Construír e destruír: o círculo vicioso do nacionalismo galego moderno

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras. / eldiario.es
Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras. / eldiario.es

Se todos os vectores que integran o nacionalismo galego queren saír deste círculo vicioso deberán acometer unha estratexia de refundación que sexa quen de xerar novas ilusións no corpo social.

Construír e destruír: o círculo vicioso do nacionalismo galego moderno

Se todos os vectores que integran o nacionalismo galego queren saír deste círculo vicioso deberán acometer unha estratexia de refundación que sexa quen de xerar novas ilusións no corpo social.

A recente decisión de abandonar Anova adoptada  pola maioría das persoas afiliadas á corrente Cerna remata, polo momento, a secuencia de escisións rexistradas no nacionalismo galego de esquerdas a partir da Asemblea do BNG celebrada en xaneiro do ano 2012. E, de paso, certifica a verosimilitude daquela advertencia verbalizada por un vello raposo da política española -Felipe González- cando  dixo que se podía morrer de éxito. O espectacular trunfo da coalición AGE –promovida fundamentalmente por Anova- nas eleccións do outono de hai dous anos non foi quen de propiciar unha adecuada xestión da heteroxeneidade existente na formación liderada por Xosé Manuel Beiras.

Hai 50 anos, o nacionalismo político moderno tomaba corpo organizativo en dous partidos –UPG e PSG- que serían unha referencia básica dese momento fundacional. Non se pode descoñecer a importancia que tivo a dispoñibilidade militante na construción de proxectos políticos que fixeron da liberación nacional de Galiza o cerne da súa identidade existencial. Sen esa forte vontade inicial dun número significativo de cadros non tería existido a posterior consistencia organizativa exhibida polo nacionalismo galego. Mais tamén resulta indiscutíbel afirmar que o percorrido histórico deste movemento estivo inzado de moitos exemplos de sectarismo que provocaron importantes efectos destrutivos no proceso de acumulación de forzas organizadas arredor das ideas de liberación nacional e social que se invocaban nos programas iniciais.

Tense dito, con razón, que o cainismo é un dos sinais definitorios do proceso de configuración do nacionalismo galego da segunda parte do século XX. Instalados xa no século XXI, repítense situacións e conflitos que evocan episodios coñecidos do pasado. A importante división operada no seo do BNG a partir de xaneiro de 2012 e as recentes vicisitudes vividas en Anova visualizan a persistencia deste negativo fenómeno.

Cando algo se repite con tanta frecuencia debería provocar unha demorada e sistemática reflexión a respeito das características do discurso ideolóxico conformado nas últimas décadas. Velaquí unha tarefa pendente no universo nacionalista:analizar autocriticamente o propio pasado e reconstruír o ideario mediante a identificación e depuración daquelas formulacións que teñen propiciado o mantemento de prácticas excluíntes como unha especie de identidade xenética do movemento nacionalista.

Tecer e destecer. Construír e destruír. Se todos os vectores que integran o nacionalismo galego queren saír deste círculo vicioso deberán acometer unha estratexia de refundación que sexa quen de xerar unha nova ilusión entre aqueles sectores sociais que poden simpatizar e/ou apoiar un proxecto político que recolla as mellores tradicións aportadas polo movemento nacionalista nos últimos 50 anos. Os sinais que se están emitindo non camiñan, certamente, nesa dirección. Prefírese, hoxe por hoxe, asentar núcleos organizados mais homoxéneos aínda que resulten mais cativos e optase por debuxar liñas divisorias moi estritas no canto de buscar denominadores comúns no armario político e ideolóxico compartido durante tantos anos.

No corpo social, fora dos circuítos mais informados, non se comprende ou non se comparte a dinámica autodestrutiva exhibida nos tres últimos anos. E cando isto sucede, a desconexión entre a elite nacionalista e o seu electorado potencial medra notabelmente. As distintas tripulacións están avisadas. Non poden alegar ignorancia.

Comentarios