Conceito de rebelión

Francisco Franco. / The Independent
Francisco Franco. / The Independent

O xefe da rebelión foi Franco, un xeneral de imaxe terríbel construída sobre unha fantástica base de propaganda e baseada no exercicio do poder en ámbito militar, sen concesión algunha ao respeito da legalidade

Dedicado a X. A. Pérez Lema.

Din que para chegar a saber algo das cousas, sexa en ciencias sociais ou experimentais, pode ser de grande axuda o estudo dun caso. Claro é que o dito caso ha ser ben escollido, porque deberá reunir unha serie de características que fagan posíbel a súa análise en profundidade, que sexa representativo, sistematizábel e que finalmente nos permita contrastar/comprobar o fenómeno obxecto de estudo.

Imos utilizar este método para nos achegar pola vía de análise histórica ao asunto do delito de rebelión de que foron acusados os representantes eleitos do Parlament catalán. Tomemos como ponto de partida unha rebelión ben coñecida en España: o levantamento militar do 18 de Xullo de 1936. Había unhas institucións políticas perfeitamente legais emanadas dun proceso electivo que remataron nun Congreso dos deputados –as Cortes– e mais nun goberno de coalición de esquerdas máis nacionalistas -denominado Frente Popular- que ostentaban o poder político institucional con toda a lexitimidade e legalidade. E houbo unha rebelión: uns cidadáns non conformes co poder legal estabelecido organizan un levantamento militar contando con socios do poder civil diminuído nas súas expectativas, e, tamén, con financiamento dalgúns detentores do poder económico, e, como é “normal” en España, abenzoados pola xerarquía da Igrexa católica que tomou partido como unha soa institución a favor dos rebeldes case desde antes de empezar.

A morte do xeneral Amado Balmes foi presentada con falsificación, como un accidente: hoxe tense demostrado asasinato

O xefe da rebelión foi Franco, un xeneral de imaxe terríbel construída sobre unha fantástica base de propaganda e baseada no exercicio do poder en ámbito militar, sen concesión algunha ao respeito da legalidade. Nas últimas investigacións realizadas, mesmo algunhas con enormes dificuldades na pescuda de documentación, descubrimos que comezou o seu labor rebelde asasinando o xeneral Balmes, como acaba de publicar o profesor Ángel Viñas. O xeneral Amado Balmes era o primeiro paso de resistencia ás finalidades da rebelión, xa que ocupaba en Xullo do 36 o posto de comandante militar de Gran Canaria. A súa morte foi presentada con falsificación, como un accidente: hoxe tense demostrado asasinato.

Descubrimos tamén grazas á investigación de C. Babío e M. P. Lorenzo, que no momento de lle ofrecer o “agasallo” do Pazo de Meirás, aínda en Burgos, por parte da comisión creada ao efeito na Coruña, esixiu que fose realizado a título persoal, é dicer, para ser rexistado ao seu nome, o que dá unha idea non só da frialdade de plans a longo prazo senón tamén da ansia de acaparamento. O 16 de xullo de 1936 –día da desaparición física do xeneral Balmes–  comezan os primeiros actos dunha rebelión con todos os elementos proprios da mesma pero na que son destacábeis dous principais: o uso da violencia en forma de forza física (neste caso militar, con resultado de mortes/asasinatos) e a existencia de conspiración criminal para levar a cabo o feito da rebelión. A rebelión encabezada por Franco e seguida por todos os que coñecemos non tivo nunca recoñecemento de acto legal nen sequer dubidoso xa non existiu nunca feito político que lexitimase, pola vía da necesidade de garda dun mal maior, o feito da levantamento.

Outra cousa completamente distinta é que as organizacións internacionais, pasados moitos anos, e ante os feitos consumados, rematasen recoñecendo a existencia de facto dun goberno non desmontado. No caso da acusación aos parlamentarios cataláns de rebelión non atopamos violencia provocada con uso de forza para conseguir os fins políticos desexados: non houbo e non é interpretábel. Onde non hai non vale imaxinar. E, de novo, o caso catalán non contén o elemento organizacional do levantamento que víamos antes: non existiu conspiración criminal para destituír nengún poder legal estabelecido, en concreto o do Estado. @mundiario

Comentarios