Contundente persistencia do virus localista na vida política de Galicia

Abel Caballero. /  Fotografía cortesía de  Atlántico Diario.
Abel Caballero. / Fotografía cortesía de Atlántico Diario.

Estamos ante unha das mais relevantes asignaturas pendentes que acompañan a traxectoria dos trinta e tres anos de existencia das institucións políticas galegas.

Contundente persistencia do virus localista na vida política de Galicia

Estamos ante unha das mais relevantes asignaturas pendentes que acompañan a traxectoria dos trinta e tres anos de existencia das institucións políticas galegas.

Cada certo tempo resucita e ocupa un lugar destacado na axenda mediática.O último episodio foi a constitución do padroado da nova Fundación vinculada á entidade bancaria que emerxeu sobre as cinzas das vellas Caixas de Aforro galegas. A controversia de maior impacto foi, mais unha vez, a delimitación da sede dos órganos executivos da institución. Abel Caballero apareceu inmediatamente no escenario para realizar a enésima demostración de vitimismo vigués fronte ás “forzas norteñas do mal” que encabeza Feijoo.

Estamos ante unha das asignaturas pendentes que acompañan a traxectoria dos mais de trinta anos de existencia das institucións políticas galegas. O localismo constitúe un dos virus mais letais para a viabilidade de todos os proxectos relevantes que se podan acometer nos vindeiros anos e obriga a establecer diagnósticos compartidos sobre as orixes e os factores causantes desa grave epidemia.E o reto é moito maior para os dirixentes dun partido político –o PP- que recibiu, habitualmente, o apoio de mais do 40% dos votantes. Neste caso, ademais de asumir unha grande cota de responsabilidade na existencia de tal fenómeno social, deberían formular propostas solventes que permitan emprender unha dinámica críbel de rectificación.

O nacemento do Parlamento e da Xunta podían ter representado un punto de inflexión nas inercias localistas protagonizadas pola meirande parte das elites do Pais. Era unha oportunidade para xerar unha nova cultura política que fixese realidade a propia definición constitucional de Galiza como nacionalidade histórica, proxectando unha mirada diferente sobre os problemas existentes no corpo social galego. A pesar dos avances rexistrados, a distancia entre as potenciais virtualidades do novo marco institucional e os resultados prácticos efectivamente contabilizados foi moi elevada. Sirva como exemplo demostrativo o singular matrimonio de conveniencia protagonizado por Manuel Fraga e Francisco Vázquez durante 16 anos. Nin a presunta firmeza do ex-presidente da Xunta, nin a teórica rivalidade derivada da pertenza de ambos dirixentes a partidos competidores foron quen de cortocircuitar o caso mais senlleiro de localismo político. Con qué autoridade moral podía actuar Fraga contra as políticas habituais dos seus alcaldes se aceitaba a mesma filosofía nunha das cidades mais simbólicas do Pais? Qué cabía agardar dun Partido Socialista que toleraba e/ou aplaudía o labor do alcalde coruñés?

Se Alberto Núñez Feióoo quere abrir unha batalla seria contra o localismo dispón de bos instrumentos:preside un goberno que ten maioría absoluta na Cámara do Hórreo e dirixe un partido sen ningún rival interno que poda discutir frontalmente o seu liderado. A cita electoral do vindeiro mes de Maio é un test para contrastar a súa vontade real de combater a lóxica que habita no universo político e social do PP. No canto de postular reformas legais que degradan seriamente a calidade dunha democracia pluralista, debería dedicar esas enerxías a este grave problema.Realizará propostas de reconversión das Deputacións? Aproveitará a evidente redución dos recursos públicos para cuestionar o reparto clientelar das axudas aos concellos e propiciar ámbitos de diálogo permanentes a través de instancias consorciadas entre as administracións?

Comentarios