Cs Galicia, a Sánchez: “Se non ten nada que ocultar que faga pública a tese”

Olga Louzao, voceira de Ciudadanos Galicia. / CRTVG
Olga Louzao, voceira de Ciudadanos Galicia. / CRTVG

A voceira Olga Louzao sinalou que o seu partido presentara unha proposta de lei para facer públicos todos os traballos de fin de máster e grao, “pero o PSOE e o Partido Popular vetaron esa lei”.

Cs Galicia, a Sánchez: “Se non ten nada que ocultar que faga pública a tese”

O programa Bos Días da Televisión de Galicia entrevistou a Olga Louzao, voceira de Ciudadanos Galicia. Durante a conversa con Marcos Sueiro, Louzao fixo un repaso pola actualidade política de España e Galicia.

O asunto da tese de doutoramento de Pedro Sánchez foi un dos temas de actualidade tratados durante a entrevista, sobre o que Louzao declarou: "Sorprendeunos a actitude do presidente Sánchez ante as preguntas de Rivera. Se non ten nada que ocultar, que faga pública a tese”. Arredor deste tema, a voceira do partido laranxa en Galicia sinalou que o seu partido presentara unha proposta de lei para facer públicos todos os traballos de fin de máster e grao, “pero o PSOE e o Partido Popular vetaron esa lei”.

Durante a entrevista tamén se referiu a Diada catalá, da que dixo que “é unha festa en que todos deberían estar representados, non só os independentistas” e engadiu que “o presidente Torra pechou o Parlament e fomenta a división”. Louzao tamén falou da situación de goberno co PSOE en Andalucía, e afirmou que “levamos a cabo un pacto de goberno cunhas condicións, cando non se cumpren os compromisos non se pode seguir. A señora Díaz esqueceu os compromisos”.

Xa falando de Galicia, Louzao explicou que Ciudadanos creou 12 novos grupos locais e que “estaremos nas grandes cidades de Galicia e concellos en que non nos presentamos as pasadas eleccións”. A voceira non confirmou de xeito definitivo a súa candidatura á alcaldía de Lugo, pero sinalou que ”o meu compromiso sempre estará con Lugo”.

Con respecto á transferencia da AP-9 reclamou máis transparencia sobre “un tema que ten moita escuridade sobre o que significará para Galicia”. Para rematar fixo fincapé no accidente do Marisquiño, afirmando que “é necesario que se depuren responsabilidades. Non poden continuar os ataques entre administracións para ver a quen se lle pode botar a culpa”. A voceira de Ciudadanos Galicia denunciou o “interese electoral” e afirmou que lle sorprendera que o PP pedise unha comisión parlamentaria sobre O Marisquiño pero rexeitara ata catro veces unha polo accidente de Angrois. @galiciamundiari

Cs Galicia, a Sánchez: “Se non ten nada que ocultar que faga pública a tese”
Comentarios