Buscar

MUNDIARIO

Cal sería a situación electoral de Galicia se hoxe houbese eleccións?

No ecuador da lexislatura, atopámonos cunha escasez de enquisas sobre hipotéticos resultados nuns comicios autonómicos, pero os poucos que se fixeron apuntaron a unha nova vitoria da dereita.

Cal sería a situación electoral de Galicia se hoxe houbese eleccións?
Galicia 2016
Galicia 2016

Firma

Adrián Rosales Rodríguez

Adrián Rosales Rodríguez

El autor, ADRIÁN ROSALES RODRÍGUEZ, colabora en MUNDIARIO. Es licenciado en Ciencias Políticas y de la Administración, y trabaja como profesor de Geografía e Historia. @mundiario

Este novo ano, 2019, destaca en termos políticos pola multitude de eleccións que terán lugar: locais, autonómicas (en trece CC.AA.) e europeas. O que si é practicamente seguro é que non haberá comicios autonómicos en Galicia, os cales convocaranse en 2020. Dende que Feijoo refrendou o seu poderío con 41/75 deputados en setembro de 2016, apenas houbo inquéritos sobre uns hipotéticos resultados neste nivel territorial. Por tanto, as únicas formas de coñecer o actual estado político galego son: esas citadas fontes, os recentes estudos sociolóxicos do CIS, as enquisas aplicadas a outro tipo de eleccións ou fenómenos de relevancia que tiveron lugar nos últimos dous anos a nivel español (o procès ou a irrupción de Vox en Andalucía).

O PPdeG  é, con total seguridade, agora mesmo o primeiro partido galego. Así o apuntou SyM Consulting en maio de 2018, quen lle outorgou 34-37 escanos. A estabilidade política de Galicia, en termos parlamentarios, máis a ausencia de novos escándalos con trascendencia mediática actúan a favor dos populares. Non obstante, estes sofren a ameaza electoral de partidos como Ciudadanos ou Vox, polo que a día de hoxe é probable que os conservadores perdan a maioría absoluta.

En Marea ten sombrías perspectivas electorais. Actualmente os neogaleguistas de esquerda rupturista contan con 14/75 deputados, como o PSdeG. En primeiro lugar está por ver se en 2020 se presentará no formato actual ou se os antivillaristas concorrerán por separado. En segundo termo, as constantes liortas internas posiblemente den lugar a un serio desgaste electoral desta formación, como xa apuntou a citada consultora, que lle deu una perda de un ou dous asentos no Hórreo.

O PSdeG ten un novo líder, Caballero, pero este é aínda moi pouco coñecido entre a poboación galega. O crecemento dos socialdemócratas vese lastrado por esa circunstancia, pola alta competencia na esquerda, a causa da fortaleza social do PP e polo posible desgaste de Pedro Sánchez a nivel central. Por tanto, as súas expectativas de mellora son limitadas.

O BNG vive un período de paz endóxena e conta con Pontón, a lideresa máis carismática desde os tempos de Beiras á fronte desta organización. O coñecemento da realidade dos problemas de Galicia máis a actitude de loita contra as distintas adversidades son valoradas positivamente por moitos galegos. Pero o feito de ser unha formación independentista e marxista xoga claramente á súa contra. A actual grave crise de En Marea impide deducir con claridade canto pode afectar positivamente ós frontistas en termos electorais. Por outra banda, a elevada competitividade no campo electoral do BNG, a socioloxía centrista dos galegos (4,98/10 no eixe esquerda-dereita, segundo o CIS de maio de 2015) e o escaso apoio ó aumento do autogoberno (só un 12% dos galegos desexan que este aumente, de acordo co CIS de outubro de 2018) van en contra dos nacionalistas.

Fóra do parlamento galego, debemos ter en conta tamén a outras forzas. A primeira delas é Compromiso por Galicia, o cuarto partido a nivel municipal. Estes, centristas e galeguistas, fan fronteira ideolóxica cos catro grupos do Hórreo e teñen un notable potencial de crecemento. O seu lastre é a súa escasísima presencia mediática.

En relación a Ciudadanos, o desgaste do PP, a ampla bolsa de votantes dos populares máis o apoio á recentralización por parte dun 30% dos galegos (CIS de outubro de 2018) favorecen a aparición no parlamento desta organización españolista e liberal-conservadora. Así, SyM Consulting deulles 4-6 escanos hai máis de medio ano.

Por último, os factores de crecemento de Vox (nacionalconservador e españolista) son os mesmos que nos laranxas. Pero na súa contra xoga a súa oposición á autonomía galega (o 80% dos cidadáns apoia, como mínimo, este estatus) e o seu carácter altamente dereitista.

En conclusión, hoxe seguramente habería unha nova vitoria azul, pero a diferencia das catro lexislaturas de Fraga ou das tres de Feijoo, o PP posiblemente perdería a maioría absoluta.