O futuro do nacionalismo galego

Paisaje de Galicia.
Paisaxe de Galicia.

Partamos da convición de que Galicia precisa forzas políticas propias si de verdade queremos alcanzar o benestar. Pero a partir de aí, por favor, esquezamos estruturas partidarias obsoletas.

O futuro do nacionalismo galego

“Isto pásanos por ser nacionalistas e eu, Anxo, non penso deixar de ser nacionalista…” Con esta descarnada afirmación intentaba explicarme un vello amigo os demoledores resultados electorais de NOS e a perspectiva de futuro para o nacionalismo galego. A afirmación viña precedida do relato de todo un ronsel de agravios e discriminacións contra o nacionalismo, de xuramentos contra a democracia televisiva e o bipartidismo a catro, do laio pola “traizón” de alguns… O que di o meu amigo é toda unha mostra da desacougo e desconcerto na que esta sumida boa parte da familia nacionalista após o 20-D.  

Eu, que comparto a intención de non deixar de ser o que somos e recoñezo a inferioridade de condicións nas que competimos, creo que sería bo non caer inutilmente no desánimo e a cambio aproveitar a ocasión para mirarnos tamén un pouco para dentro. Porque eu non creo que isto nos pase por ser nacionalistas, se non máis ben por un xeito determinado de entender o nacionalismo e a política. E creo que aínda máis demoledor có resultado sería que o sucedido so servira para caer no vitimismo e non nos fixera repensar as nosas análises sobre a situación do pais, o noso discurso e liña programática, a nosa visión sobre os procesos electorais ou, mesmo, a nosa cultura política. Desta vez o  resultado electoral dá para iso e máis.

Creo que en política, e na vida en xeral, resulta difícil chegar a ningún sitio se antes non se ten claro de onde se parte. 

Na Galicia posfranquista tardamos moito tempo en dármonos conta de que a onda da xente non estaba na ruptura

Estamos a vivir as consecuencias dun modelo de xestión do capitalismo baseado na especulación financeira a favor duns poucos e en detrimento da maioría. Padecemos unhas institucións da democracia desacreditadas e corroídas pola corrupción. E resulta evidente que existe un rexeitamento cidadán a este estado de cousas que ten provocado distanciamento da política tradicional e indignación. Pero pasar de aí a pensar que existe unha revolución social coa que nós non conectamos, afirmar que o rexeitamento da xente non é só dos xestores do modelo senón tamén do sistema mesmo e crer que o capitalismo cae a cachiños, é situarse totalmente fóra da realidade. 

Non é a primeira vez que o nacionalismo galego comete o mesmo erro. Na Galicia posfranquista tardamos moito tempo en dármonos conta de que a onda da xente non estaba na ruptura senon na reforma, igual que agora parece que non somos quen de prepararnos para unha España de reformas pero non de procesos constituíntes.

Se se erra na análise de principio sobre a sociedade a que nos diriximos é doado errar na liña política e no discurso a aplicar. Invariablemente, despois de cada resultado electoral, o nacionalismo galego sentenza con rotundidade toda unha realidade: “queda demostrada a baixa consciencia nacional do noso pobo”. A afirmación merecería ser matizada pero o que resulta estraño é que quen así pensa se decida a variar os obxetivos estratéxicos do nacionalismo galego para pasar a defender a República galega independente. Se non queres caldo: dúas cuncas. E digo variación porque nin o galeguismo histórico nin o nacionalismo contemporáneo se definiron nunca como independentistas.

O galeguismo histórico e o nacionalismo contemporáneo  fixeron  valer sempre o seu carácter interclasista

Tamén o galeguismo histórico e o nacionalismo contemporáneo  fixeron  valer sempre o seu carácter interclasista. Por iso, malia defender sempre un proxecto político nidiamente progresista, popular e antiimperialista, o nacionalismo galego nunca cometeu o erro, polo menos no plano teórico, de colocar no mesmo nivel nacionalismo e esquerda. Vinculación que agora si se practica con devoción e certo complexo, quizais coa falsa pretensión de querer colocarse na lonxitude de onda dunha sociedade a que erradamente se considera propensa as alternativas esquerdistas.

A estas alturas xa haberá quen diga que as miñas afirmacións, a parte de cuestionables, pouco teñen que ver co resultado electoral. Discrepo. Ademais das miñas convicións políticas e ideolóxicas, que inspiran o que digo, teño a convición de que para competir no plano político-electoral, a primeira condición é formar parte do imaxinario colectivo da xente. Creo que o nacionalismo galego, coa súa ultima orientación, conseguiu colocarse fóra das opcións posibles para o gran publico. Perdoen o termo mercantil. O problema non é so que non nos entendan,  o problema é que moita xente xa deixou de atendernos. Considéranos doutro mundo. Non nos ve como unha opción útil e posible. E así dificilmente se pode competir.

Penso que non deberiamos esquecer que si no seu dia colocamos o noso proxecto no interclasismo e na defensa e mellora do noso autogoberno non foi por rebaixar as nosas pretensións políticas si non por promover un proxecto útil para o pais e capaz de propiciar a adhesión maioritaria da xente. Porque non hai transformación social en toda a historia da humanidade que non se fixera con alternativas que conseguen ter pobo detrás.  

