Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Xulio Ferreiro. / Xurxo Lobato
Xulio Ferreiro. / Xurxo Lobato

Estamos diante dunha Coruña pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.

Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Estamos diante dunha Coruña pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.

Coa elección de Xulio Ferreiro como alcalde d'A Coruña recupérase ese proxecto de cidade liberal, democrática, solidaria e galeguista que presidiu Coruña noutros intres da súa historia, como a alcaldía de Domingos Merino (1979-1981) ou o entendemento de galeguistas e republicanos nos primeiros anos 20 do século XX ou na II República. Unha Coruña ésta pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.

Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña cos votos da Marea Atlántica (dez concelleiros), PSOE (seis) e BNG (unha) e os votos en contra dos dez concelleiros do PP. No seu primeiro discurso, o novo alcalde quixo lembrar os días augurais da democracia municipal coruñesa, cando na primavera de 1979 o nacionalista Domingos Merino fora investido como primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra do franquismo. Entón Merino dixera estas mesmas verbas “hoxe é un dia alegre e histórico para A Coruña”, salientando a remuda histórica que aquela primeira elección municipal supuxo naquel concello, secuestrado á vontade popular dende que o 21 de xullo de 1936 o capitán Fuciños, nomeado delegado municipal dos sublevados, destituira ao alcalde republicano  Julio Suárez Ferrín, que sería fusilado o 31 de agosto daquel desgrazado verán.

Para entendermos na súa verdadeira dimensión a singularidade da Marea Atlántica e a conexión de Xulio Ferreiro coa tradición galeguista, democrática e solidaria coruñesa compre lembrarmos algúns apuntamentos históricos que non se adoitan coñecer en amplos sectores da cidadanía galega por mór da imposición do relato da Coruña elitista e paifoca de Francisco Vázquez e do extinto lobby coruñés.

A Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Dende a  fundación da cidade polo rei de Galicia Afonso VIII no 1208, o Concello coruñés tentou substraela  ao dominio aristocrático e eclesiástico, nunha vila de vocación mareante, artesá e comercial. Coruña desenvolveuse aberta ao mundo e aos roteiros da navegación. Mais esta vocación houbo coexistir co rol que A Coruña asumiría como capital da Administración vicerreinal española na Galicia (Capitanía Xeneral e Audiencia) que encheu a cidade de burócratas casteláns. Esta compoñente funcionarial foránea xeraría historicamente tensións a respecto da vocación de liderado galego da cidade.

A vocación democrática abrolla con forza na punxente forza do Gremio de Mareantes, na rebelión popular de Sinforiano López no 1808 ou na adhesión  á revolución liberal de 1820. Na cidade xurde o galeguismo liberal e democrático de Murguía e da Cova Céltica, que mobilizou a cidade no 1893 para que Galicia non perdera a Capitanía Xeneral e fundou a Academia Galega no 1905 e a primeira das Irmandades da Fala no 1916. O enterro de Curros Enríquez no 1905 foi a demostración silente do xorne solidario, galeguista e republicano da cidadanía coruñesa.

O galeguismo coruñés comprendeu que se quería ser opción de goberno e transformación habería coordinarse co republicanismo federal que gobernaba o Concello dende fins do século XIX. Esta entente permitiu que Lois Peña Novo fose elixido primeiro concelleiro galeguista no 1922. Mentres, a CNT convertíase no principal sindicato da Coruña, practicando un unionismo  integrador de galeguistas, republicanos e liberais de esquerdas e afastado da liña anarquista FAI que dirixía esta central sindical noutros territorios.

A actividade política, sindical e cultural na Coruña, xa que logo, foi dando nunha convivencia natural entre varias correntes do progresismo, do galeguismo e do republicanismo, así como entre os elementos progresistas “burgueses”  e os elementos obreiros. Franco habería reprimir de xeito brutal uns e outros.

Foi precisamente a brutaldade represora da ditadura á que fixo perder as referencias a unha sociedade desartellada pola morte ou exilio dos seus mellores. Unha represión que empoleirou persoas até entón irrelevantes na vida social e económica da cidade, que medrara moi substancialmente coa repatriación de capitais de Cuba e co desenvolvemento industrial e financeiro do primeiro terzo do século XX.

