O galego é a língua propia de Galicia e o que máis defende o país no mundo

O Galego en Xornal de Galicia. / Mundiario
O galego en Xornal de Galicia.

Cómpre unha política lingüística inclusiva, consensuada, seductora e moi esixente coas Administracións Públicas e operadores sociais e económicos. Baseada nos dereitos lingüísticos dos que falamos galego, na inmersión lingüística no ensino e na apertura ao grande mundo da lusofonía, ao grande mundo do multilingüismo.

O galego é a língua propia de Galicia e o que máis defende o país no mundo

O galego, ademáis de ser a lingua propia de Galicia, constitúe o noso principal patrimonio inmaterial, o que nos fai propios e diferentes. O cerne da nosa cultura e do noso xeito de estarmos no mundo. Malia non ser xa a lingua materna de centos de milleiros de galegos a nosa lingua é un patrimonio común a todos. Tamén aos que aprenderon (aprendimos) falar en castelán.

O galego enfronta unha situación moi difícil, suxeito a unha grave desigualdade xurídica (non existe o deber de coñecelo e si o deber de saber castelán), cun Goberno autónomo que non acredita nel e sometido a unha presión ambiental abafante a prol do castelán, que se agrava na actual ondada de supremacismo españolista. O que quere dicir que cómpre intelixencia, sedución, inclusividade e consenso á hora de definirmos as grandes liñas das políticas lingüísticas.

Unha destas grandes liñas ha ser a dos dereitos lingüísticos dos que falamos galego . Dereitos lingüísticos que se proxectan na nosa tripla cualidade de cidadáns-administrados (a respecto dos Poderes Públicos), consumidores (a respecto das empresas) e traballadores  (a respecto dos empregadores). Nos tres ámbitos  cómpre unha lexislación que garanta realmente a igualdade xurídica dos que falamos galego para sermos atendidos na nosa lingua e para usar libremente a mesma no ámbito laboral. E para garantir estes dereitos cómpre fixar os deberes que Administracións Públicas e axentes económicos e sociais han asumir, do mesmo xeito que decote se fixan os seus deberes no ámbito ambiental, laboral ou de protección de dados persoais.

Outra liña fundamental é garantirmos un ensino público común, que use do galego como lingua vehicular. E, á vista da presenza masiva do castelán en todos os ámbitos da vida pública, só a medio da inmersión lingüística é posíbel garantir que a xente nova  remata o ciclo do ensino obrigatorio con plena aptitude de coñecemento e uso do galego.

A terceira liña fundamental é a apertura ao mundo lusófono. Amosarlle á nosa cidadanía que co galego  chegamos a 280 millóns de persoas. Unha proposta que promovería ese multilingüismo (galego e portugués, castelán e inglés) tan preciso na sociedade global moderna. Unha avantaxe comparativa que, por exemplo, non teñen en Madrid.

Comentarios