A hexemonía do colectivismo estatalista en Galicia

colectivismo
colectivismo

Á dereita ou á esquerda, a galega é unha sociedade fortemente ligada ó colectivismo estatalista.

A hexemonía do colectivismo estatalista en Galicia

As catro candidaturas que obtiveron escano nas eleccións ó Congreso nas circunscricións galegas, así como as nove restantes que non o lograron, presentan notorias diferencias entre si, pero hai un elemento que as une e que é característico dos territorios latinos: o colectivismo estatalista, contraposto ó anarquismo, libertarismo e liberalismo democrático.

Por este concepto, presente na maioría das ideoloxías, comprendemos a fundamentación na “violencia lexítima” para interferir, en maior ou menor grao, na vida do individuo máis alá dos dereitos naturais e deberes fundamentais, así como nunha aportación fiscal mínima para os gastos do Estado.

Deste xeito, con frecuencia escoitamos a socialistas, conservadores, nacionalistas estatalistas -españois ou galegos- xustificar, en nome de elementos identitarios (relixiosos ou territoriais), institucionais ou socioeconómicos e, en maior ou menor grao, unha forte intervención do Estado que traspasa o rol mínimo explicado arriba.

O caso de C´s é particular. Se ben pode circunscribirse, anque de forma bastante heterodoxa, dentro do liberalismo radical; o seu programa en materia fiscal, de seguridade cidadá ou a súa perspectiva restrictiva do dereito a decidir colócanos, anque moderadamente, como unha formación intervencionista. Ademais, o éxito do partido neolerrouxista na nosa CC.AA está relacionado co desgaste do PP e PSOE máis coa publicidade recibida por parte de determinados “media” españois, e non cun hipotético aumento do número de liberais en Galicia, do que non hai evidencia empírica.

Que causas explican o fenómeno do colectivismo estatalista (o cal sempre existiu)? En primeiro lugar, dende unha óptica arquitectónico-institucional, a tenencia dun Estado de Benestar (mediterráneo, no noso caso) “acomoda” á poboación e alónxaa dos riscos que suporía optar pola tipoloxía anglosaxona ou mesmo por carecer deste.

Dende o punto de vista histórico-político, en España perviviu unha subcultura política autoritaria en sentido conservador entre a maior parte dos membros da élite política ata hai poucas décadas.

Seguindo coa dimensión institucional, a existencia de numerosas barreiras burocráticas para a creación de empresas ou, ata a reforma laboral de 2012, o escaso fomento da movilidade xeográfica e funcional; impiden que haxa un maior número de empresarios, así como a adquisición dunha mentalidade emprendedora entre a poboación, respectivamente. Do mesmo xeito, a situación de proteccionismo xurídico do empregado fronte ó empregador -menor, dende dita modificación legal- xenera unha visión ideolóxica intervencionista nun sentido igualitarista, en maior ou menor nivel, e fortemente extendida entre a poboación traballadora por conta allea.

A nivel económico, a industrialización foi moi tardía en Galicia, o que dificultou tamén o forxamento dunha mentalidade burguesa; e predominou, ligada fortemente á orografía, a pequena propiedade. Así, existen numerosos donos quen, xa sexa pola posesión de dita condición xurídica ou por interese económico, tenden a ser conservadores.

Por outra banda, temos que ter en conta a existencia de distintos modelos educativos que, a través das distintas leis educativas ou do ideario dos centros privados regrados, estiveron sempre ideoloxizados nun sentido estatalista. Neste apartado non debemos esquecer á poboación “franquista sociolóxica” viva ou o importante rol da Igrexa, sempre colectivista.

Finalmente, as solucións ó contexto de crise económica, política e de desigualdade foron interpretadas por moitos cidadáns galegos e do resto do Estado en clave igualitarista, a cal foi formulada por organizacións partidistas da vella e da nova esquerda alternativa, en cuxos discursos houbo un rexeitamento dos plantexamentos liberais, sendo case sempre e pexorativamente identificados co neoliberalismo. Consecuentemente, non se dan as condicións para que os grupos antiestatalistas cobren protagonismo a curto ou medio prazo tanto en Galicia coma no resto do Estado.

Comentarios