Autogoberno e benestar vs dependentismo: O alto custo da lealdade ao País

Alberto Núñez Feijóo y Anxo Quintana. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo e Anxo Quintana. / Mundiario

Ser leal ao País fronte ao dependentismo que ten torticole de tanto ollar cara Madrid sempre foi custoso en termos políticos e persoais. Poden acreditalo Beiras, Nogueira ou Mariñas. Neste senso, é paradigmática a comparanza entre un político da xente e do País, como Anxo Quintana a un produto do dependentismo que levou Galicia á irrelevancia como Alberto Núñez Feijóo.

Autogoberno e benestar vs dependentismo: O alto custo da lealdade ao País

No xogo político do Estado español adoitan asubiar árbitros caseiros que levan sempre a auga para o seu rego. O ex ministro Cañete opúñase a que os conselleiros defendesen os nosos intereses no Consello de Ministros europeo porque “mire vd, a Bruselas no puede ir un señor con una boina”.O fenómeno de Albiol (en que equipa xogaba? Non o recordo nadiña”) fala de que os xuices do Tribunal Superior de Schleswig Holstein que liberaron Puidegmont son “ jueces de pueblo”.A relevante intelectual Gloria Lago abandona aquel falso bilingüismo de primeiros do 2009 para proclamar o que xa sabíamos todos (“hablamos español”), mentres os cuñados de Ciudadanos queren que a ningún empregado público se lle pida falar lingua distinta ao castelán. Disque todos estes queren unha sociedade de libres e iguais. De certo que ha ser aquela de Orwell...“all animals are equal, but some animals are more equal than others”.

España atura moi mal a súa esencial plurinacionalidade  e as linguas chamadas en Madrid “vernáculas” (xúrolles que aínda non fun quén a traducir verba tal )  non son ben vistas. O Ministerio de Cultura e o Instituto Cervantes só promoven a cultura en español. España ou, máis precisamente, a España que sae nos media estatais só mira polo seu e polos que sinte  como seus. Velaí o grande mérito dos nosos literatos, asumindo un labor penoso e complementario da súa propia creación: construir e visibilizar un sistema literario galego, mancando así as vizosas posibilidades de suceso profesional que terían de se instalar no sistema literario español. Cál non sería o éxito de Manolo Rivas, Xavier Alcalá ou Suso de Toro de escrebir en castelán? Méndez Ferrín xa tería acadado o Nobel. El que dicir das nosas musicas? Mercedes Peón, Susana Seivane ou Milladoiro encherían os programas das TV estatais se cantasen copla ou reggaeton en español.

Tamén na empresa temos exemplos de sacrificio por defender a galeguidade, como nos casos dos emprendedores galeguistas  Peinador,  Ricardo R. Pastor (Presidente do banco homónimo até 1936) e Valentín Paz Andrade. Na Igrexa temos ao bispo Araúxo e ao sabente teólogo Andrés Torres Queiruga, que nun país normal tería chegado hai máis de trinta anos a bispo.

O sacrificio dos nosos políticos

Que dicir da política! Bóveda foi asasinado e Castelao houbo de se exiliar, confiscados sen xusto prezo todos os seus bens. Xosé Manuel Beiras,. Camilo Nogueira, Pablo González Mariñas ou Paco Rodríguez terian desenvolvido, de pertencer ao PP ou ao PSOE, cómodas carreiras políticas,  acadando ministerios a eito. Pola contra, as súas foron carreiras do salmón, contra corrente, sometidos a un acoso ambiental implacábel que mesmo usou do bulo, desprestixio persoal ou acusación falsa para que cumpra os seus obxectivos o dependentismo do gosto do capitalismo de amiguetes de Madrid, dos sectores regulados que restrinxen a libre concorrencia e tentan recentralizar chuchando os beneficios que xera a economía produtiva da periferia.

Anxo Quintana vs Alberto Núñez Feijóo

Esta persecución é tanto máis renarte canto máis se achega o galeguismo a unha praxe transformadora e realista. No seu momento,  Anxo Quintana sofriu os ataques  dun obsesivo discurso fronte ao antigo vicepresidente da Xunta que segue vixente. . A teima non é só persoal con Anxo Quintana-que tamén- senón con todo o que pertenza ao mundo do galeguismo moderno e capaz de artellar solucións prácticas para este País. A clave desta xenreira foi a insólita e inédita campaña de destrución persoal desenvolvida a primeiros do 2009, xurdida das presións exercidas a respecto da adxudicación do concurso eólico, a fins do 2008. Para isto usouse torticeiramente dunha fotografía con Jacinto Rey de setembro de 2005 (dous anos e medio antes da convocatoria do concurso eólico), tentando evocar escuros contubernios.

