Foise co vento

El sillón de Mariano Rajoy, vacío. / Twitter
O sillón de Mariano Rajoy. / Twitter

Mariano Rajoy cae, como consecuencia dunha situación no Estado insostible, e sen visos de mellorar, debido a unha fragmentación moi sa democraticamente, mais perigosa cando polo medio hai tanto ego. E cae porque o destino así llo tiña preparado...

Seguramente os lectores deste artigo na edición GALICIA de MUNDIARIO atopen contradicións que so están claras na mente do que lles escribe, mais son insondables para todos aqueles que teñan máis preto unha necesaria obxectividade, non “maleada” por anos de incomprensión aos avatares da política.

Mariano Rajoy cae, como consecuencia dunha situación no Estado insostible, e sen visos de mellorar, debido a unha fragmentación moi sa democraticamente, mais perigosa cando polo medio hai tanto ego. E cae porque o destino así llo tiña preparado, a pesares dos desexos do grande muñidor Romay Beccaría, que dende a súa atalaia de estar por riba do ben e do mal, divisa como calquera tempo pasado foi mellor, e o futuro xa non pertence aos submisos ás pocións da non política do betanceiro.

Quero ser sincero... sempre tiven a Mariano Rajoy no persoal por boa xente. Educado, próximo –o que un pedante chamaría “campechano”–, intelixente, e hábil, moi hábil. Cando o chan tremía baixo os seus pés, os deuses aliábanse para que o tremor non sacudise a súa conciencia, sabendo sempre que na resistencia estaba o segredo para poder vivir en unha profesión, na que as pirañas están metidas ate nos “gin tonics” da cafetería do hotel “Rías Bajas” de Pontevedra. Agora, os deuses tornaron finalmente, e vendo o fracaso estrepitoso da esquerda española á hora de reformular unha alternativa, viran cara un neofalanxismo cidadán, no que non ser nin de esquerdas, nin de dereitas, firmaríao o propio José Antonio Primo de Rivera.

Se o futuro vai polos vieiros do márketing laranxa, sen fondo e sen fundamento, paren o autobús da Historia, que eu me baixo... Unha sociedade na que os seus políticos dan as costas aos nosos pensionistas tratándoos como lastres, na que a sanidade pública é case un favor que outorgan prebostes enmoquetados, e na que cos Ciudadanos a educación será centralizada para maior gloria das xestas de Rodrigo Díaz de Vivar, so merece que algúns que aínda imos tendo conciencia, digamos que ata aquí chegamos.

Mariano non marcha, bótano seguramente porque non quixo ver que tanto mercenario ao seu redor, que durante anos dixéronlle “lo que tú digas Mariano”, non son máis que os mesmo que nos cenáculos paralelos ao poder, afiaban as súas fouces, agardando por outro primus inter pares ao que unxir, mentres a trituradora que é a política  non ditamine, que o que interesaba xa non interesa, e o importante é o que comeza a interesar, ata que non interese... e así ata o infinito. @mundiario

Comentarios