Feijóo non evita a foto con Vox e a Falanxe

Alberto Núñez Feijóo, líder del PP. / Partido Popular de Galicia.
Alberto Núñez Feijóo. / Partido Popular de Galicia.

Non quería asistir á manifestación de Madrid, o mesmo ca Valls, candidato francés de Cs á alcaldía de Barcelona. Mais a presión fíxolle mudar a axenda e ir a un evento que o tripartito das dereitas partillou con Falanxe e outras organizacións abertamente antidemocráticas.

Feijóo non evita a foto con Vox e a Falanxe

A demostración deste domingo en Madrid, organizada polo tripartito da Santa Alianza das dereitas, xuntou ben menos xente da prevista polos seus organizadores, moita menos ca  a acadada polo PP contra a lei do aborto ou o matrimonio homosexual no 2004-2006. A Delegación do Goberno falou de 45.000. Moita xente, mais moita menos da precisa para deslexitimar un Goberno ou unha política.

Moitas máis persoas, en comparanza (Galicia achega só un 5% da poboación estatal) xuntaron as organizacións en defensa da sanidade pública galega na demostración que á mesma hora decorreu as rúas compostelás co apoio das forzas parlamentarias da oposición galega: En Marea, PsdeG e BNG. O presidente Feijóo amosou o seu absoluto desnortamento  modificando a súa axenda para ir quitar a Madrid unha foto cos da Falanxe e Vox no canto de enfrontar á emenda á totalidade que a Galicia do progreso e da cohesión social lle estaba a facer entre a Alameda e a Quintana da capital do noso país.

O que vimos en Madrid foi a España reaccionaria, a que quere voltar á idea dunha nación única, dun único matrimonio heterosexual, das mulleres sometidas e dos homosexuais perseguidos. Axenda á que se lle incorpora á persecución dos migrantes e da cidadanía que cuestione esa España da nación, lingua e cultura  únicas, a España do  “a por ellos”. Unha España que reaxiu co discurso parcial e desaquelado do Xefe do Estado do 3-Ou de 2017.

Porén, faría mal a Galicia plural da alternativa en desprezar os efectos da demostración madrileña por mor do seu limitado apoio popular. Porque ésta é unha enxurrada con moitos apoios mediáticos e de sectores ben abastados económicamente, que fai parte dunha ondada reaccionaria xurdida en Hungría, Polonia, USA e, agora, Brasil e Italia e que tenta que ollemos máis ao dedo da inmigración, do soberanismo ou dos diferentes ca á lúa das desigualdades sociais e dos recurtes.

Pedro Sánchez amosou estes días que a esquerda española sempre lle merca o relato territorial da España unha, grande e libre á dereita. Mais agora, poucos días antes do debate de totalidade dos Orzamentos estatais, xa sabe da limitada forza da dereita extrema tripartita e do reactivamento que esta enxurrada reaccionaria da España do NODO xerou nas nacionalidades e territorios periféricos e está a xerar nalgúns sectores da esquerda española. @mundiario

Comentarios