DE BOLINA

Ás veces hai comparacións odiosas

La reina Isabel II. /  Instagram @theroyalfamily
La reina Isabel II. / Instagram @theroyalfamily

Facer unha comparativa entre as coroas británica e española pode ser acaído e moi gráfico nestes días nos que asistimos  aos ritos funerarios da raíña Isabel II e á entronización de Carlos III.

Ás veces hai comparacións odiosas

A xefatura dos Estados configúrase con distintos modelos ao largo do mundo e unhas veces é elixida cada pouco e outras considérase que debe ser permanente; nunhas non exercen goberno -Reino Unido, España, Italia- e noutras dispoñen de facultades executivas -Francia, USA-.

España e Reino Unido téñenche un aire e a súa comparación descobre parecidos e diferenzas -perdoen a simplificación-: foron potencias colonizadoras, rivais incluso; estenderon o seu idioma dominante polo mundo; confórmanse por nacións diversas e teñen monarcas como xefatura do Estado que desempeñan funcións representativas, non executivas.

A Coroa británica agrupa reinos -Inglaterra, Gales, Irlanda, Escocia- que manteñen ritos e institucións propias. España, pola contra, configúrase como Reino unitario -aquelo de España Una, Grande y Libre- e non é imaxinable, por exemplo, que no caso de falecemento dalgún monarca español os seus restos mortais sexan trasladados para velar nos vellos reinos, porque a realidade é que a monarquía e a Constitución españolas esquecen, mellor dito ignoran, aos reinos que historicamente deron lugar ao que se chamaban as Españas e que os reis iniciais eran Hispaniarum rex. Por exemplo, aínda que a denominación Reino de Galicia foi usada ata o primeiro terzo do XIX, e é un título que formalmente pertence ao Rei de España, Galicia non conserva órganos propios de reino.

Gran Bretaña empregou á monarquía para manter vinculación política coas partes do mundo que compuñan o seu Imperio e, así, o rei mantense, ata hoxe, como xefe de Estado dos países da denominada Mancomunidade Británica de Nacións; pola contra, os reis españois, aínda que ostentan títulos exóticos, -sorprenden os de rei das Dúas Sicilias, de Xerusalén, de Cerdeña, de Córsega, do Algarve, de Xibraltar, ou aos, digámolo dalgún xeito, novelescos, das Indias Orientais e Occidentais e das Illas e Terra Firme da Mar Océana ou tamén Archiduque de Austria, Duque de Borgoñoa e de Brabante, de Milán, de Atenas ou de Neopatria-, resultan ficticios e ninguén os recoñece. É dicir, fronte a un vínculo real do Reino Unido que permite lazos de todo tipo cos territorios que formaron parte do Imperio Británico, os títulos da Coroa española quedáronse en pura pompa e fantasía.

A monarquía británica ten as súas raíces no século IX, durante a era dos viquingos, cos primeiros reis dos anglosaxóns, seguiu coa unión das coroas escocesa e inglesa no XVII e a formalización do Reino de Gran Bretaña a principios do XVIII; exercendo o poder político o Parlamento, o Primeiro Ministro e o seu goberno. Pódese dicir que esta coroa vén de xeito ininterrompido desde o século IX ata a actualidade porque os sete anos de 1653 a 1660 entre Cronwell e república, supuxeron o único paréntese que, por certo, foi declarado ilegal. As coroas da península ibérica unificáronse desde o século XV, entre guerras e matrimonios, para de seguido irse independizando Portugal e o resto do imperio de Ultramar nun largo proceso de séculos de desintegración, que a Coroa española non soubo modular de ningún xeito. Despois, dúas repúblicas, restauración por medio, e a longa noite de pedra do réxime articulado desde 1939 a 1975 ó redor dun militar africanista, foron interrupcións importantes.

En 1945, Juan de Borbón, herdeiro de Alfonso XIII, criticou á ditadura franquista e propuxo o seu retorno cunha monarquía rexida por unha Constitución, observación dos dereitos humanos, liberdades políticas, asemblea lexislativa democrática, recoñecemento da diversidade rexional, amnistía aos presos políticos e unha máis xusta distribución da riqueza. Diante desa proposta, Francisco Franco comunicoulle a don Juan que só podería subir ao trono se respectaba o Movemento Nacional. Como parece que dixo que non, deseguido, xuño de 1947, Franco promulgou a Quinta Lei Fundamental, de Sucesión na Xefatura do Estado, pola que se constituía España como un reino católico, aínda que coa xefatura do Estado vitalicia na persoa do Caudillo de España e da Cruzada e, sen reviravoltas, que sería el mesmo quen designaría ao seu sucesor a título de rei. Con un par. E, sen ruborizarse, así o fixo en 1969, saltándose a Juan de Borbón e instaurando a coroa “na persoa” de don Juan Carlos de Borbón quen, sen problema ningún, aceptou xurando publicamente lealdade á Súa Excelencia o Xefe do Estado Francisco Franco e fidelidade aos principios do Movemento Nacional. Non se sabe se abxurou.

Morto Franco en 1975, ese fillo do lexítimo herdeiro da Coroa foi proclamado rei de acordo coa lei franquista, cos mesmos poderes que o Xeneralísimo e como substituto del. Tres anos máis tarde a Constitución elaborada durante esa quimera chamada Transición, mantivo a Coroa como Xefatura do Estado, só, en síntese, con facultades representativas. O sucesor de Franco, despois de diversas vicisitudes chuscas, abdicou e foise. Agora ostenta a xefatura do Estado o fillo del -de fala lentiña- amparado na Constitución, que fai imposible de facto removelo.

Outra diferencia entre as coroas española e británica, que non é menor, está na contía e orixe da fortuna persoal dos monarcas aínda que iso éche outro cantar e unha comparación realmente odiosa, mírese por onde se mire. @mundiario

Comentarios