Hierba, a historia dunha esperanza

Hierba, de la coreana Keum Suk Gendry Kim. / RR SS
O que realmente impacta desta historia é, como a pesar desta vida de sufrimento, incluso nos peores momentos, a dignidade atopa algo de luz.

O impacto dun bo libro ten dúas dimensións, inmediata e a longo prazo. Podes gozar durante a lectura pero unha vez que o rematas e o pechas definitivamente ese libro colle vida propia no teu consciente e sobre todo no teu subconsciente. E ese impacto a longo prazo é o que fai de verdade sementeira.

Das miñas lecturas deste verán está collendo unha dimensión inesperada a novela gráfica Hierba, da coreana Keum Suk Gendry Kim. Por dúas razóns, por abrirme as portas a unha etapa histórica que descoñecía, o expansionismo xaponés polo continente asiático; pero sobre todo polo relato dunha vida enteira marcada polo sufrimento extremo e a capacidade de resistencia onde seguir vivindo vístese da máxima dignidade incluso nas peores condicións.

Hierba é a historia dunha nena coreana que sendo moi nova é vendida pola súa familia e como consecuencia da guerra acaba como “muller de consuelo”, que era como chamaban os xaponeses ás mulleres sometidas á escravitude sexual para satisfecer aos soldados.

Rematada a guerra, viviu 50 anos casada cun home que bebía e xogaba e non puido ser nai porque as miles de violacións sufridas nas “estacións de consuelo” fixérona estéril. Xa moi maior, e dentro dun programa de reagrupamento familiar, puido volver a ver aos seus irmáns dos que se separou de nena, pero estes rexeitárona polo seu pasado como escrava sexual.

O que realmente impacta desta historia é, como a pesar desta vida de sufrimento, incluso nos peores momentos, a dignidade atopa algo de luz, consigue namorarse neses prostíbulos militares, xorden amizades puras e verdadeiras e ama ao fillo do seu marido como propio. Na peor das escuridades ten soños, ilusións e sobre todo esperanza. Como dicía, a maxia dun libro é misteriosa, e multiplica todos os seus efectos unha vez rematado, isto é facilmente comprobable no xeito en que sentimos como medra dentro de nós. @mundiario