A irresistíbel caída de Rodrigo Rato ou como pasar do ceo ao inferno

Rodrigo Rato./ Archivo
Rodrigo Rato.

O PP pretende cadrar o círculo vicioso no que está mergullado e quere facer da necesidade virtude presentando o caso como unha demostración do bo funcionamento das institucións que administra.

A irresistíbel caída de Rodrigo Rato ou como pasar do ceo ao inferno

O PP pretende cadrar o círculo vicioso no que está mergullado e quere facer da necesidade virtude presentando o caso como unha demostración do bo funcionamento das institucións que administra.

Rodrigo Rato pasou de estar nos ceos do establishment a formar parte do inferno no que habitan os presuntos delincuentes de luva branca. Acumula un catálogo de graves imputacións que lle proporciona un lugar destacado nese selecto club dos indesexábeis:fraude fiscal, branqueo de capitais e alzamento de bens.

O ex -ministro de Aznar foi considerado durante moitos anos o principal artífice do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias  e a diminución indiscriminada de impostos. A pesar desa xenerosa avaliación difundida polos seus numerosos admiradores (non esqueceremos nunca aquilo do “mellor ministro de economía da democracia”), non resultou agraciado na designación dixital para encabezar a candidatura do PP nas eleccións de 2004. Tal vez por iso preferiu tomar distancia da política española e conseguiu ser nomeado director xerente do FMI.

Colocado nun dos centros neurálxicos do sistema financeiro internacional, non foi quen de completar o seu mandato e dimitiu –por razóns nunca suficientemente explicadas- en xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara nos USA a crise das “hipotecas subprime” e comezara unha treboada económico-financeira que provocou graves consecuencias nas condicións de vida de millóns de persoas en todo o planeta.

O abandono anticipado do seu cargo no Fondo permite pensar que Rato foi coñecedor da burbulla que se estaba xestando e non foi capaz –ou non quixo- facer fronte a semellante “tsunami”.Daquela, houbo poucas análises críticas sobre tan sorprendente fuxida que, ademais, deixaba en mal lugar ás propias autoridades políticas do Estado español. A pesar de que a súa aventura americana non daba para iso, regresou como un triunfador e rematou por atopar acubillo nunha entidade financeira tan singular como Cajamadrid. O seu perfil era o mais adecuado para facer realidade unha vella pretensión dos dirixentes do PP: construír un gran Caixa mediante a fusión con Bancaja e Caixagalicia e administrar un instrumento de poder económico tutelado por Esperanza Aguirre que fose quen de neutralizar o estatus acadado por La Caixa e as demais entidades catalanas.

Co “affaire” de Bankia –cartóns negros incluídos- Rodrigo Rato completou a súa fraudulenta traxectoria como xestor público. O botafumeiro dos dirixentes do PP seguiu funcionando para limpar o currículo de alguén que figuraba no olimpo dos deuses daquel aznarato que quixo recrear o mito da España imperial. Os novos episodios que agora se coñecen certifican a evidencia que algúns tiñamos dende hai tempo:o xigante Rato tiñas os pés de barro. E as mans cheas de lixo.

O PP pretende cadrar o círculo vicioso no que está mergullado, insultando a intelixencia de moita cidadanía indignada.No canto de recoñecer que Rato é un síntoma da filosofía política dominante nese partido nas últimas décadas, quere facer da necesidade virtude e presentar o caso como unha demostración do bo funcionamento das institucións que administra o goberno Rajoy. Se puideran, De Guindos e Montoro queimarían as hemerotecas para borrar o seu pasado de colaboradores directos  do superministro económico. Non teñen estatura moral para dimitir. Nin sequera serían capaces de visitar no cárcere ao seu vello mestre e amigo.

A irresistíbel caída de Rodrigo Rato ou como pasar do ceo ao inferno
Comentarios