Escrache si, pero...

O escrache non representa ningunha novidade en canto acción de protesta social directa agás por incluír os domicilios particulares

O escrache é un forma de protesta social directa consistente en ir ao domicilio ou ao lugar de traballo da persoa ou colectivo ao que se quere denunciar por algún feito ou opinión. A súa orixe provén da crise económica arxentina, onde “escrachar” significa “amosar” ou “sinalar a alguén como responsable dun prexuízo causado a persoas, animais ou cousas”.

O significado xorde, como se pode deducir da definición, do movemento social en defensa dos dereitos humanos que, por extensión, foi adaptado noutros contextos aos movementos reivindicativos dos dereitos cívicos de loita ética pública e/ou constitucional. Desta forma, aínda que no contexto español se adoptou directamente o concepto orixinal arxentino do “escrache”, en Chile se coñece como “funa” e en Perú como “el roche”.

Esta forma de acción social está orientada exclusivamente a dous feitos: darlle publicidade ao feito doloso e sinalar publicamente á persoa ou colectivo responsables; se ben na maior parte dos casos a protesta (construtiva) leva tamén aparelladas demandas concretas de restitución ou compensación do presunto dano causado.

Con todo, en termos estritos, o escrache debe entenderse como unha forma de denuncia social coherente con todas as outras formas de denuncia social legais, lexítimas e ata o de agora permitidas polos sistemas democráticos. Entón, as acusacións de “terrorismo” son esaxeradas, falsas e infundadas pois, que se saiba, a protesta cívica directa é xusta e legal en todas as democracias –en canto son inherentes a elas dous dereitos fundamentais básicos no escrache como o da liberdade de expresión e o da liberdade de reunión.

Aínda máis, tal como está definido o “escrache” non ten diferenza ningunha con, por exemplo, outras formas de reivindicación máis ou menos activas como poden ser, dende un señor con frac ou vestido de polo na porta de domicilios e lugares de traballo para denunciar débedas e impagos –segundo a teoría liberal a débeda impagada causa dano, ata douscentos cargos do PP cando en 2005 se manifestaron diante do Parlamento de Galicia para reivindicar que os presupostos do ano seguinte non deixasen de incluír obras consideradas importantes.

Manifestació de la plataforma Estaf@ts x la Banca Toshiko Sakurai via Compfight

¿Porqué o escrache era entón legal e democrático, e agora non?, ¿porqué o cobrador do frac ten un traballo digno e lexítimo, pero unha plataforma ou un colectivo cidadán non teñen ese mesmo dereito?

A única diferenza alegable en todo este barullo arredor do escrache está en que, en canto se considera unha manifestación pública –dá igual de quince ou de quince mil, estaría a priori suxeito ás mesmas obrigas que calquera outra protesta de semellantes características. Ademais, por suposto, de deber desenvolverse de forma pacífica e sen incidentes distintos aos da lexítima expresión de protesta e/ou reivindicación.

Fóra de aí o escrache non representa ningunha novidade en canto acción de protesta social directa, agás por incluír os domicilios particulares como lugar para a protesta social; cos problemas de discriminación implícita que supón para os presuntos responsables urbanos respecto aos presuntos responsables rurais de urbanización con garita e garda de seguridade.

Moito oín queixarse aos que din que os veciños ou os compañeiros de traballo non teñen culpa do que fixera un ou uns poucos. Se aceptásemos tal argumento, ademais de supoñer a limitación de dereitos fundamentais inalienables (expresión e reunión), e levado a outros contextos, suporía a fin da protesta social como fórmula lexítima de reivindicación: as sentadas, as manifestacións, as declaracións… pasarían a ser imposibles na súa realización. Por iso, para evitar eses problemas ou, cando menos, lexitimar os seus prexuízos dentro do marco constitucional de convivencia común, vén sendo obrigado que as autoridades civís coñezan e autoricen estes actos de reivindicación.

Así que, sintetizando: escraches si pero con respecto á normativa legal igualmente vixente (equivalente e válida) para outro tipo de protestas. Deste xeito, confío en que se blinde a súa legalidade e carácter democrático, ademais de renovar a protesta social cun catálogo que permita un mellor exercicio dos dereitos fundamentais e do control aos responsables de accións cuxas consecuencias (dun xeito ou doutro) a todos nos afectan.

Comentarios