Galeguizar Galicia é posible se prestamos a atención debida a pequenos detalles

Día da Patria Galega.
Día da Patria Galega.

No Día da Patria Galega, o 25 de xullo, Compostela debe ser o lugar propicio para practicarmos o consumo solidario coas marcas que etiquetan en galego, segundo propón este autor.

Galeguizar Galicia é posible se prestamos a atención debida a pequenos detalles

No Día da Patria Galega, Compostela debe ser este 25 de xullo o lugar propicio para practicarmos o consumo solidario coas marcas que etiquetan en galego, segundo propón este autor.

 

O Día da Patria celebrarase este ano unha vez máis en Compostela, e alí acudiran milleiros de persoas convocadas por diversas organizacións nacionalistas  para deixaren constancia do seu amor á Terra; un sentimento que hoxe ten varias expresións ideolóxicas que representan os intereses dos distintos estratos sociais.

As tribunas políticas ese día convertiránse  en cátedras de galeguismo desde as que se impartirán doutrina para cadanseu público. Sempre foi asi desde que noutrora se convocara por primeira vez a celebración desta efeméride. Un día dedicado á reflexión colectiva do que somos e do que queremos ser no futuro, un pobo decidido a manter encesa a súa identidade.

No galeguismo hai unha importante tradición de didactismo que foi capaz de concebir estruturas eficaces para  a construción da nación. Desde o Congreso de Economía do ano 1925 ata a constitución da Unión de Colleiteiro do Ribeiro do Avia en xaneiro de 1936, houbo propostas innovadoras para o desenvolvemento da nosa identidade tendo como motores a autonomía persoal de cada home e muller. Abonda recordar como o Partido Galeguista e a súa FMG instaban aos seus militantes a consumiren produtos galegos como unha maneira de consolidar a soberanía alimentaria, que hoxe non é práctica xeralizada. Foi un período  de esperanzas que a sublevación militar tronzou.

Seguindo aquela diadáctica galeguista debemos afrontar a obriga de poñermos en práctica medidas correctoras en aras da maior eficacia. Hai que fuxir da retórica litúrxica  para substituíla por unha praxe consecuente. Porque “o verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos” (Castelao). As invocacións épicas e líricas non son as máis indicadas para crear unha conciencia dun galeguismo pragmático e sólido alén das militancias políticas. É tempo de maior pragmatismo e de crearmos unha sociedade civil galeguizada.

A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (sección do Foro E. Peinador) fai unha proposta concreta para a celebración do Día da Patria: practicar o consumo en galego. Para chamar a atención de tal finalidade distribuiranse milleiros de autoadhesivos con esta lenda: “Eu etiquetados en galego, e ti?”, que estarán presente en todas as concentracións convocadas.

Pode imaxinar o lector o efecto  que podería ter para as nosas industrias de transformación agroalimentarias que quince ou vinte mil manifestantes solicitanse nos establecementos de hostalaría viños e demais produtos etiquetados na nosa  lingua? Todos eles esgotarían ese día as existencias dos almacéns deses bares e restaurantes. Tan difícil é este exercicio práctico que propoñemos?. Galeguizar Galicia é posible se prestamos a atención debida a estes pequenos detalles. Corear consignas de claro matiz reivindicativo galeguista ou nacionalista no desenvolvemento dos actos,e despois cando chegue a hora de tomar os viños ou do xantar non elixir produtos etiquetados en galego é un contrasentido que hai que corrixir. A celebración do Día da Patria é unha oportunidade para facermos en Compostela un ensaio xeral de apoio á lingua galega e ás precarias industrias de transformación agroalimentarias.

 

Comentarios