Carta ao inimigo invisíbel

Fachada del Tribunal Supremo. / Archivo
Fachada del Tribunal Supremo. / Archivo

Aquí e agora, seguiremos intentando promover o uso da palabra razoada para se enfrontar a outra palabra razoada como única vía de acción humana en política: son da crenza de que, máis alá das paixóns que nos poidan dominar, contamos co instrumento humano da razón.

Carta ao inimigo invisíbel

Ía intitular tamén “Ao inimigo descoñecido” pero como soaba moi semellante ao soldado descoñecido pareceume moi bélico: e aínda estamos na fase de guerra xudicial, que, mesmo sendo moi perigosa, non contempla de momento a pena de morte, polo legal.

Voume referir ao conceito de democracia comunmente aceitado na parte do mundo que se autoproclama democracia como estado de dereito. Din que o estado de dereito en democracia confórmase co recoñecemento e existencia institucional de tres poderes que existen conxunta e solidariamente como paredes mestras do edificio institucional do dito Estado. Cada parede, cada muro, ha ter conta da súa propia estrutura, e a descomposición de unha non pode ser cargada sobre as outras dúas so pena de que se derrube o edificio.

> O poder político, nunha democracia que funcione con mecanismos de autorregulamentación (tamén poderíamos chamar de autolimpeza), exércese desde o lexislativo e desde o executivo.

> O chamado poder xudicial debe gozar da independencia propia de quen, interpretando a lei, pode sancionar o seu incumprimento de acordo coas medidas puníbeis que foron aprobadas noutras instancias democráticas (en primeira instancia no Parlamento e subsidiariamente na Administración pública na súa función regulamentadora). Só nalgúns casos o poder xudicial é fonte de dereito (certas sentenzas do Supremo) e, por certo, cunha tradición de sensatez digna de encomio.

Nos asuntos políticos é ilexítimo, en termos democráticos, delegar no poder xudicial o que lexislativa ou gobernativamente non se realizou, pola razón democrática de fundo de que os xuíces, no exercicio da súa función, interpretan e aplican as leis que outros crean, non resolven problemas de ausencia de lei ou de ausencia de accións políticas desde o goberno. É o edificio da democracia o que se sobrecarga dun lado e se debilita doutro e pódelle caír enriba a calquera que viva alí.

As sociedades democráticas tratan/trataron de corrixiren os problemas presentados de inadecuación das leis á situación política, mudando as leis, non encadeando os que ansían cambiar o modelo de relacións intrapolíticas ou interpolíticas por outro perfeitamente discutíbel ou deliberábel baixo a presidencia da razón (aquí con maiúsculas: Razón). Mesmo atopamos casos históricos de gravidade extrema nos que, diante de accións de carácter represivo, os representantes do poder executivo non declinaron –asumindo todas as consecuencias– as responsabilidades políticas de goberno, do caso. Lembremos o papel de Margaret Thatcher diante da folga de fame dos membros do IRA encadeados:  asumiu  a responsabilidade política do grave conflito, certamente non negociou, pero non lle dixo aos xuíces: dade vós a cara para resolver este conflito ou para non resolvelo. Non é lugar para rememorar as consecuencias políticas e históricas que se desprenderon da suposta acción firme e teimuda dunha ministra que acabou grazas a esa acción consigo mesma.

Aquí e agora, seguiremos intentando promover o uso da palabra razoada para se enfrontar a outra palabra razoada como única vía de acción humana en política: son da crenza de que, máis alá das paixóns que nos poidan dominar, contamos co instrumento humano da razón: da razón compartida, enfrontada, discutida, oposta, radicalmente nas antípodas, pero razón como atributo humano estruturalmente inviolábel.

Diríxome polo tanto ao meu inimigo invisíbel, para que, chegado o caso, se eu  precisar dunha defensa, que esta sexa realizada por alguén que non pensando en absoluto coma min razoe que teño o mesmo dereito que el a seguir viva, para seguir razoando, e así compartir con el a sensación de viva e pertencente ao xénero humano. @mundiario

Comentarios