Galicia medra pero non xera emprego de suficiente calidade, segundo o ex presidente Laxe

Fernando González Laxe na TVG. / Mundiario
Fernando González Laxe na TVG. / Mundiario

Sobre o PSdeG - PSOE, Fernando González Laxe puxo en valor a liña de traballo do seu novo secretario xeral, Gonzalo Caballero, a quen ve "moi ilusionado". Falou na TVG ao fío da publicación do Anuario 2018 do Foro Económico de Galicia.

Galicia medra pero non xera emprego de suficiente calidade, segundo o ex presidente Laxe

Galicia medra pero non xera emprego de suficiente calidade, segundo dixo o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, que acudiu á entrevista do programa Bos Días na TVG para reflexionar sobre a actualidade política de Galicia e de España. Na opinión deste catedrático da Universidade da Coruña, "Galicia medra pero non xera emprego. Temos que revisar as políticas de promoción económica e as políticas industriais. As empresas hai que adaptalas aos sectores que sexan multiplicadores de emprego".

"Non damos suficientes soldos nin coberturas como para que a xente quede en Galicia. Se foramos capaces de mellorar, madrariamos moito como comunidade autónoma e a nivel internacional", explicou Fernando González Laxe na entrevista con Marcos Sueiro, ao fío da publicación do Anuario 2018 do Foro Económico de Galicia. "É moi difícil incorporar tecnoloxía para ser máis produtivo cando o traballo e temporal e as empresas son tan pequenas", dixo o ex presidente da Xunta, do PSdeG - PSOE.

"Temos moitos recursos naturais e moi bos investigadores sobre os alimentos. Podemos producir produtos que teñan moito valor engadido e tamén enerxías renovables alternativas", propuxo. Tamén na TVG, Laxe fixo fincapé en tres cambios necesarios: unha estratexia comercial cara a África, Latinoamérica e o Caribe; a necesidade de crear produtos con valor engadido; e por último, a aposta polas enerxías renovables, pois, xa que “podemos producir  enerxía eólica, de biomasa e maremotriz máis barata, apostemos por ela”.

Fernando González Laxe tamén comentou que "a comisión do Pacto de Toledo debe rematar os traballos sobre o debate das pensións" e que "os partidos políticos deberían aceptalo e deixar de lado as liortas sobre este tema".

Sobre o novo Goberno de España afirmou que “as prioridades deben mudar”, e que “ten que centrarse na creación de emprego e non nas infraestruturas físicas”. Especialmente, coida que se debe poñer o foco na robotización e nas novas tecnoloxías.

Sobre o PSdeG - PSOE, Fernando González Laxe puxo en valor a liña de traballo do seu novo secretario xeral, Gonzalo Caballero, a quen ve "moi ilusionado". @mundiario

Comentarios