Fronte á axenda de Vox cómpre mallar nunha axenda nacional, nunha axenda galega

Integrantes de Vox. / Estrella digital
Integrantes de Vox. / Estrella digital

Cómpre unha actitude potente, baseada dende a axenda nacional galega e dende a axenda democrática europea, para frearmos o extremismo de Vox.

Fronte á axenda de Vox cómpre mallar nunha axenda nacional, nunha axenda galega

Un 11% do 58% de andaluces que votou este día fíxoo pola radicalidade extremodereitista de Vox. Case un 6,4% do censo. Moitísima xente.

 

A epifanía de Vox veu dada pola propaganda que lle fixeron todos os partidos unionistas. Dende un PSOE que quixo garantir o Goberno andaluz dividindo o voto da dereita ou que lle ven mercando o modelo territorial españolista e uninacional á dereita dende hai máis de 35 anos. Até un PP ou Cs que compiten con Vox a ver quen é máis radical na represión da pluralidade nacional española e da inmigración. O unionismo español asume a axenda de Vox e xoga no seu terreo.

Non dubiden que esta onda vai chegar a Galicia, malia que o presidente Núñez Feijóo semelle non acredítalo. Porque Vox constitúe o cerne do conxunto de ideas e valores dun sector fulcral da dereita española, presente tamén no centro dalgunha das nosas ciudades, nomeadamente Vigo e A Coruña. Presente no PP dende a súa fundación-.

Porén, Galicia conta con medios abondo para frear a axenda de Vox. Malia todas as nosas feblezas, agravadas polo dependentismo destes case dez anos de Goberno Feijóo somos unha nación cunha expresión cultural propio e un subsistema político propio. Temos uns intereses sociais e económicos ben distintos dos dos casteláns, madriñelos e andaluces.

Para Galicia a inmigración é unha oportunidade, nunca un problema como semella que algún acreditan que é  na Andalucía. Aquí precisamos repatriarmos o talento dos galegos que emigraron e precisamos a achega de xente nova de fóra para pór en valor o noso medio rural. Para Galicia a supresión do seu autogoberno (que propugna Vox) sería unha catástrofe política, económica e social, porque só representamos o 5,5% do PIB e o 5% da poboación estatais. Precisamos máis autogoberno, máis Galicia, para sermos máis prósperos, para acadarmos máis benestar.

Velaí que o mellor xeito de pararmos a enxurrada da extrema dereita homófoba, machista e españolista sexa potenciarmos a axenda galega, a defensa dos intereses sociais, económicos e culturais deste noso País. Fronte á extrema dereita máis Galicia. @GaliciaMundiari

Comentarios