As forzas armadas... de quen?

As forzas armadas... de quen?

Calquera autoridade política, dende os albores da humanidade, precisa de poboación, territorio e exército para constituírse como tal. Estes son tamén os tres elementos fundamentais dunha prisión: os muros que pechan (terreo), os prisioneiros dentro dos muros (poboación) e os mecanismos de seguridade para impedir tanto a entrada dos elementos indesexables como a desorde interna dos prisioneiros (exército).

Ao longo do tempo, modelos como o imperio, o reino ou o estado dependeron, dun ou outro xeito, desta tríade de elementos. Pero coa crise da modernidade, coa decrepitude do relato identitario que lle dá forza aos muros, cohesión aos prisioneiros e lexitimidade aos carcereiros, as cousas comezaron a cambiar con rapidez.

No momento no que a coherencia do relato de un destes tres elementos decae, tamén decae a lexitimidade dos outros dous. A perda de lexitimidade do exército se orixina, nesta convulsa contemporaneidade que nos toca vivir, na crise de distintas fontes. A crise da política derivou nunha crise de autoridade que pon en risco a súa lexitimidade, pero tamén a dos aparatos ideolóxicos sobre as que esa autoridade exerce o seu poder.

No caso de España, tanto a caída da clase política como da Casa Real –non esquezamos que El Rei é o primeiro xeneral de todos os exércitos, implica que no caso dunha acción do exército dependente da autoridade política, este sufriría a mesma perda de confianza cá da autoridade da que depende.

Cando xa non confiamos nas decisións políticas que a autoridade pode tomar directamente sobre nós e as nosas vidas, lóxico é pensar que tampouco confiaríamos nas ordes de seguridade ou represivas que indirectamente puidesen tomar a través do exército ou a policía.

Esta inestabilidade deixa as portas tan abertas á insurrección social como ao golpismo militar. Moreas de casos mostran cómo o oco de lexitimidade deixado baleiro por unha elite política incapaz, pode ocuparse por novas elites defensoras ora dun discurso social de base (insurrección) como dun discurso de peche identitario (golpismo).

Sen ir máis lonxe, en España a marcha de Alfonso XIII deixaba as portas abertas a un novo esquema de base social, se ben finalmente a forza das armas acabou impoñendo un modelo totalmente distinto. As dúas posibilidades tiñan latencia e, ao final, a moeda só pode decantarse da man dun dos bandos.

Sen embargo, como diciamos, a decadencia da modernidade ten aberto novas portas interesantes, favorecidas mesmo polo avance das novas tecnoloxías. Cody Wilson está detrás de Defense Distributed, a empresa creadora do “Liberator”, a primeira pistola de plástico capaz de construírse con unha simple impresora 3D e montarse facilmente por calquera persoa. Poucos días despois da súa presentación en sociedade, e da descarga  de decenas de miles de copias dos seus esquemas de deseño, o goberno norteamericano mandoulle retirala do espazo público.

Agora non teremos os esquemas, pero si a certa posibilidade de soldados e/ou exércitos privados con armas baratas, dificilmente localizables e que estenden eficazmente a ameaza da violencia alén do control gobernamental. Velaquí como a seguridade, interna ou externa, ten en cernes outro punto de fuga para a súa eficacia e lexitimidade.

Mesmo a intervención das chamadas autoridades globais, case todas de carácter económico (FMI, BM, UE, BCE, Mercosur…), contribúen coa súa intervención a erosionar cada vez máis a autoridade política estatal –posuidora da forza policial e do exército. Novamente España pode ser un exemplo do paradoxo tras isto, pois o exército español xa non é a primeira vez que advirte da necesidade dunha xestión política diferente que recupere a cohesión social; se ben o inimigo deste discurso é agora máis amplo cá propia autoridade política.

Contra quen se levantará o exército se a autoridade política que toma decisións que afectan á poboación do seu ámbito, en realidade, transcende ese mesmo ámbito e capacidade?

Aquí ábrese a espita a dous novos fenómenos: o exército transnacional e o exército privado. Destes dous, só o primeiro está dotado de poder político –se ben a autoridade está relativizada por unha lexitimidade aínda pendente de conseguir. O segundo está vinculado a empresas ou outro tipo de organizacións privadas (Hezbolá, por exemplo), preparadas para defenderse ou abrir espazos aos seus intereses a través da ameaza ou o uso efectivo da violencia. Os dous non deixan de ser unha hipótese polo momento, pero cada vez máis posible e, co paso do tempo, quizais máis probable.

Deste xeito, entre tanto exército nacional en decadencia e, ao tempo, tanto novo método de organización privada da violencia –dentro ou fóra de control, a ameaza de ser acurralado se cingue sobre a persoa, sobre o ser humano. Entre uns e outros, a humanidade vese atrapada pola súa segregación, pola súa fragmentación… Nesta situación, a estratexia máis viable para saír do emparedado entre o que se atopa prisioneiro o ser humano quizais sexa a insurrección, o alzamento invisible e difuso. Disto tocará falar noutra ocasión.

Comentarios