Buscar

Cando a empresa Castromil facía país en Galicia arredor do seu idioma...

A galeguización da empresa Castromil  nun perído tan breve de tempo animou a moitas outras empresas a seguiren o seu exemplo, evoca este autor na súa volta a MUNDIARIO.

Cando a empresa Castromil facía país en Galicia arredor do seu idioma...
O galego en Xornal de Galicia
O galego en Xornal de Galicia

Firma

Xosé González Martínez

Xosé González Martínez

Colaborador de MUNDIARIO. Preside o Foro E. Peinador.

A galeguización da empresa Castromil  nun perído tan breve de tempo animou a moitas outras empresas a seguiren o seu exemplo, evoca este autor na súa volta a MUNDIARIO.

 

Nada é máis satisfactorio para o ser humano que sentirse dono dunha personalidade orixinal, forxada en actos singulares e protagonista do seu tempo, así como dunha utilidade que transcenda aos demais e asi mesmo. É pola orixinalidade dos nosos actos como perpetuamos a nosa memoria e contribuímos a crear referentes para a sociedade, que sempre precisou de modelos nos que se mirar, para construír o relato histórico da nosa identidade colectiva.

Con estas palabras iniciaba días pasados a miña intervención nun encontro  que o Foro E. Peinador mantivo con  empresarios da comarca do Barbanza que preside  Antonio Miranda, un emprendedor que predica co exemplo da explícita galeguidade nos seus negocios. A miña intención era espertar no auditorio o sentimento de País que sei que aniña neles, pero que non acaban de concretar nas súas actividades económicas.  As causas son de moi variado tipo e nelas andan mesturadas as inercias históricas e os complexos lingüísticos.

Nestes encontros habituais con empresarios as miñas exposicións están salferidas de anécdotas ilustradoras. Cóntolles, por exemplo, como se producira a conversión lingüística de Castromil, a máis importante empresa do transporte público naqueles tempos en Galicia.

Todo empezou en 1989, despois dunha conversa co presidente do Consello de Administración, o admirado amigo Ramón Castromil Ventureira. Estaba convencido de que na súa empresa sempre houbera conciencia de Galicia. Mais había que concretala, por iso decidíu dar o paso e galeguizala. En 1994 explicábao así: “Actualmente, e despois dun período histórico onde o que se pretendeu foi que se esqueceran as pegadas do noso patrimonio cultural e lingüístico, é dicir, desprovernos dos nosos sinais de identificación, Castromil, S.A., está en período de recuperarse con toda rapidez, do que nunca, no fondo, deixou de ser: unha empresa por e para Galicia”.

Tan rápido foi, que en menos de dous meses empezamos a desenvolver un plan ambicioso que foi ben visible para todos os viaxeiros: sinalética, billetes en galego; música ambiental e documentais  sobre o patrimonio cultural de Galicia nos monitores de televisión dos autobuses, que foron rotulados todos eles con nomes de escritores e personaxes históricos; e ademais, en colaboración coa Xunta de Galicia, editamos os “Contos do Castromil”, que se repartían de balde aos viaxeiros. As nóminas e  negociación colectiva redatáronse no noso idioma, incorporando ao texto un artigo recoñecendo os dereitos lingüísticos dos traballadores.

A empresa Castromil foi un exemplo de galeguización empresarial que mereceu os parabéns dos usuarios pola celeridade e naturalidade que contaxiou de entusiasmo a outras que axiña imitaron o seu exemplo.