Chapapote versus dignidade

Manifestación en Compostela tras o Prestige, o 1 de decembro de 2002. / Mundiario
Manifestación en Compostela tras o Prestige, o 1 de decembro de 2002. / Mundiario
A manifestación dos paraugas do 1 de decembro de 2002 en Compostela foi unha mobilización espectacular que deu paso á das maletas na Coruña o 9 de febreiro de 2003 e a marcha sobre Madrid o 23 de febreiro dese mesmo ano.
Chapapote versus dignidade

Nuns días cumprirase o vixésimo aniversario do afundimento do Prestige, unha historia de catástrofe ecolóxica en forma de chapapote e incompetencia gobernamental, mais tamén unha historia de dignidade e afouteza, a historia da resposta orgullosa dun pobo, que se materializou nas nosas cidades, vilas e aldeas coa maior mobilización da nosa historia. Esta reacción naceu dun fondo sentimento de amor pola nosa terra e o noso mar que nunca antes se traducira nunha resposta social tan intensa como a vivida naqueles meses. Foi evidente o impulso do nacionalismo galego, que puxo todo o seu esforzo, capacidade organizativa e medios en contribuír a combater a contaminación e frear o desastre ecolóxico que se aveciñaba. Por iso tamén é parte imprescindíbel do relato daqueles feitos.

Os días seguintes ao 13 de novembro de 2002 supuxeron a demostración máis palpábel de estarmos a padecer o goberno –na Xunta e no Estado– de persoas ineficientes e manipuladoras, capaces de mentir para se manteren nos seus cargos e para frear a rabia que daba lugar a unha autoorganización espectacular do pobo galego. Quizais para moita xente por vez primeira foi evidente que a información dada polas autoridades gobernamentais non sempre é honesta e que era difícil acreditar naqueles “hilillos de plastilina” de que falaba Raxoi co fuel entrando polas nosas rías. Foron nefastas as decisións políticas tomadas a centos de quilómetros, mesmo durante unha cacería, sen que houbese dimisións.

De aí, a consciencia de que algo había que facer contra quen mandaba pasear pola costa un petroleiro monocasco vertendo fuel, unha sensación de desamparo que deu lugar ao movemento Nunca máis e a unha serie de accións sen precedentes que nos encheron de orgullo e dignidade.

Foi o tempo en que mariñeiros, mariscadoras, mais tamén xente doutros ámbitos profesionais saíron ao mar recoller fuel nos seus barcos, en capachos, coas súas propias mans, tempos en que todo o mundo axudou fronte a escandalosa falta de medios materiais ou humanos dunha administración ausente.

Foi o tempo de colapsar as autoestradas e berrar ben alto Nunca Máis. 

Foi o tempo da dignidade fronte ao chapapote.

Foi o momento en que medrou a solidariedade por toda a nosa xeografía e en que se achegaron persoas voluntarias de todo o mundo para frear o desastre causado pola neglixencia e o non saber facer dos nosos gobernantes.

Prestige, Premio Coruxa  2003 / David Vela Cervera
Prestige, Premio Coruxa 2003 / David Vela Cervera

Compostela, A Coruña e Madrid 

Actuabamos a contrareloxio, con frenesí, con ansia. Todos os días había asembleas e xuntanzas, reaccións de protesta, imaxinativas, creativas, reivindicativas, tanto no quilómetro 0 do sinistro como en todas as vilas e cidades do noso país. A manifestación dos paraugas do 1 de decembro en Compostela, en que enchemos varias veces o Obradoiro, foi unha mobilización espectacular que deu paso á das maletas na Coruña o 9 de febreiro de 2003 e a marcha sobre Madrid o 23 de febreiro dese mesmo ano.

O pobo galego, tantas veces tratado de servil e silencioso, deixouse ouvir e mostrou como nunca o seu sentimento de amor polo seu, de fonda tristura polo que acontecía no noso mar e nas nosas costas. Dese orgullo, desa defensa do noso, sentimos fachenda a día de hoxe porque sabemos que temos un pobo capaz de reaxir e de facer fronte ás adversidades. E de unirse por un obxectivo común: combater o grave atentado contra o noso País –en termos ecolóxicos mais tamén económicos– e sinalar a incapacidade de xestión ante un accidente desa envergadura.

Burla Negra

Mais esa intensidade de accións, co nacionalismo político e sindical poñendo ao servizo da sociedade galega todos os seus efectivos e capacidade de organización, xerou unha dinámica de autoorganización en ámbitos moi diferentes. Xurdiu a Burla Negra, núcleo de resposta das xentes da cultura, que realizaron accións expansivas por todo o territorio e demostraron ter unha poderosa capacidade de imaxinación e de coherencia. E apareceu, inmediatamente despois, Area Negra, colectivo nacido na comunidade educativa despois de que todo o mundo do ensino desenvolvese unha intensa actividade de sensibilización sobre o sucedido. Paga a pena lembrar o cadro deseñado pola comunidade educativa do IES de Sar onde a famosa obra das espigadoras de Millet aparecía reconvertida nas apañadoras de fuel. Mais, sobre todo, é preciso ponderar vinte anos máis tarde as dimensións da épica acción da cadea humana, con eses milleiros de estudantes unindo coas súas mans a costa desde Laxe até Muxía. Un desafío climatolóxico naquela altura mais tamén un desafío ás autoridades educativas que recorreron a canta trampa puideron para tentar frear un movemento que nunca foron quen de controlar, por máis que tentaron criminalizalo.

Porén, que aconteceu desde aquela até a actualidade? , que tipo de inducida amnesia colectiva padecemos para que se borrase o maior momento de dignidade do pobo galego? Por que a xente xa non lembra a cadea humana nin a gaivota chea de chapapote que saía da man de Pepe Penabade en todas as manifestacións do Prestige? Por que seguimos tendo problemas de inseguranza marítima? Por que o PP renunciou a obter ningunha outra competencia do Estado, incluídas as relacionadas coa nosa costa e o dominio público marítimo-terrestre?

La foto del Prestige de Xurxo Lobato que ya ha hecho historia.
A foto do Prestige de Xurxo Lobato que ya fixo historia.

Nunca Máis

Cómpre realizar o esforzo de actualizar o que significou o movemento Nunca Máis, contar a nosa historia, desde aquí, desde as persoas que protagonizaron este particular punto de inflexión que tivo na capacidade de autoorganización o eixo principal do seu éxito. Neste aniversario é fácil que se lembre o atentado do Prestige sen contar coas verdadeiras persoas protagonistas. Acontece en moitos casos e neste estou segura de que tamén pasará. Mais é de xustiza saber quen estaba aí, quen (se) mobilizou, e quen puxo todas as súas estruturas ao servizo da defensa do país.  

Trátase, pois, de facer xustiza, de ter memoria histórica e de contar as cousas como foron. Parafraseando Margarita Ledo, quen afirmou que as décadas entre 1916 e 1936 supuxeron que as persoas que as protagonizaron prepararon o contexto para que todo puidese acontecer, hoxe tamén podemos afirmar que os finais de 2002 e todo 2003 foron momentos de indignación e de entusiasmo, cunha reacción que fixo que puidésemos soñar outro futuro posíbel. @mundiario

Comentarios