Mozos rusos abandonan a súa zona de confort para opoñerse ás políticas belicistas de Putin

Vladímir Putin, presidente de Rusia. / RR SS.
Vladímir Putin, presidente de Rusia. / RR SS.
As guerras as carga o diaño. Ninguén sabe cómo rematan. Sabemos ben quen as perde. Ninguén gaña, agás algúns que non van a elas e negocian co armamento.
Mozos rusos abandonan a súa zona de confort para opoñerse ás políticas belicistas de Putin

(...) “E a vergoña estaba do outro lado, / Oh, podemos derrotalos, para sempre. / Entón poderiamos ser heroes, só por un día.” David Bowie. Héroes, 1977

David Boowie publicou en 1977 o seu duodécimo álbum, un magnífico disco titulado Héroes, probablemente un dos mellores do músico e compositor británico morto en 2.016. A canción que da nome ó álbum conta unha historia de amor diante do Muro de Berlín. Non sei por qué circunstancias, onte, vendo as imaxes das protestas en Moscú contra da guerra en Ukraína e a mobilización inmediata de 300.000 reservistas decretada por Putin, veume a canción de Bowie á cabeza. Certamente as mozas e mozos que berraban, entre outras consignas, “Eu non quero morrer por Putin”, nunha céntrica rúa comercial moscovita, rodeados por grandes continxentes policiais estaban arriscando moito, varios anos de cadea, ate 10. Para mín, eran e son heroes. 

Acontecía non só en Moscú, tamén noutras cidades rusas. Varios miles de xóvenes foron detidos. Nas imaxes non observei sinais de forza desproporcionada, como vemos frecuentemente en protestas similares noutras partes do mundo. E os manifestantes, adolescentes e mozas na súa gran maioría, entraban con resignación nos numerosos vehículos antidisturbios despregados. Mesmo algunhas detidas, transportadas en voandas por varios policías, seguían a berrar as súas consignas con entusiasmo.  

Lembrei ó instante manifestacións similares aquí, contra da Dictadura, uns anos antes de que David Bowie sacara o seu disco Héroes, en Santiago de Compostela, arredor da morte de Franco, saltos arriscados, policía secreta, grises por todas partes, carreiras, golpes e detencións, corazón a mil, medo... pouco parecido, pero rememorei de pronto aqueles anos. A cabeza non para... 

Hai uns días tentaba de responder á pregunta Qué foi do pacifismo? nun artigo na revista galega Tempos Novos que dirixe Luís Pousa. E hoxe teño que recoñecer que a mellor representación do activismo pacifista mundial estaba en Rusia. Con tódalas dificultades e riscos, contra a policía dunha Dictadura, pacíficamente, miles de mozas e mozos abandonaban a súa zona de confort para opoñerse ás políticas belicistas de Putin, dicían non á guerra, non á invasión da Ukraína, non a poñer as súas vidas, ás súas vidas! ó servizo do novo Zar.  

Porque as guerras as carga o diaño. Ninguén sabe cómo rematan. Sabemos ben quen as perde. Ninguén gaña, agás algúns que non van a elas e negocian co armamento. E Rusia sabe moito disto. Os máis grandes cambios políticos tiveron como trasfondo unha guerra, mesmo a Revolución de 1917 a protagonizaron, de maneira moi sobresaínte, soldados fartos da guerra e dos seus oficiais. Quizáis agora, como daquela, os desertores contaranse por miles, os fuxidos e os feridos para non ir á fronte irán en aumento, e as nais e as familias dos mortos non han calar. 

Non son dos que penso que Putin está derrotado, nen sequera que unha Rusia con armamento atómico pode ser vencida militarmente. Ou que a Ukraína, con todo o apoio de Occidente, teña a capacidade de impoñer todas as súas condicións. Haberá alto o fogo, tarde ou cedo, como hai intercambio de prisioneiros, e chegará a paz, por medio do diálogo, nunha mesa de negociación, como sempre ocorre. A cuestión é cánto tempo e cánto sufrimento máis teremos que soportar, especialmente, ucrainos e rusos, rusos e ucrainos. E confiemos en que as consecuencias do horror non aumenten e que a ameaza nuclear táctica sexa só iso, unha ameaza máis da disuasión. Ogallá! 

Mentres tanto, todo o meu apoio e solidariedade cos heroes de Rusia que desafiaron onte o medo e a represión da Dictadura, heroes por sempre. @mundiario

Comentarios