O día a día na Alcaldía

Nadal en Compostela. / Mundiario
Nadal en Compostela. / Mundiario
Todo o mundo sabe da singularidade de Santiago e coñece que aquí existen moitas ocupacións e problemáticas habituais que noutros lugares entrarían no capítulo do esporádico. Dito doutro modo, o extraordinario en Compostela fai parte do ordinario.
O día a día na Alcaldía

Vanse cumprir os seis meses da chegada á Alcaldía e non hai día en que alguén non me pregunte se era como eu pensaba e se se ven as cousas moi diferentes por dentro que por fóra. Tamén hai quen sabe perfectamente que o tempo das administracións é lento e que, por tanto, é difícil que se vexan moitas mudanzas no curto prazo. Mais habelas hóuboas. Boa proba diso –por falarmos da máis recente– foi a preparación da celebración do Nadal, feita desde unha perspectiva moito máis ampla da que se desenvolvera até o de agora.

Co interese de que o Nadal se convertese na terceira festa de Compostela (despois da Ascensión e do 25 de Xullo) e de que fose un tempo para vivir, que potenciase que as persoas que habitamos no Concello nos implicásemos, gozásemos cada día e enchésemos as rúas e as actividades previstas, o programa non partiu só do Departamento de Festas nin foi un sumatorio do proposto desde diferentes servizos. Facendo realidade aquilo que sempre defendemos (a transversalidade, coordinación e práctica colaborativa) houbo moitas xuntanzas entre persoal técnico e político dos diferentes servizos para deseñar unhas festas para todo o mundo, que chamasen ao xogo das crianzas, ao dinamismo comercial, á aposta pola cultura, á alternativa deportiva, ao fomento do uso da nosa lingua, ao recoñecemento das tradicións e á implicación veciñal. 

O primeiro dos resultados xa está á vista nas nove instalacións de Nadal en diferentes puntos da cidade, a máis ampla na Praza do Obradoiro, cunha altísima aceptación popular xa nestes primeiros días. O día a día tamén é continuar a escoitar e ver o feedback positivo de tantas persoas. E os comentarios de que cada unha das accións é un novo acerto continúa nos concertos e actividades da “Carpa Roxa”, con primacía dos grupos do Centro Xove da Almáciga e a oportunidade de escoitar artistas locais, aquelxs que comezan agora e aqueloutrxs que son xa referentes da creatividade local. Porque o Ensanche debe ser unha zona chea de vida e continuará a ser coidada de maneira especial por este goberno municipal.

Fican aínda moitas sorpresas por desvendar nas próximas semanas mais, como case sempre acontece, é unha mudanza nos procedementos o que significa un cambio substancial –cualitativamente mellor– dos resultados acadados. 

Son moitas as cousas que hai que enfrontar

Este é o enfoque, a perspectiva, con que traballamos no día a día. Sabedoras de que o tempo é limitado, dedicamos a maioría dos esforzos a deseñar accións que muden os xeitos de funcionar e estabelezan regras áxiles para que o resultado sexa o mellor dos servizos posíbeis. Volvéndomos á pregunta inicial que moitas persoas me fan reiteradamente, a verdade é que, a pesar do coñecemento profundo da maquinaria do Concello, dos seus recursos humanos e económicos, son moitas as cousas que hai que enfrontar no día a día e o que máis boto en falta é tempo para pensar. A ninguén se lle oculta que ese é un dos problemas do labor de rexedora municipal, máxime no caso de Compostela, un lugar simbólico, a capital do país. Sobre a planificación a medio e longo prazo respecto ao modelo de cidade e de concello que queremos superpóñense numerosas urxencias diarias que lle restan tempo á primeira e, sen ningunha dúbida, máis importante das tarefas. 

