O ensino público ha ser un elemento activo de promoción social
Tamén do esbaído da desigualdade social de partida e asemade unha compoñente privilexiada do reparto da igualdade de oportunidades, non asociada ao feito de estar inscrito nun rexistro civil, explica esta profesora.
Facer unha analise sobre a utilidade do ensino podería facer pensar que pretendemos levantar unha polémica sobre un acervo social non discutido desde hai case un século, non obstante consideramos que o direito ao ensino, á educación e a cultura son hoxendía indiscutidos e induscutibeis. Analisar a utilidade do ensino impartido significa examinar os resultados dun instrumento público e supostamente universal adicado á impartición dese ben querido da cultura, da distribución dese ben no plano elemental e medio asi como a eficacia do uso dos fondos públicos destinados a tal obrigado cumprimento. Os receptores do ensino obrigatorio son en principio todos os cidadáns nacidos ou residentes no Estado Español, e no caso concreto de Galiza todos os residentes en idades de 6 a 16 anos sexan ou non nados aquí. A Xunta ten competencias plenas en materia educativa obrigatoria aínda que no momento presente a invasión material do Estado na regulamentación e impartición teña sido nos últimos anos cada vez mais esmagadora: materias en cualidade e en cantidade, tipo de ensino, títulos, programas, becas e circuitos de promoción para o ensino secundario e superior, son algunhas das invasións de competencias feitas cun afán unificador só debedor da ideoloxía do pensamento único madrileño.
Interésanos coñecer se o destino dos fondos públicos para o ensino público ten un bo uso. É dicer se o uso que se lles da ao longo dun período superior a unha lexislatura cumpre o fin para o que foron criados. E se nos prantexan dúbidas que non teñen unha resposta doada. Asi, por exemplo non é moi fácil de explicar que haxa hoxe, en Galiza 2016, 1,9% analfabetos adultos, de mais de 16 anos. Analfabetos –analfabetos, non analfabetos funcionais, aqueles definidos pola impericia absoluta á hora de interpretar os signos alfabéticos. Non é moi fácil de entender como entre Xunta, Ministerio/s correspondentes e Concellos deberán organizar circuitos paralelos ao ensino regrado para recoller os expulsados do sistema obrigatorio e universal. Non se entende como existen e son pagos con fondos públicos programas de inserción laboral para persoas sen a titulación elemental obrigatoria. Non podemos explicar como despois de 10 anos de escolarización exista un colectivo de rapaces abocados ao chamado fracaso escolar. E, por suposto non podemos entender como – no cimo da ineficacia– as mais elevadas cualificacións faculten aos excelentes a emigrar e aos restantes a dar voltas como subempregados nun mercado laboral depredador.
Si o ensino serve para algo, debíase corresponder coa cobertura dun direito fundamental cal é o acceso aos medios que proporcionen aos cidadáns-a todas e a cada unha das persoas-os instrumentos básicos para se desenvolver con soltura cultural na sociedade contemporánea. Debía ao mesmo tempo, ser un medio de inserción dos infantes, no mundo civilizado: quérese dicer que o ensino público ha ser un elemento activo de promoción social, tamén do esbaído da desigualdade social de partida e asemade unha compoñente privilexiada do reparto da igualdade de oportunidades, non asociada ao feito de estar inscrito nun rexistro civil.