De Coalición Galega a CxG: a complicada estruturación do espazo galeguista

Xosé Luís Barreiro en un cartel de Coalición Galega.
Cartel de Coalición Galega centrado na figura de Xosé Luís Barreiro. / CEDOC

A esperiencia de CG demostrou a importancia dun conxunto congruente de propostas programáticas e a presenza dun grupo humano capaz de compatibilizar intereses persoais e dirección coordinada.

De Coalición Galega a CxG: a complicada estruturación do espazo galeguista

A esperiencia de Coalición Galega demostrou a decisiva importancia dun conxunto congruente de propostas programáticas e a presenza dun grupo humano capaz de compatibilizar intereses persoais e dirección coordinada.

Unha das diferenzas mais destacadas que se constatan nas análises comparativas dos movementos nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya é a carencia –no primeiro caso- dunha forza política que, salvando todas as distancias asociadas ás singularidades dos respectivos tecidos sociais, evocara o papel e a incidencia que posuíron PNV e CiU dende o comezo do actual réxime constitucional.

Os maiores éxitos electorais do BNG (autonómicas de 1997, europeas e municipais de 1999) marcaron un teito moi semellante ás porcentaxes obtidas pola esquerda abertzale e por ERC. Obviamente, as cousas mudaron significativamente nos dous últimos anos:a división do nacionalismo galego provocou unha forte penalización nas urnas mentres Bildu e Esquerra disfrutan de conxunturas moito mais favorábeis (remate da violencia de ETA e medre espectacular do apoio social ao independentismo en Catalunya).

Hai agora 25 anos, Coalición Galega enfrontábase a un proba de lume:demostrar a súa consistencia ante a chegada de Fraga á política galega.O fracaso foi indiscutíbel e supuxo a práctica desaparición dunha forza que pretendía ocupar un espazo de galeguismo de centro-dereita.

Existían, daquela, algunhas circunstancias favorábeis á consolidación dun partido desas características:o proceso de descomposición da vella UCD; a existencia dunha iniciativa no ámbito estatal –a chamada operación Roca, na que estaba implicada directamente CiU- que neutralizaba a potencial expansión de AP no territorio galego; o apoio dalgúns sectores do empresariado autóctono que buscaban un interlocutor político mais aberto á consideración dos problemas estruturais que padecían as súas iniciativas económicas e por último –pero non menos importante- o notábel éxito electoral experimentado por CG nas eleccións ao Parlamento galego de 1985.

Había, pois, un conxunto de condicións que permitían pensar na viabilidade dun proxecto político ubicado nunhas coordenadas específicas e diferentes das que ocupaban o PSOE, a dereita conservadora española e o novo nacionalismo de esquerdas xurdido no remate do franquismo e nos primeiros anos da transición. A explicación pormenorizada do fracaso requiriría unha análise demorada dese período histórico mais é posíbel sinalar, cun elevado grao de certidume, dúas causas sobranceiras. Por unha banda, as dúbidas e as debilidades dos apoios recibidos no seo dun tecido empresarial habituado a unha relación clientelar co poder político e cunha insuficiente conciencia sobre a importancia do proceso de integración na CEE que se estaba negociando a partir da vitoria de Felipe González en 1982. Por outra banda, a propia inestabilidade interna exhibida pola nova formación e a posterior división explícita que favoreceu a erosión do capital electoral inicial e facilitou a chegada triunfal de Fraga nos comicios de 1989.

A experiencia de CG demostrou a decisiva importancia das equipas humanas na creación e medre de alternativas organizativas que pretendan posuír unha influencia estábel e relevante na vida política e, polo tanto, no mercado electoral realmente existente. O volume dos votantes potenciais e a entidade dos recursos materiais son requisitos necesarios para xulgar, con realismo, a viabilidade de novas alternativas políticas. Con todo, resultan aínda mais determinantes dúas premisas básicas:a existencia dun conxunto sistemático e congruente de propostas programáticas e a dispoñibilidade dun grupo humano capaz de compatibilizar os lexítimos intereses persoais coa imprescindíbel cooperación e coordinación no labor práctico ordinario.

Coalición Galega non acertou, precisamente, na xestión da súa identidade política e dos recursos humanos que posuía.

Dende hai dous anos, diversos sectores agrupados en Compromiso por Galicia (CxG) –conformados, maioritariamente, por unha parte dos continxentes escindidos do BNG nos primeiros meses de 2012- pretenden construír unha referencia partidaria que se mova en parámetros análogos –aínda que colocados nun contexto histórico diferente- aos que fundamentaron a existencia de CG. Polo momento, os resultados electorais recollidos por esta organización sementan importantes dúbidas sobre a viabilidade futura deste novo proxecto.

Comentarios