¿Terá ineficacia electoral a probable decisión do BNG respecto ás alianzas?

ponton2
XV Asamblea Nacional do BNG na Coruña.

O feito de que o BNG poida acudir novamente por separado ás eleccións autonómicas pon en serio risco a súa supervivencia na esfera institucional supralocal.

¿Terá ineficacia electoral a probable decisión do BNG respecto ás alianzas?

O pasado 28 de febreiro o BNG celebrou a súa XV Asamblea Nacional nun momento crucial da súa historia. Nela saíron finalmente vitoriosas as teses da UPG e MGS, forzas contrarias a pactos preelectorais con organizacións partidistas de natureza estatal. Se ben é certo que esta decisión non é aínda definitiva, todo apunta a que as chamadas 'Confluencias' máis unha parte do nacionalismo galego socialista, representada polo Bloque, acudirán novamente por separado ás urnas.

Partindo de que o proceso foi impecablemente democrático, de que os dirixentes frentistas coñecen os riscos ós que se van enfrontar e de que é plenamente lexítimo defender que nas vindeiras eleccións autonómicas haxa unha papeleta puramente nacionalista e, consecuentemente, non acudir xunto a organizacións co centro de decisión en Madrid; dende un punto de vista estrictamente resultadista electoral supón unha acción ineficaz, a priori.

Deste xeito, para que exista a posibilidade dunha alianza preelectoral, en primeiro lugar, debemos analizar os elementos ideolóxicos comúns entre o BNG e as forzas que compoñen En Marea, neste caso, máis a tipoloxía electoral. Desta forma, aparte de ser todas elas formacións de esquerda alternativa e rexeneracionistas, comparten, en termos identitarios: a defensa do dereito a decidir de Galicia, a defensa da lingua e cultura galegas, dun maior autogoberno, etc.

Por outra banda, nunhas eleccións autonómicas non van existir os problemas xurídicos que viviu En Marea para conformar un grupo propio no Congreso; opción, como sabemos, finalmente frustrada.

En vista dos datos anteriores, comprendemos como, de producirse, a hipotética alianza non sería forzada. Partindo desta base, as argumentacións da posible ineficacia de ir por separado fundamántanse en tres elementos de índole electoral máis un sociolóxico:

O primeiro deles é xurídico-electoral. Así, a división en catro circunscricións máis a necesidade de superar o limiar do 5% dos sufraxios en Pontevedra e A Coruña -sendo este superior en Lugo e Ourense- dificulta o acceso ó Horreo ás formacións minoritarias.

En segundo lugar, a extrapolación dos resultados de Nós-CG do 20-D (4,32% dos votos) a unhas autonómicas deixaría ó BNG fóra do Parlamento. Consecuentemente, o gran beneficiado sería a candidatura máis votada nas catro circunscricións, que previsiblemente será o PPdeG.

Cómpre ter en conta, nese caso, que se os conservadores manteñen a Xunta, o farán co apoio de C´s, que previsiblemente obterá representación. Dito pacto –pode ocurrir, tendo en conta que a extrapolación dos resultados de decembro ás galegas daríalle 38/75 deputados ó centrodereita- podería conlevar unha maior 'españolización' de Galicia e, en consecuencia, o Bloque sería visto polas forzas do espectro galeguista e progresista como o 'culpable' político de chegar a esa situación, o que conlevaría un distanciamento aínda maior cos seus potenciais votantes.

En terceiro termo e en contraposición á hipotética circunstancia anterior, se sumamos os votos de Nós e de En Marea (25,04%) nas últimas eleccións xerais, estes obterían 8/23 escanos no Congreso. Se ben é certo que unha parte das 'Confluencias' nunca votaría ó BNG (segundo o CIS de decembro de 2015, un 15% dos seus votantes síntense máis españois que galegos ou unicamente españois) -e á inversa ocorrería con algúns militantes e simpatizantes da organización frentista respecto ás 'mareas'-, a suma estaría en torno ó 25% dos sufraxios, ademais de concentrada.

Finalmente, non nos podemos esquecer que o nacionalismo galego é minoritario (14,1% da poboación, en outubro de 2012, segundo o CIS) e o independentismo aínda máis (6%, nese mesmo mes, segundo a Cadena SER). Por tanto, este segmento demográfico pode, e de feito así o demostra, sentirse cómodo ideoloxicamente con En Marea.

Sumando todos estes factores, ó BNG compricaríaselle moito a súa supervivencia institucional na esfera supralocal e, sen pretendelo, aumentaría as posibilidades do PP de conservar a Xunta.

Comentarios