Aquela fotografía contribuiu substancialmente a que o goberno de coalición BNG-PSdeG perdese, por un só escano e acadando xuntos máis votos ca o PP, as eleccións do 1 de marzo de 2009. Naquela altura xa existían as fotografías de Marcial Dorado con Núñez Feijoo e as de Rajoy no barco de coñecidos contrabandistas (Rajoy sempre foi especialista nas malas compañas fotográficas). Feijóo aínda non explicou a xeito as súas relacións con Marcial Dorado. Quintana non só explicou a falla de relación da súa foto co concurso eólico do bipartito, senón que tamén explicou que  Jacinto Rey nunca foi cliente seu na xeira empresarial de internacionalización de empresas galegas e europeas desenvolvida polo antigo vicepresidente da Xunta dende 2011.

O país como referencia fronte ao dependentismo

Durante o seu mandato entre 2005 e 2009 Anxo Quintana incorreu, de certo, en erros varios e nalgún quizais importante. Mais baseou a súa acción política sempre en Galicia como centro de decisión e referencia e suxeito político. Quintana apostou por dotar ao país de ferramentas de desenvolvemento económico e social e por sementar o autoaprezo e a confianza do País nas súas potencialidades.

Pola contra Núñez Feijóo acadou o posto de único candidato “de facto” á sucesión de Rajoy subordinando os intereses galegos e soterrando ao PPdeG na máis tristeira irrelevancia. O seu cumprimento do rol de mandadiño que outros lle impuxeron foi certamente eficaz, coa desaparición do sistema financeiro galego (Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, Banco Gallego e Banco Etcheverría), o arquivamento do traspaso da AP-9, o secular adiamento do Tren de Alta Velocidade ou a perda de oportunidade do corredor europeo atlántico de mercadorías.

Eficiencia contra propaganda

Anxo Quintana construiu da nada un sistema galego de benestar, construindo en tempo récord cinco grandes residencias e máis de vinte e cinco centros de día ao tempo que posibilitaba a atención dos primeiros dependentes sen case axuda do financiamento estatal do presidente Zapatero. O conselleiro Suárez Canal fixo posíbel o Banco de Terras e as Unidades de Xestión Forestal, a conselleira Teresa Táboas desenvolvía potentes actuacións en solo industrial e vivenda, mentres Anxela Bugallo promovía as artes escénicas, a filmografía e a cultura galega no mundo e Fernando Blanco puña os alicerces para unha explotación  das enerxías renovábeis que desenvolvese o emprendemento autóctono inxectando 5.000 M€ e 8.000 postos de traballo na economía galega.

Núñez Feijóo anulou o concurso eólico, vulnerando a doutrina Madison e deixando a seguranza xurídica galega á altura da de Somaliland. Perdéronse os devanditos investimentos e postos de traballo e liquidouse o sector enerxético galego. Profesou o mantra de que a mellor política industrial é aquila que non existe e asistiu silente á emigración de ducias de milleiros de mozos enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos… as xeracións máis preparadas da historia de Galicia.

Benestar fronte a austericidio

Anxo Quintana sempre foi consciente de que un país co 5% da poboación e o 5,5% do PIB estatal só podía acadar o benestar dende o autogoberno, pois que os alicerces da nosa economía son prescindíbeis para o Estado. Actuou sempre dende a convicción que Galicia só pode progresar económicamente alargando a súa autonomía, desenvolvendo o seu autogoberno e mellorando o seu financiamento. Foi consciente que os procesos de transformación sempre precisan de boa xestión e de amplas bases sociais, malia que quizais non sempre se soubo acompañar o crecemento cara a novos sectores sociais co mantemento íntegro das bases tradicionais do nacionalismo.

Núñez Feijóo prometeu dar cabo da crise económica en tres semanas e alicerzou a súa xestión nas peores receitas do austericidio…privatizou servizos esenciais do novo Hospital de Vigo, minguou os servizos sociais, descapitalizou a sanidade galega coa xubilación dos médicos aos 65 anos e degradou a educación, a investigación, o desenvolvemento e a inovación.

Quintana e Feijóo, onte e hoxe

Nove anos despois daquelas eleccións vividas como unha guerra feroz pola dereita española, Feijóo apunta á Moncloa despois de deixar unha economía e sociedade galegas máis cativas e dependentes. Mentres, Anxo Quintana constrúe País dende o emprendemento empresarial e a sociedade civil.

Malia todo, ducias de milleiros de cidadáns galegos lembran con recoñecemento aqueles tempos do Goberno de coalición. Tempos de máis xustiza social, máis desenvolvemento económico e calidade de vida, máis calidade democrática e respecto á cidadanía e máis dignidade e respecto por Galicia. Tempos aos que contribuiu moi substancialmente Quintana canda, arredor del, ducias de xestores autonómicos e municipais que acreditaban no País e nas súas posibilidades. @mundiario

 

Comentarios