Galiza despois do 18-F: comeza a conta atrás

Ana Pontón. / BNG
Ana Pontón. / BNG
Nada volverá ser igual porque o nacionalismo galego, imparábel na súa progresión con Ana Pontón á cabeza, rompe todos os teitos e todo anuncia que continuará a ser así, penetrando na base electoral do PP e provocando un punto de inflexión, un antes e un despois do 18-F.
Galiza despois do 18-F: comeza a conta atrás

Após as eleccións do 18 de febreiro é evidente que vai haber moitas cousas que non vai comezar o tempo novo que este país necesitaba. O propio Alfonso Rueda acaba de comunicar que ninguén espera del grandes cambios. Teremos, pois, unha política continuísta, onde o PP (triunfador desta convocatoria electoral) non vai tomar nota do importante número de persoas que quere outra dirección para cuestións tan relevantes como os servizos públicos (a sanidade e a educación), outras políticas de conciliación, a aposta pola ciencia e a innovación ou a defensa dos sectores produtivos. Tamén parece desprenderse das afirmacións de Rueda que seguirá o apoio ao espolio eólico do noso territorio e que continuaremos sen reclamar maiores competencias para mellorar a vida do conxunto da poboación. Sen ningunha dúbida estas non son boas noticias para Galiza e o resultado do 18-F frustra as expectativas dunha relevante parte da sociedade galega que aposta pola transformación e modernización do noso país, por aproveitar as súas potencialidades e situalo na vangarda. 

Mais, á marxe da vitoria do PP, o que cómpre recoñecer é que algo mudou para sempre na Galiza. E diso deben ser conscientes as persoas que habitan neste país. Algo mudou para sempre. Porque foi o BNG o que subiu en votos e porcentaxe e quen o fixo dunha maneira espectacular, para se consolidar de maneira clara como a alternativa á dereita.

Nada volverá ser igual porque o nacionalismo galego, imparábel na súa progresión con Ana Pontón á cabeza, rompe todos os teitos e todo anuncia que continuará a ser así, penetrando na base electoral do PP e provocando un punto de inflexión, un antes e un despois do 18-F. Unha campaña extraordinaria, centrada nos problemas do país, que xerou entusiasmo e abriu a esperanza dun novo tempo. Só o recoñecemento do efecto da campaña explica a airada reacción en contra do PP co obxectivo de criminalizar o nacionalismo e espallar a teoría do medo, con infundios e manipulacións. Con todo, a maioría da poboación deste país coñece ben as argucias da dereita e ese discurso falaz ten os días contados. Comeza a conta atrás para a hexemonía do PP.  

Lembremos que un/unha de cada tres galegos/as colleu a papeleta do BNG, e que esta forza política foi apoiada por case 500.000 persoas. Recordemos tamén que a suma de votos nacionalistas e socialistas nas cidades supera o PP e que en máis de 100 concellos o BNG superou o 30% de porcentaxe de apoio electoral. Se imos ás cidades, que en Vigo (e na súa contorna) o nacionalismo pasase a ser primeira forza significa un cambio de paradigma, o recoñecemento de que a solución, a alternativa ás políticas do PP está no BNG, a forza que mellor defende o noso país. 

Vontade de cambio da sociedade galega

Mais non é só o estupendo resultado de Vigo. A capital do país continúa tamén un camiño de incremento de apoios ao BNG, cunha porcentaxe do 37% e unha media superior en máis de 5 puntos á do conxunto do país. A forza do BNG no mundo urbano e nas franxas etáreas máis novas dá boa conta da vontade de cambio da sociedade galega. Con incrementos porcentuais de apoio respecto das anteriores galegas dun 13,69% en Vigo, un 9,21% en Ferrol ou un 8,80% na Coruña.

A esta situación non é allea a consolidación dunha dirixente que é a mellor valorada pola cidadanía, unha Ana Pontón que sae fortalecida deste proceso electoral e que ten aínda un longo camiño por percorrer. No balance dos resultados electorais non podemos ocultar a insatisfacción por non acadarmos o obxectivo de mudar as políticas que a dereita leva anos practicando. Porén, temos que salientar que as fiestras da esperanza están máis abertas que nunca e que o 18-F sinala un fito na historia política da Galiza: o nacionalismo galego é a alternativa para a transformación deste país. E, aínda que poida non parecelo, xa non hai marcha atrás. @mundiario

Comentarios