Seguimos empeñados en competir polo espazo á esquerda da esquerda, e aí hai moitos competidores e pouca xente

Se tanto nos preocupa a nosa invisibilidade electoral eu propoño que, en vez de buscar culpables onde non os hai revisemos se fixemos abondo para que houbera un espazo galego de comunicación, valoremos a importancia de definir o noso propio espazo electoral ou repasemos os nosos criterios sobre os liderádegos. Porque creo que seguimos empeñados en competir  polo espazo electoral á esquerda da esquerda, e aí hai moitos competidores e pouca xente. Porque non podes aspirar en campaña a ser a única forza nacionalista se durante todo o ano centraches o teu discurso noutros ámbitos. Porque creo que esquecemos que a democracia, para ben ou para mal, tense convertido máis nun proceso de selección de líderes que de  proxectos e isto é incompatible coa nosa vision “colectivista” da representación. 

Por primeira vez o espazo electoral do PP en Galicia sae fortemente danado dunhas eleccións. E o máis importante: o beneficiado non e o PSOE que tamén leva o seu. O meu amigo laiase de que sexan outros, ”e non nós que o mereciamos máis”, os beneficiados. E renega daqueles que escapan da casa común para outros lares “conformándose con que teñan certo cheiro galego”. Eu dígolle ao meu amigo que teño a impresión de que A Marea nesta ocasión sustentou o seu resultado, maioritariamente, nun fenómeno electoral de carácter estatal que é Podemos e non en programas galegos pola ruptura e a autodeterminación. E que se ese espazo galeguista, ou de cheiro galego, non está agora ocupado polo BNG débese, en boa medida, ás decisións políticas do BNG e a un estraño proceso de “clarificación ideolóxica” que algúns defenderon con tenacidade e do que agora deberían de sacar conclusións.

O peor que podiamos facer agora é pensar que isto vaise solucionar a base de máis mobilización

O peor que podiamos facer agora é volvernos equivocar de inimigos ou pensar que isto vaise solucionar a base de máis organización, máis concienciación e máis mobilización.

 O nacionalismo, en vez de construír novas barreiras sociais, creo que debe de facer un esforzo por derribar algunhas das que, inconscientemente, ten axudado a edificar. Aceptemos con normalidade que a dia de oxe hai galegos e galegas que sen falar o noso idioma e sen sentirse nacionalistas aman esta terra coma nos, séntense ligados a ela coma nos e están dispostos a defendela como nos. Esquezamos a idea de que estamos chamados a redimir o mundo e aprestémonos a construír, dende as nosas ideas, solucións de oxe os problemas de oxe. Porque esta loita, mais que para liberar e adoutrinar o mundo, e para gañarse democraticamente a vontade maioritaria da xente.  Teño para min que será difícil endereitar o rumbo electoral si non facemos un esforzo por cambiar primeiro a nosa cultura política.

A estas alturas da conversa o meu amigo case perdeu a paciencia comigo. Considerase, con razón, unha persoa integra, razoable e de amor innegable polo pais. E non é capaz de entender que é exactamente o que ten que cambiar para conectar ca xente. “Anxo, que queres?. Que nos fagamos todos de CIU ou do PNV??” dime con visible cabreo. E eu explico que non e esa a miña pretensión nin a solución para o nacionalismo galego que sempre inscribiuse, e debe seguir inscribíndose, no campo progresista e de esquerda. E dígolle que en  realidade o cambio que agora explico xa o fixo o BNG naqueles concellos onde goberna. Ou é que alí temos alcaldes e alcaldesas por ser independentistas, rupturistas e antisistema ?. Porqué o que é bo para o ámbito local o consideramos pecado para o ámbito nacional? pregunto eu equiparando o meu enfado o del.  

A situación agora é perigosa para o nacionalismo

A situación agora é perigosa para o nacionalismo: O pasado 20 de decembro NOS Candidatura galega sacou 70.464 votos. O 4,32 % dos votos emitidos. É un resultado similar o acadado por IU hai 4 anos ( 67.182 votos co 4,12%). Pero cunha diferenza sustancial: o resultado de IU hai catro anos obedecía, mais que o enraizamento da organización en Galicia, a un estado de opinión de certo electorado de esquerda enfadado co PSOE. Os de NOS de agora son reflexo dun importantísimo continxente militante nacionalista espallado por todo o territorio, con activismo ala onde se atopa e con importantes responsabilidades institucionais. 

Non. Non digo isto para aliviar a pena dun resultado electoral catastrófico. O digo como agravante dunha situación perigosa para o nacionalismo. Resulta moi difícil soster no tempo unha estrutura local exitosa amparada nun proxecto político nacional instalado na marxinalidade electoral. E si non se quere que cada un busque solucións individualmente  mais vale que se dean solucións colectivas reais, urxentes e non so estéticas. O meu amigo e mais eu pensamos que desta vez non chegará a chamada a lealdade para manter animo e perseveranza. 

Fagamos un esforzo por entender a nova Galicia urbana e policultural que temos diante

Partamos da convición de que Galicia precisa forzas políticas propias si de verdade queremos alcanzar o benestar. Pero a partir de aí, por favor, esquezamos estruturas partidarias obsoletas. Fagamos un esforzo por entender a nova Galicia urbana e policultural que temos diante.  Poñamos o centro do noso proxecto no pensamento real da xente a que nos diriximos. Coloquemos todo ese exercito militante a traballar por unha proposta gañadora que se dirixa o conxunto do pais. Poñamos en marcha un auténtico movemento social de base que dende os principios do galeguismo sexa capaz de dialogar con outras forzas e sensibilidades para , entre todos, construír unha alternativa capaz de conquistar democráticamente o goberno galego.

Porque para todo iso, e non para outra cousa, pódese pedir entrega e paciencia o meu amigo e a min.

Comentarios