A enquisa do CIS deixa datos alarmantes para aqueles que consideran a Galicia unha nazón

Unha porcentaxe máis reducida de galegos considéranse nacionalistas, e afástanse dun ideal tan propio de territorios con alma de seu como é o galego. Así arranca a nova análise de Cuiña en MUNDIARIO.
A enquisa do CIS deixa datos alarmantes para aqueles que consideran a Galicia unha nazón

A última enquisa do CIS, deixa datos certamente alarmantes para aqueles que consideramos a Galicia unha nazón, dentro do chamado Estado español. Unha porcentaxe máis reducida de galegos considéranse nacionalistas, e afástanse dun ideal tan propio de territorios con alma de seu como é o galego.

Probablemente a necesaria autocrítica non sexa máis que unha quimera cando debera partir precisamente de aqueles que dirixen formacións políticas nacionalistas e que poñen o carro diante dos bois cando buscan a supervivencia da súa “finca” política, antes que os intereses xerais da terra que din defender. A falla de intelixencia cognitiva fai que algúns prefiran vivir na marxinalidade de trincheiras nas que cren protexer o “tarro das esencias” nacionalistas a modo de “Santo Grial” político, mentres o pobo manifesta claramente que están trabucados nese vieiro cara a desaparición. Iso si, poden seguir mirando por riba do ombreiro aos demais galeguistas, mestres estes foxen da intolerancia de individuos de mente rancia e de alma profundamente totalitaria.

Non se entende pois o posicionamento político de algúns, que querendo asumir o discurso da soberanía, pretenden facer  ver que os que non o acepten son “centristas” e “autonomistas”, ao mesmo tempo que politicamente “prescindibles”. Todo nacionalista galego debe ter no seu horizonte  a autodeterminación como fin último, mais se a estratexia é dar carnés de pureza en función de asumir os postulados que algúns queren impor, o resultante da ecuación o reflicte moi ben o CIS. Non se poden entender os atrancos, e os paus nas rodas, que algunhas formacións poñen para conformar unha grande coalición de forzas con centros de decisión no país cara as eleccións europeas, porque saiban vostedes, que mentres nos xornais enchen a boca con proclamas pola unidade, nas reunións privadas manifestan con cinismo que “aínda non saben que van facer”. Nese senso hai que felicitar a formacións como ANOVA, que vai de fronte e lexitimamente prioriza pactos con formacións españolas como Izquierda Unida, antes que con forzas nacionalistas galegas teóricas irmás.

Claro que chegará o día da Patria Galega e encherán as súas proclamas con encomios a Castelao e Bóveda… e a un o que se lle pasa pola cabeza é cuestionarse que pensarían estes con tanto cinismo e tanto “teatrillo” por parte de actores de segunda, que seguen mirando para o seu embigo, antes que para o futuro de formacións políticas tan necesarias para esta terra como as que presumen de ter os centros de decisión neste país.

Ou non?

Comentarios