Galicia afúndese na irrelevancia pola falla de unidade e actualización do galeguismo

Luis villares e Ana Ponton_15_970x597
Luís Villares e Ana Pontón. / Mundiario

Mal farían os dirixentes políticos do galeguismo se, para amañar esta desfeita, seguen a se enguedellar na atribución de culpas históricas. O primeiro que o galeguismo precisa é respecto mutuo, xenerosidade e substituir a competición pola cooperación.

Galicia afúndese na irrelevancia pola falla de unidade e actualización do galeguismo

Unha coalición nacional preelectoral tería acadado, con case total seguranza, dous deputados galeguistas no Congreso. Mais os problemas de conexión do galeguismo político co electorado non rematan aí. Cómpre reformular o proxecto galeguista nun senso inclusivo, integrador e transversal, dirixíndose ao conxunto da sociedade cun discurso actualizado e gañador.

As eleccións xerais afundiron aínda máis ao País na irrelevancia política. A convocatoria anticipada de febreiro nun contexto de máxima polarización estatal esixía decisións moi difíciles e inmediatas nos dirixentes políticos de En Marea e BNG. Esixía a capacidade de visión estratéxica precisa para albiscar que isto ía de voto útil, de concentrar o voto no PSOE para frear á extrema dereita tripartita. Só ofrecéndolle  á cidadanía galega un instrumento para reter parte dese voto útil, unha grande coalición, era posíbel enfrontar con bó suceso estas eleccións. 

O BNG mellorou substancialmente os seus resultados (sobe de 45.000 a 94.000, do 2,9% ao 5,8%) e marca unha nidia recuperación. Nesta conxuntura, dende a dirección frontista poderase obxectar que nin engadíndolles os 17.700 votos de En Marea (1,1%) e os 2.700 votos de CXG (0,17%) garantiríase representación directa e que as coalicións sempre restan algo. Mais este argumento desmóntaxe axiña. Identifiquen vostedes unha ducia, a máis próxima, dos milleiros de persoas que votaron PSOE como voto útil e pregúntenlles se tería votado nunha coalición nacional á corsa. Os resultados haberanlles dar unha idea da potencialidade desta coalición.

La líder frentista, Ana Pontón. / Eldiario.es Ana Pontón. / eldiario.es

Porén, teñen razón Ana Pontón e Luis Villares cando din que Galicia non existiu nesta campaña e que as forzas galegas víronse privadas de moitas  canles para achegar a súa mensaxe nun contexto de grande polarización estatal. Velaí o caso do País Valenciano, onde no mesmo día Compromís, dende a vicepresidencia da Generalitat, obtén só un 6,4% dos votos nas estatais fronte ao 14,5% de Unidas Podemos, mentres que nas autonómicas os resultados invírtense. Porén, tamèn Coalición Canaria xogaba nesa conxuntura e mais duplicou a sua representación. Non falemos xa de Euskadi, onde PNV e EH Bildu recuperaron a primacía perdida diante de Podemos no 2015 e 2016.

O grave problema é que, por vez primeira dende 1993 os cidadáns galegos teñen cinco  distintas opcións estatais para elixir. Por vez primeira a esquerda española distinta do PSOE acada representación allea a calquera alianza  con forzas galegas e locais. Representamos políticamente, xa, menos ca Cantabria.

Mal farían os dirixentes políticos do galeguismo se, para amañar esta desfeita, seguen a se enguedellar na atribución de culpas históricas. O primeiro que o galeguismo precisa é respecto mutuo, xenerosidade e substituir a competición pola cooperación. E, despois, precisa mudar o seu discurso para atender a toda a transversalidade social, mirar polas maiorías e proporlle á xente un proxecto moderno e gañador que nos dea seguranza e autoestima do noso.

Un proxecto que transmita que Galicia precisa sair da irrelevancia para que os galegos e galegas desfrutemos de benestar e dignidade. @mundiario

Galicia afúndese na irrelevancia pola falla de unidade e actualización do galeguismo
Comentarios