Para alén deses asuntos sobrevidos que non podo deixar de atender,  Santiago ten un grao de representación moi alto. É case imposíbel acharmos un día sen un acto público en que se requira a miña presenza. A capital da Galiza mantén relacións constantes coa Universidade, coa Xunta, co Estado, coa Igrexa,  preside entidades e sociedades, é concello de referencia comarcal e posúe unha moi importante transcendencia a nivel nacional. E mesmo ten representacións que asumir a nivel estatal, entre as que destacamos a Asemblea de Cidades Patrimonio, de que teremos a Presidencia a partir do 1 de xullo de 2024. Asumir a Alcaldía non supón só priorizar os retos que melloren a calidade de vida da veciñanza senón tamén dotarse dos medios que contribúan a axilizar os trámites que son obrigatorios para a poboación compostelá. Que non é pouco.

Aínda así, teño a sorte de contar cun equipo fantástico, concelleiras e concelleiros e persoal eventual cunha entrega extraordinaria. Varias destas persoas xa coñecían moi ben o funcionamento interno do Concello, pasaran por cargos relevantes ou traballaran nesta ou noutras administracións municipais. A experiencia é un altísimo valor acrecentado en calquera concello mais moito máis na capital do país. E levo comigo o inmenso caudal do aprendido na oposición e nas tarefas de goberno que o propio BNG realizou tamén neste concello. 

O extraordinario en Compostela fai parte do ordinario

A queixa máis reiterada do persoal municipal –a quen agradezo inmensamente a súa vontade colaborativa e o seu esforzo para que os asuntos saian adiante– é xustamente a falta de efectivos. A taxa de reposición leva sendo un lastre para as administracións públicas, tamén para a municipal, que ten un persoal –funcionario e laboral– envellecido e sen posibilidades máis que dunha mínima renovación a curto prazo. Este feito, xunto co insuficiente financiamento municipal e o feito de asumirmos competencias impropias que a Administración galega nos vai incorporando, condiciona todas as decisións e limita a nosa capacidade de actuación. Cómpre tamén termos presente o significado de facer fronte ás necesidades dun territorio tan amplo e dunha cidade que é capital do país cunha poboación limitada que se ve enormemente incrementada no día a día. Todo o mundo sabe da singularidade de Santiago e coñece que aquí existen moitas ocupacións e problemáticas habituais que noutros lugares entrarían no capítulo do esporádico. Dito doutro modo, o extraordinario en Compostela fai parte do ordinario.   

Ter que tomar decisións relevantes, e facelo de maneira dialogada e con implicación política e técnica, require un tempo que dificulta atender como debera a cantidade de peticións de entrevista por parte de sectores sociais, axentes culturais, persoas emprendedoras, colectivos cidadáns e un longo etcétera que quizais non entendan as dificultades de conciliar o traballo interno co externo. E é que sen un bo funcionamento de coordinación e planificación, que vaia pondo as bases do que se precisa para o deseño da Compostela dos próximos 10 anos, nunha política de altura que pense a nosa cidade e o noso concello ao grande, non será posíbel unha transformación en positivo en beneficio de quen vive ou traballa en Compostela. 

Vocación de servizo público

Nas decisións do día a día, mesmo que non se vexan tanto como a aposta por unhas festas de Nadal á altura do que Santiago merece, está o novo organigrama de funcionamento municipal, coa aposta pola profesionalización e pola coordinación das grandes áreas en que se dividen os labores que realiza o Concello. E está a tarefa constante de que exista a mellor das sintonías entre a parte política e a técnica. Todas e cada unha delas son xornadas intensas, de moito traballo, lóxica derivada do compromiso e responsabilidade que asumimos e da vocación de servizo público que partillamos.

Finalmente, como balance do día a día destes case seis meses de goberno, quero deixar constancia do inmenso traballo colectivo que  agradezo a todas as persoas que forman parte deste goberno e ás que traballan nos servizos municipais e, sobre todo, visibilizar os pasos que demos a prol doutro xeito de traballar: transversal colaborativo, con reforzo das imprescindíbeis ligazóns entre a parte técnica e a política e conseguindo que se concrete aquilo que sempre defendín: que os procedementos son a propia política. @mundiario

Comentarios