Os cataláns son xente dada á apertura e á integración, non sen contradiccións

Vistas de Barcelona. / RR SS
Vistas de Barcelona. / RR SS
"Non nos enganemos. Se Catalunya ten peso político é porque ten peso económico, poder industrial e estratexia económica de seu", escribe este novo colaborador no seu debut en MUNDIARIO.
Os cataláns son xente dada á apertura e á integración, non sen contradiccións

Non hai arcadias felices e tampouco cómpre idealizar Catalunya e a súa sociedade complexa. Como hai luces tamén hai sombras. Pero Catalunya, probablemente pola súa ubicación e o seu carácter cultural, ten ese punto de modernidade e progreso que tira da Iberia. Nesta primeira achega para MUNDIARIO, vexamos algúns dos rasgos de Catalunya:

Complexidade. Catalunya é marabillosamente complexa. Complexa no social, no cultural, no lingüístico, na orixe das súas xentes. Unha vez lin que aproximadamente a metade dos cataláns (persoas que residen en Catalunya) non naceron en territorio catalán. En Catalunya aprendín que ser catalán tamén é ser andaluz, rifeño, marroquí, extremeño, paquistanés, mallorquín, ecuatoriano, aragonés, ucraniano, e un longo etc… e, por suposto, galego tamén. Por iso e por regra xeral, por termo medio, e contra do que se di, os cataláns son xente dada á apertura e á integración, non sen certas e obxectivas contradiccións.

Autogoberno. Se a xente da Iberia entendera que este concepto é a chave das noces para entender aos cataláns non habería tanta catalanofobia. Disque os cataláns piden e piden e non teñen fondo no seu insaciable egoísmo. Pero a maioría social do país catalán o que quere é basicamente máis autogoberno. Uns chámanlle independencia, outros transición nacional, outros federalismo. Pero ao cabo non piden máis que poder dispor do que eles producen, poder xestionar os seus recursos pra poder ser un país. Eis a clave.

Poder burgués. Non nos enganemos. Se Catalunya ten peso político é porque ten peso económico, poder industrial e estratexia económica de seu. Porque unha parte, que non toda, da elite económica do país se identificou ca reivindicación nacional, historicamente até os nosos días. Isto determina a capacidade mediática e institucional e a transversalidade do catalanismo. Xunto a unha sociedade civil moi dinámica en todos os ámbitos, e cando digo todos digo todos (deportivo, social, cultural, etc, etc,…)

Lingua. A vontade dos cataláns de manter viva unha lingua non global coma é o catalán é heroica, envexable e das cousas máis emotivas da sociedade catalana. E cun modelo, permítaseme a redundancia, modélico. Porque é unha soberana mentira que á xente se lle impoña o idioma catalán. Sinxelamente é unha lingua con valor na sociedade. Ou o tomas ou o deixas. En 7 anos non tiven ningún mal detalle pola miña condición de “nou català” e nin tan sequera ningún impedimento laboral polo meu catalán autodidacta e tirando a perralleiro.

Eu xa teño algo de catalán no meu sustrato persoal, ao que non penso renunciar e por iso sempre mirarei a Catalunya coma referencia. Permitídeme a cursilería, pero Visca Catalunya lliure! @mundiario

Comentarios