Romeu foi conselleiro no goberno galego de coalición entre 2005 e 2009. Obviamente, a novidade conflitiva reside na posibilidade de que o PSdG ocupe a terceira posición nas vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo. Aceitaría, nese caso, participar nun Executivo encabezado por unha persoa das Mareas? A negativa de Romeu foi explícita e contundente. Leiceaga non deu unha resposta precisa e, xa que logo, non pechou a porta a semellante posibilidade. A prudencia exhibida polo gañador das primarias foi mais congruente coa falta de reflexión colectiva que padece o universo socialista sobre a nova situación creada por mor do debilitamento da estrutura bipartidista. En realidade, este dilema pode experimentar unha primeira escenificación a partir do 27 de Xuño, se ten lugar o “sorpasso” e Pedro Sánchez vese na obriga de xestionar unha situación inédita na política estatal dos últimos 40 anos.

Tradicionalmente, a traxectoria do PSdG estivo moi condicionada pola dinámica política desenvolvida alén do Padornelo. Este factor pode resultar, agora, aínda mais intenso. Se os resultados do 26-X provocan a retirada de Sánchez, a candidatura de Leiceaga ficará afectada polas incertidumes asociadas a esa futura reestruturación do poder interno. Nun contexto desas características, non cabería descartar algún intento de Abel Caballero para gañar nos “despachos” o que non foi quen de conseguir no “terreo de xogo” das primarias. O tempo dirá.

Luces e sombras nas primarias do Partido Socialista de Galicia
Comentarios