Palabras baleiras
Chega o fin de ano e os seres humanos movémonos entre balances e expectativas. Lembramos as persoas que nos deixaron e animámonos con desexos dun futuro mellor. Mais nese momento en que cruzamos olladas e afectos, nese en que escoitamos discursos, sempre hai un tempo –aínda que sexa só un instante- de melancolía. Nese breve espazo para a reflexión o noso cerebro pensa se realmente seremos capaces de superar algunhas limitacións, de mudar condutas, de conseguir obxectivos que reiteramos en demasiadas ocasións, sobre todo cando imos cumprindo un ano, e outro, e outro máis. Posuír unha boa folla de ruta é importante, saber onde nos diriximos e para que. Por iso acreditamos en que ao manifestarmos as nosas esperanzas estamos xa algo máis preto de conseguilas. Como o relato da utopía de Galeano. As nosas palabras serven para iso, para avanzar.
Porén, no medio desta festa de ilusión e de felicidade, de sentírmonos vivas e con ganas de comer o mundo, existen tópicos, palabras baleiras, tamén silencios, uns, sen ningunha dúbida, cómplices e, por tanto, denunciábeis, outros quizais desenganados.
Botar a vista atrás é sempre un bo exercicio. Por iso reivindicamos a memoria histórica e queremos que ela signifique xustiza e reparación. Velaí a insistencia no coñecemento do sucedido, en levantar as lousas de tanta ocultación. Non vale falar de concordia cando temos que restituír o sufrimento, a feroz represión que seguiu ao golpe de estado de 1936 ou o asasinato e os paseos de tantas persoas por defenderen os seus ideais. Cómpre que haxa unha restitución pública, que todo o mundo saiba quen foron os verdugos e que os moveu, non por vinganza senón por dignidade. E por cumprir o dereito a coñecer a verdade, como cando queremos que sexa visíbel o papel que xogou o Patronato de Protección á muller, esa institución franquista que foi un cárcere para tantas mulleres.
Imposíbel hoxe falar de paz e non nomear o masacre que Israel está a cometer co pobo palestino. Só pode haber hipocrisía cando en nome dese concepto tan poderoso como o pacifismo non se denuncia a complicidade das grandes potencias e non se nomean as vítimas. E falamos tamén de crianzas, persoas maiores e vulnerábeis. Mais, sobre todo, falamos dun obxectivo arrepiante, que debera facer parar o mundo neste século XXI despois de tantas aprendizaxes da historia, o do xenocidio dun pobo. Porque ese é o camiño que Israel está trazando mentres continúan pasando días, semanas, meses e anos e nada muda. Canda vez que non nomeemos este exterminio estamos consolidando ese intento de desaparición.
Tamén a forza das palabras debe facerse patente ao denunciarmos o terrorismo machista, o feminicidio e as agresións sexuais. Non se trata dunha lacra, nin de homes enfermos ou con problemas que sufriron un arrebato. Se non entendemos que os asasinatos machistas son a punta do iceberg dun sistema patriarcal con ancoraxes profundas neste sistema que padecemos (con profundas implicacións económicas, políticas, sociais, educativas) é difícil que as palabras que escoitemos sexan desa radicalidade que nos conmove. E faino porque vai á raíz do problema, non tenta suavizalo cun lixeiro verniz. De aí que sería positivo que nas declaracións e discursos se continuase a reivindicar o labor do feminismo. Houbo un momento en que até nos pareceu que nos roubaban a palabra, para baleirala de contido. E tamén conversamos sobre aquilo de que se todo é feminista, nada é feminista. Aínda que, como sempre acontece, poidan ficar restos desta sensación, deste intento de desvirtuar a experiencia acumulada para avanzar, o certo é que ese efecto pasou, e o feminismo volveu rapidamente a ser incómodo, a recuperar esa mala sona –por profundo e transgresor- en que me eu criei. Todo transcorreu moito máis rápido do que algunhas persoas pensabamos e foi nunha chiscadela de ollos que se desfixeron da palabra por non seren capaces de soster toda a enerxía que transmite, por non resistiren a súa escoita ante os datos de tanta dor.
Otero Pedraio dixo, tras a morte de Castelao, que había sempre pronunciar o seu nome en actos públicos e discursos. A intención era non só tiralo do esquecemento senón tamén dese reducionismo que prohibía falar do Castelao político e exiliado para o converter nun “simple” debuxante. E o de “simple” é o que está detrás das palabras da censura franquista após a súa morte, porque é evidente que nos seus debuxos, como o grande artista que tamén foi, está o horror da guerra, da represión e a dura ironía contra os poderosos. Toca este ano que comeza celebrarmos Castelao. E facelo desde a súa condición integral de persoa comprometida coa súa Terra –esta Galiza amada-, coa súa lingua, coa súa cultura, co seu patrimonio, coa súa arte, coa nosa maneira de estarmos no mundo. Desde o Concello de Santiago presentamos, xunto co gran deseñador Pepe Barro, unha proposta gráfica para que acompañe o seu nome como denominación da Estación Intermodal, algo aprobado hai anos xa por unanimidade do pleno da Corporación. Traballar para que sexa unha realidade no próximo ano é un dos moitos obxectivos que marcamos. E do resto continuaremos a falar mentres se apagan xa os días dun 2024 a que tampouco podemos deixar de nos referir sen falar de que foi o ano en que chegou un novo Nunca Máis a Galiza, o encarnado polo lema Altri Non, que seguirá dando que falar no ano que axiña comezará.
Mentres tanto, só un desexo, de maior relevancia do que parece, que saibamos descubrir as palabras baleiras e pronunciar con firmeza aquelas cargadas de significado. Sede felices! Boa estrela! @mundiario