Sobre o medo e a insurrección: Todos temos un potencial insurxente

A guerra contra a inxustiza, sen embargo, só se gaña dende a insurrección?
A guerra contra a inxustiza, sen embargo, só se gaña dende a insurrección?
Mentres o “terror” presenta batalla polo petróleo ou polo control de territorios en disputa (valioso), a insurrección loita pola calidade do sistema sanitario ou a xustiza das pensións (vital).
Sobre o medo e a insurrección: Todos temos un potencial insurxente

“Medo” e “terror” son graos relativos correspondentes á incerteza, ao non ter claras as pautas ou conceptos ou normas relevantes que antes si rexían a vida das persoas. Á inversa, no momento no que esas pautas ou conceptos ou normas perden relevancia, deixan de importar, se converten en intranscendentes para o devir na nosa vida cotiá, o “medo” e o “terror” se disolven como o azucre no café. O medo (e o terror que lle é anexo) vincúlase a elementos existentes e continxentes, circunstanciais e temporais, definidos polo momento e escritos na nosa mente.

A insurrección non depende, sen embargo, de condicionamentos conxunturais, pois reside dentro de cada persoa, xunto ao noso instinto ancestral de supervivencia. A bioloxía fálanos de cómo os organismos unicelulares chegaron a facerse máis complexos a partir dunha necesidade de adaptación a novos riscos ambientais: combinarse ou morrer. Sen ter outra certeza có da necesidade de cooperar para seguir vivindo, decidiron dar un paso biolóxico fundamental hai decenas de miles de anos. Do mesmo xeito, o instinto de supervivencia humano está aí para conseguir que sobrevivamos a calquera prezo, sen cálculos racionais ou certezas inmutables.

Xa que logo, todos temos un potencial insurxente dentro nosa, pero non todos somos “terroristas” ou “mixiricas” –póñase cada un no lado que mellor conveña da provocación. Todos temos a capacidade de rebelarnos pola nosa supervivencia contra as ameazas que a constrinxen, sen que esa loita nosa sexa “terrorismo”. Pois a loita pola supervivencia conecta non co “materialismo” senón co “idealismo”, non co home das “cifras e as letras” (computare) senón có ser humano do “saber vivir” (cura). As ameazas terroristas son exclusivamente materialistas e sempre teñen no seu reverso unha oposición ou reivindicación: nos opoñemos a X para obter Y. Mentres a insurrección é unha oposición radical, unha exhalación de vida contra a ameaza da extinción, unha loita esencial contra a fin de todo o que para nós é vital –xa non só valioso.

Cando toda ameaza se considera terrorista, cando xa non somos quen de distinguir o vital do valioso, o ideal do material, é síntoma de que a modernidade aínda segue controlando a partida. Obsérvase cando comprobamos (con tristeza) que o ser humano contemporáneo semella especializado en loitar por defender “formas de vida” (as “guerras de civilización” son o último engano) e, no camiño, esqueceu a transcendencia do “poder vivir”.

O materialismo do valioso ao que se enganchou a esquerda, liberal ou marxista, busca borrar (en termos lacanianos) ou anular (en termos críticos) ao humanismo vital da ecuación. Agora semella que defendemos ou atacamos unicamente conforme se a ameaza se cerne sobre o que consideramos valioso ou non, e non se resulta vital para a nosa supervivencia como seres. A forma de vida prevalece sobre o vivir e, mentres sexa así, resultará tamén máis común a loita polo dominio do que nos separa fronte a loita pola necesidade de defender o que nos une aos uns e aos outros.

Consecuencia disto, e volvendo ao comezo, mentres o “terror” presenta batalla polo petróleo ou polo control de territorios en disputa (valioso), a insurrección loita pola calidade do sistema sanitario ou a xustiza das pensións (vital). Dúas loitas distintas con moi poucas cousas en común pero que a modernidade, defensora do mantemento do actual estado de cousas, no que se muda para seguir igual, se amosa moi interesada por enlear e confundir ata mesmo equiparar. Como se comendo petróleo sobrevivise o home.

A crise económica estanos dando a oportunidade de elixir se queremos ser guerreiros/terroristas ou insurrectos, optando por participar ben na disputa das valiosas certezas en loita -certeza non implica verdade- ben na insurrección en defensa dos elementos vitais ameazados. Sen dúbida, os que optan pola primeira vía están máis cohesionados, mellor armados e adestrados a costa do bando elixido. A insurrección resulta per se máis invisible, pois se trata dun exército multitudinario, onde a loita se dá nun campo de batalla tan aberto que abrangue o conxunto das cousas, porque o vital non ten un lugar pois está en todas partes, disperso e difuso.

Os amantes da comodidade e o recoñecemento optaran pola primeira, mentres aqueles dispostos a loitar con máscara nunha guerra sen recompensa certa optarán pola segunda. A guerra contra a inxustiza, sen embargo, só se gaña dende a insurrección. E as condicións onde é posible e máis útil a insurrección cá guerra xa están aquí. Chegou o momento.

Sobre o medo e a insurrección: Todos temos un potencial insurxente
Comentarios