Velaí as espranzas xurdidas co goberno de coalición entre a Unidade Galega, PSOE, PCG e BNPG de Merino.  Mais a experiencia foi liquidada coa maré recentralizadora xurdida no 1981 co 23-F á que a burguesía postfranquista e os seus axentes mediáticos serveron de altofalantes. Despois da longa noite de pedra Paco Vázquez, apoiado polo “lobby” coruñés, engaiolou as crases medias coruñesas cun discurso paifoco e arredista, aproveitando a crise económica e a falla de dirección da cidade.

A singularidade da Marea Atlántica
Mais a vocación democrática, solidaria e galeguista da Coruña apareceu, outravolta, coas mobilizacións organizadas por Nunca Máis  na fin do 2002 e primeira metade do 2003. Liderados simbolicamente por Manolo Rivas e outros intelectuais, a Coruña cidadá e democrática encheu as rúas por ducias de milleiros, nas demostracións  máis populosas da historia de Marineda.
Existía, pois, unha tradición na Coruña de entendemento progresista, de tender pontes para acadar obxectivos comúns por riba das estruturas partidistas. Malia isto, semellaba que os  partidos da esquerda galeguista e estatal non entenderan a xeito ou entenderan a medias as leccións do 15-M (que tivo moi cualificada incidencia na cidade) e das europeas de 2014. E naceu na Coruña, dende estas experiencias de Nunca Máis e do 15-M un grupo de persoas, moitos deles unidos por vencellos xeracionais e de compartir o traballo social que, dende unha clave apartidista, comezou pensar esa nova Coruña. Esa nova política para  A Coruña  sen se someter ao paraugas da forza de moda nas TV estatais. Pensar nunha alternativa municipalista de unidade cidadá, na que os partidos cooperaran, pero non monopolizaran.
Compre dicir que naquel xullo de 2014 esta sensibilidade tocara moi de preto ao galeguismo e non só ás organizacións locais de Anova-IN ou Compromiso por Galicia (que o 7 de xullo propuxera publicamente unha converxencia social, política e cidadá para gañar o Concello a partires de determinados denominadores comúns), senón á propria organización do BNG. Representantes tan senlleiros do BNG coruñés como  María Xosé Bravo    ou o voceiro Xosé Manuel Carril partillaron nas primeiras xuntanzas e na mítica de fins de xullo na Ribeira do Cómaro, preto do estadio de Riazor onde o Deportivo libra as súas batallas na casa.
Xa que logo, a partires do chamado fundacional dos primeiros 99 asinantes, axiña foron 2.000 os cidadáns coruñeses os que adherían ao Manifesto da Marea Atlántica. Dende un propósito común de lle devolver A Coruña á cidadanía e tamén tentando nuclear unha proposta dende os denominadores comúns dunhas bases cidadás moi plurais e diversas.
O factor Xulio Ferreiro
E logo está o factor Xulio Ferreiro. A Marea Atlántica precisaba dun referente común. Os seis partidos adherentes (dende os galeguistas de Compromiso por Galicia até Podemos pasando por todos os partidos do espazo AGE) e máis o proprio grupo independente que abriu o proceso concordaron na conveniencia do profesor universitario e xurista, que resume ben os caracteres de competencia técnica e profesional, vinculaciòn coa cidadanía e respecto pola pluralidade que precisaba a Nova Política na Coruña.
O sábado 13 de xuño Xulio Ferreiro demostrou a súa conexión coa cidadanía  e a súa comodidade no contacto persoal. Dende 1981 a Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria non estaba representada na Alcaldía. Pero os reptos son inmediatos e as dificultades obxectivas semellan montañas.
Mais ésta será outra historia. Unha nova historia que requirirá no día día de Xulio Ferreiro e da súa equipa de grandes doses de traballo, xenerosidade, competencia técnica e política, diálogo e busca dos mellores apoios e das mellores solucións.

Comentarios