Buscar

O aceno do deputado Luis Bará enténdese nun contexto represivo

Rachou a fotografia do Xefe do Estado. Un aceno que podería cualificarse illadamente de radical, mais que cómpre entendelo no contexto da actual regresión das liberdades e cando a Coroa semella que escolleu ser de parte e non de todos.

O aceno do deputado Luis Bará enténdese nun contexto represivo
El diputado del BNG Luís Bará rompe la foto del Rey en el Parlamento de Galicia. / ABC
El diputado del BNG Luís Bará rompe la foto del Rey en el Parlamento de Galicia. / ABC

Firma

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

El autor, XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA, socio-director de Pérez Lema Avogados e Consultores y secretario general de Acouga, es abogado y analista político en MUNDIARIO, TVG y Radio Galega. Profesor en escuelas jurídicas. Ex jefe de gabinete de Presidencia de la Xunta con Pablo G. Mariñas y ex secretario general de Relaciones Institucionales con Anxo Quintana. @mundiario

Son persoa de orde e, xa que logo, non gosto de queimar bandeiras, rachar fotos ou asubiar himnos como medios de expresión política. Existen mellores vías para comunicar o desacordo coa  deriva recentralizante e autoritaria do Estado. Mais si contextualizo esta expresión nunha enxurrada represiva que acada non só ao soberanismo catalán senón ás máis variadas manifestacións da liberdade de expresión. No 2015 o bipartidismo dinástico PP-PSOE agravou a xa rigorosísima lexislación de Aznar a respecto dos delictos de opinión vencellados ao terrorismo. No 2015 e 2016 as condenas por esta caste de delictos sobardaron, absurdamente, en máis do 600% as do 2011, cando actuaba aínda a ETA. Mais a Unión Europea promulgou a Directiva 2017/541 que ven de deslexitimar a xurisprudencia a respecto da lexislación penal española neste eido. Os tempos do “todo é ETA” xa pasaron para os lexisladores europeos.

Tamén os delictos de odio están sendo interpretados retortamente por ese Tribunal de excepción que é a AN e, ás veces, por ese Tribunal Supremo que escolle indirectamente a maioría parlamentaria e o Goberno estatais. Estes delictos naceron para protexer minorías e colectivos minorizados, non para xuices, avogados, políticos ou policías. Velaí a grave restrición das liberdades que sofrimos dende que o PP accedeu no 2011 ao Goberno do Estado, coa total complicidade do PSOE e Cs.

Canto ao Xefe do Estado, a súa intervención parcial na crise catalá, o pasado 3-0 e a súa falla de pronunciamento a respecto dos graves problemas das sociedades que convivimos no Estado teñen definido unha Coroa que exclúe millóns de cidadáns españois, tamén a moitos que profesamos a nosa confianza nos valores da orde e da lei. No aceno de Luis Bará, sen dúbida, abrolla esa desafección de tantas persoas que confiaron no réxime de liberdades que disque tiñamos cando descobres de súpeto que esa Coroa neutral non existe. Lembren vostedes que a raíña Elisabeth II non quixo falar contra a independencia escocesa para non seren percebida como raiña de parte.

Velaí que non goste de todo do aceno do deputado Bará, mais que o entenda no contexto da regresion de liberdades e da parcialidade sobrevida da Xefatura do Estado. @mundiario