Carolina Bescansa: “Os galegos non van deixar que ninguén lles diga a quen votar”

Carolina Bescansa, deputada de En Marea no Congreso dos Deputados e candidata a presidir Podemos Galicia. / CRTVG
Carolina Bescansa, deputada de En Marea no Congreso dos Deputados e candidata a presidir Podemos Galicia. / CRTVG

A candidata a presidir Podemos Galicia falou dos puntos principais da súa candidatura, baseada en “lograr un novo futuro para Galicia, a transición no modelo enerxético e produtivo e xerar un novo mercado de traballo”.

Carolina Bescansa: “Os galegos non van deixar que ninguén lles diga a quen votar”

Carolina Bescansa, deputada de En Marea no Congreso dos Deputados e candidata a presidir Podemos Galicia, foi entrevistada no “Bos Días” da Televisión de Galicia. Durante a conversa con Marcos Sueiro falou dos puntos principais da súa candidatura, baseada en “lograr un novo futuro para Galicia, a transición no modelo enerxético e produtivo e xerar un novo mercado de traballo”.

En contestación ás palabras de Pablo Iglesias, que afirmou que non se podía dirixir Podemos Galicia dende Madrid, Bescansa sinalou que “ter unha representación institucional sempre é unha vantaxe, é máis útil para Galicia ter esta posición, pódese facer mais sendo deputada”. Por outra banda, engadiu que “é unha falta de respecto tratar de interpretar este proceso de primarias en clave estatal, hai unha axenda galega moi importante por resolver”. Así mesmo, engadiu que “os galegos non van deixar que ninguén lles diga a quen votar”.

Acerca da relación con En Marea, manifestou que “temos moi claro quen son as forzas aliadas”. Ademais, insistiu en que “o importante non son as forzas, senón os obxectivos” e sinalou que Podemos é unha ferramenta para lograr o cambio político e mellorar as condicións de vida da xente. Sobre a evolución deste partido, sinalou que “en catro anos fixéronse cousas abraiantes”. Referiuse, entre outras cousas, a que mudaron o sistema de  partidos e seguen a traballar pola transformación social.

Bescansa falou das primarias como “unha confrontación de ideas” que supón a esencia da democracia. Para rematar, chamou á participación de todos os inscritos, “para lograr un Podemos con máis forza e máis voz”. @GaliciaMundiari

Comentarios