Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica

O alto o fogo de ETA é unha realidade obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional.
Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica

Confésolles que nunca acreditei na utilidade nin na xustiza da lexislación antiterrorista. Son dos que creo que compre acusar, xulgar e, se é o caso, condenar  terroristas ao abeiro da mesma lei que rexe para os restantes delincuentes. Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica. O mesmo ca o espallamento dos presos lonxe da súa contorna familiar e vital. Ou o mantemento dese Tribunal de excepción que é a Audiencia Nacional, que sucedeu ao Tribunal de Orde Pública franquista e vulnera, todos os días, o dereito constitucional ao xuiz ordinario legalmente presinalado.

O alto o fogo de ETA é unha realidade  obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional que, nos últimos anos, foille aplicada  a varios mozos galegos. É evidente que calquera violencia política non pode xustificarse e  ha ser castigada penalmente. Mais o que resulta un grave exceso son as longuísimas penas impostas e a duración da prisión preventiva atendendo á natureza dos feitos,  a presunción automática da existencia dunha banda orgánicamente xerarquizada, o afastamento dos presos de Galicia ou a criminalización das entidades sociais ás que pertencen estas persoas. Porque o feito de que alguén cometa un delicto non autoriza para incriminar  automáticamente ás entidades sociais e políticas ás que o devandito individuo pertenza, como está a acontecer neste País.

En democracia compre perseguirmos o delicto por medios proporcionais e compatíbeis cos dereitos humanos. Mais na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia-non máis admisíbeis nin menos delictivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobardou toda medida e proporcionalidade.

A arrincadeira: Elvira Varela Bao e Arturo Kress

A Coruña homenaxeu,como republicana do ano, á profesora Elvira Varela Bao, que dedicou á súa vida a formar en valores de liberdade, galeguidade e responsabilidade varias xeracións de alunos, aló no seu San Roque de Afora. Os país de Elvira,  galeguistas e republicanos, sofriron a dura represión que caracterizou o trunfo franquista n’A Coruña.

Elvira é nai do grande músico Arturo Kress, autor, entre outras da banda sonora de “El bosque animado”.

Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica
Comentarios